O xenoma da pescada desvela os mecanismos que determinan se será macho ou femia

Coñecer mellor os procesos de reproducción abre a porta a dispoñer dunha ferramenta sinxela e económica para asegurar a súa sostibilidade

A pescada europea (Merluccius merluccius), unha das iconas máis emblemáticas da gastronomía galega, é tamén unha das especies máis importantes do país e de gran parte de Europa. O seu extenso hábitat, que abarca desde o mar Mediterráneo ata o océano Atlántico nororiental, e tamén desde as costas de Noruega e Islandia ata o golfo de Guinea, converteuna nunha especie de gran valor comercial. Agora, un equipo conformado por persoal investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) e o Centro Nacional de Análise Xenómica (CNAG), conseguiu identificar o mecanismo que determina o sexo desta especie para partir do ensamblado do seu xenoma.

A pescada sufriu dunha intensiva presión pesqueira que a levou a ser unha especie sobreexplotada. Coñecer mellor a súa bioloxía e xenética é clave para mellorar a súa xestión e garantir a súa sostibilidade a longo prazo. Esta información “será de grande utilidade para a xestión pesqueira da pescada europea no contexto do cambio climático, onde as ferramentas de identificación sexual non invasivas son esenciais”, como explican Paulino Martínez, catedrático de Xenética da USC, e Fran Saborido, do CSIC, principais asinantes do artigo.

Publicidade

A pescada é unha especie gonocorista, o que implica que haxa individuos machos e femias. Esta diferenza maniféstase de forma moi visible, xa que as femias alcanzan maiores tamaños e pesos que os machos. Desta forma, dispoñer dunha ferramenta accesible para coñecer o seu sexo sería un gran paso para a xestión das súas pesqueiras. Sobre todo, polo rumbo na pesca de exemplares por tamaño e os problemas asociados á reversión sexual debidos a contaminantes presentes no medio mariño e relacionados co incremento de temperatura polo cambio climático.

O sexo nos peixes, máis aló dunha cuestión xenética

A diferenza dos mamíferos e aves, cun sistema de determinación sexual xenético altamente conservado, nos peixes este proceso é moi diverso e ademais influenciable por factores ambientais como a temperatura. Ata a data, identificáronse ata 27 xenes diferentes que regulan o sexo nos peixes, presentando mesmo variacións dentro dun mesma familia. Este é o caso dos peixes planos (da orde dos Pleuronectiformes), no que se identificaron ata seis xenes diferentes.

Publicidade

Ademais da xenética, hai especies nas que o sexo vén determinado por factores ambientais, como a temperatura ou o contexto social. Noutras, como os hermafroditas secuenciais, poden nacer machos e converterse en femias ou á inversa. Un gran número de variables e mecanismos que a comunidade científica está cada vez máis preto de comprender, grazas aos rápidos avances nas tecnoloxías de secuenciación e bioinformática que permiten obter xenomas de referencia a nivel cromosómico das especies.

Xustamente a través do mapa de ADN da pescada, logrouse esclarecer os motivos polos que uns exemplares son femias e outros son machos. Neste estudo, realizado en colaboración con CNAG, USC, IIM-CSIC e o Instituto Oceanográfico de Vigo (IEO), ensamblouse o xenoma de pescada nos 21 cromosomas do seu cariotipo alcanzando un tamaño de 715 millóns de bases (Mb) e no que se puideron anotar 26.625 xenes codificantes de proteínas. Trátase dun xenoma pequeno, unhas catro veces menor que o dos seres humanos (3000 Mb), pero con tan só dous cromosomas menos e un mecanismo para determinar o sexo tamén parecido.

Clave para a conservación

De acordo ao líder do equipo de Ensamblaxe e Anotación do Xenoma en CNAG, o doutor Tyler Alioto: “Ata o de agora era un completo misterio como esta especie tan coñecida determina o seu sexo. Grazas a técnicas avanzadas de secuenciación, descubrimos esta información clave que axudará decisivamente á súa conservación e protección”.

Tomando como referencia este xenoma, comparouse o ADN completo de cinco machos e de cinco femias para buscar diferenzas relacionadas co sexo. Así localizaron unha rexión no cromosoma 9 de aproximadamente uns 10 Mb que incluía varios xenes implicados no desenvolvemento dos órganos reprodutores. En particular, moi próximo ao xene sox3 (homólogo do srY de mamíferos), identificáronse variacións xenéticas moi pequenas (cambios nunha soa base do ADN, coñecido como SNP ou Single Nucleotide Polymorphism). Estas diferenzas revelaron un patrón claro: os machos son heterocigotos (con dúas versións distintas do xene) e as femias son homocigotos (con dúas copias iguais). Este achado apunta a un sistema de determinación do sexo XX/XY, como o dos seres humanos, e foi confirmado máis adiante cunha mostra moito maior de exemplares de distintos sexos. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla