O químico galego José Luis Mascareñas recibe o Premio Rei Jaume I en Investigación Básica

O xurado, que conta con ata cinco premios Nobel, destaca a introdución de reaccións catalizadas por metais en células vivas

O catedrático da Universidade de Santiago (USC) e investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) José Luis Mascareñas foi galardoado co prestixioso Premio Rei Jaume I. Fíxoo na categoría de Investigación Básica polos seus traballos pioneiros en química órgano-metálica, segundo destaca o xurado.

Para Mascareñas, este premio supón un recoñecemento especial á ciencia, que non persegue unha aplicación inmediata “pero que é o xermolo dos grandes avances científicos e tecnolóxicos”. E aínda que se outorga a título individual, o catedrático quixo compartilo con todas as persoas que traballaron con el durante estes anos. “Sen o seu talento, esforzo e dedicación, nada disto sería posible”, asegurou.

Publicidade

O xurado, que conta con ata cinco premios Nobel, destaca a introdución de reaccións catalizadas por metais en células vivas. Estaa poden abrir novas vías para o desenvolvemento de ferramentas químicas aplicables en contornas biolóxicas complexas.

Máis de 250 artigos en revistas de impacto

Doutor en Química pola USC con estancias posdoutorais nas universidades de Stanford, Harvard, Cambridge e o MIT, José Luis Mascareñas foi director científico do CiQUS. Alí lidera agora o grupo MetBioCat de estudo de novas estratexias de catálise bioinspirada, química bioortogonal e reactividade controlada en contornas celulares. O seu equipo traballa no deseño de complexos metálicos capaces de operar dentro de células vivas para inducir reaccións químicas non naturais, unha liña de investigación que abre novas perspectivas para a biomedicina, a biotecnoloxía e a enxeñaría molecular.

Publicidade

Ao longo da súa carreira publicou máis de 250 artigos en revistas científicas de alto impacto. Tamén recibiu numerosos recoñecementos, entre os que destaca a ERC Advanced Grant, concedida polo Consello Europeo de Investigación. O mes pasado, Mascareñas presidiu a Bürgenstock Conference, un dos encontros máis selectivos e relevantes da química internacional, converténdose no terceiro científico español en ocupar esa posición.

Unha chamada á defensa da ciencia

Mascareñas recollerá o premio o próximo mes de novembro en Valencia. O presidente da Fundación Valenciana Premios Rei Jaume I, Vicente Boluda, afirmou que estes galardóns non son só unha distinción senón que representan o recoñecemento á dedicación, esforzo e talento sobresaliente. Ademais, tamén aproveitou para defender a importancia da ciencia. “Nun tempo no que a proliferación de populismos e os desafíos globais esixen respostas firmes e colaborativas, como sociedade civil non debemos permitir ningún retroceso”, afirmou.

Nesta 37ª edición foron tamén distinguidos Jan Eeckhout (Economía), Núria López-Bigas (Investigación Biomédica), Silvia de San José Llongueras (Investigación Clínica e Saúde Pública), Victoria Reyes García (Protección do Medio Ambiente), María Jesús Vicent D’Ocón (Novas Tecnoloxías) e Damià Tormo Carulla (Revelación Empresarial). A edición de 2025 destaca ademais pola notable presenza de mulleres entre as persoas premiadas, unha circunstancia pouco frecuente en anteriores convocatorias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cen anos d’O Mariscal, a obra teatral que pintou a Pardo de Cela como símbolo das liberdades galegas

A Real Academia Galega celebrará un acto conmemorativo de entrada libre o xoves 15 ás 16:30 horas no Museo de Ramón Cabanillas, en Cambados

Galicia avalía a realidade virtual como alternativa para tratar as fobias específicas

Un informe de Avalia-t analiza a súa eficacia fronte a outros modos de terapia de exposición, o tratamento recomendado polas Guías de Práctica Clínica

Dun rosco de palabras a localizar o teu concello: coñece a nova plataforma de pasatempos en galego

A páxina web Ludogal ofrece catro xogos en liña gratuítos de vocabulario e xeografía para promover o uso do galego

Un texto inédito de 1760 saca á luz o achado dun corpo saponificado en Noia: “Foi unha profunda conmoción”

O cura de Fruíme investigou o caso e negou a santidade do cadáver, ao que o pobo lle arrincara varias partes para usalas como reliquias