Detectada unha forte diminución de metais tóxicos nas algas da costa galega

Un equipo da USC rexistra menor presenza de cobre, cadmio, mercurio e cromo pero acha un aumento do arsénico

Un equipo da Universidade de Santiago (USC) detectou unha menor taxa de metais nas algas pardas. O estudo comparou diversas mostras recollidas entre 1990 e 2021 e analizou a presenza dalgúns dos principais elementos tóxicos. Este avance no descenso da contaminación é importante, xa que os peixes consomen ese alimento e o seu estado ten consecuencias en toda a cadea trófica.

O artigo, que foi publicado na revista Environmental Science & Technology, analizou un total de 446 mostras recollidas en 173 puntos da costa de Galicia de algas pardas do xénero Fucus. “Trátase da serie máis completa e estandarizada deste tipo en macroalgas a nivel internacional”, explican dende o equipo. Os resultados amosan un descenso significativo de metais de orixe humana como o cobre (-84,7%), o cromo (-84,6%), o mercurio (-49,6%) e o cadmio (-36,7%). Para os autores do estudo isto suxire unha mellora na calidade ambiental e evidencia a efectividade das medidas de control da contaminación implantadas nas últimas décadas. Por exemplo, o tratamento de augas residuais a través da modernización das instalacións e creación de novas plantas.

Publicidade

Empeora a contaminación por arsénico

A pesar dos bos datos, o equipo de traballo si detectou un aumento da presenza do arsénico dun 36,1%. As causas aínda non están claras. O equipo investigador considera que se podería tratar de cambios na achega de sedimentos, variacións na biodispoñibilidade e novas fontes como verteduras subterráneas.

As algas pardas Fucus son especies clave nos ecosistemas costeiros xa que contribúen á estrutura dos hábitats e sustentan unha alta biodiversidade. A cuestión é que tamén actúan como unha entrada de contaminantes na cadea trófica ao ser consumidas por numerosos invertebrados e peixes. Todo isto implica que estudar os niveis de metais nestes organismos resulte esencial para avaliar os riscos ambientais, segundo o equipo integrado por persoal investigador da USC e do Instituto Español de Oceanografía (IEO) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Publicidade

Medidas efectivas

A nivel espacial observáronse concentracións máis elevadas nas zonas internas das rías, sen que se identifiquen patróns claros de norte a sur. “É importante destacar que as concentracións nos organismos non teñen por que reflectir directamente os niveis no medio (auga ou sedimento)”, destacan. Por iso é imprescindible vixiar directamente os organismos vivos, pois é a única forma de saber realmente como lles está afectando a contaminación.

En xeral, os datos indican que as medidas ambientais aplicadas desde os anos 90 foron efectivas. Polo menos, segundo esa análise dos potenciais elementos tóxicos. Con todo, o aumento de arsénico pon sobre a mesa a complexidade das dinámicas e de como hai múltiples factores poden afectar a esta situación. Por exemplo, a presente acidificación dos océanos. “Todo isto subliña a necesidade de manter redes de vixilancia a longo prazo”, advirten os investigadores. Estes consideran que esa supervisión é fundamental para avaliar a evolución da calidade ambiental e garantir a protección da biodiversidade mariña.


Referencia: Three Decades of Change in Potentially Toxic Elements in Brown Algae in the Northeast Atlantic Ocean (Publicado en Environmental Science & Technology)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla