Resultados negativos para avanzar na ciencia: a valente aposta dunha investigadora galega

O grupo de Inmunoloxía do CINBIO leva anos estudando distintas vías para tratar o cancro de páncreas, un dos máis agresivos

Todos os días lemos novas de avances, resultados prometedores e ensaios clínicos con éxito para tratar enfermidades como o cancro. A explosión nos últimos anos de novas terapias, da medicina personalizada e de precisión ou de tratamentos experimentais debuxa un horizonte esperanzador para moitos pacientes de enfermidades que hai non moito serían consideradas intratables. Porén, a ciencia non só se constrúe en base aos éxitos: os resultados negativos son unha parte imprescindible, que outorga aos investigadores unha visión moito máis real do comportamento do corpo humano e da súa resposta aos distintos tratamentos e terapias.

Esta é a filosofía que África González, investigadora principal do grupo de Inmunoloxía do CINBIO (Centro cofinanciado con fondos FEDER), tenta aplicar no día a día do seu traballo. Unha maneira de enfocar a investigación que, por desgraza, non adoita ser a norma, xa que as revistas académicas de maior prestixio e impacto en moi poucas ocasións publican estudos que amosen resultados negativos ou experimentos que “fracasan”. González estudou Medicina, mais a súa paixón pola ciencia acompañouna dende o primeiro momento: “A miña especialidade como médica, a de inmunoloxía, xa tiña unha base de laboratorio e de investigación moi importante”, lembra. No seu percorrido ata chegou a traballar co Premio Nobel César Milstein en Inglaterra.

Publicidade

Xa de volta decidiu sumar á súa mochila como profesional outra nova paixón, a docencia, ademais de participar na creación do propio CINBIO, do cal sería a directora durante 10 anos. Agora, González céntrase máis na investigación. Iso si, sen deixar de lado o plano médico, xa que na actualidade tamén coordina a área de Inmunidade e Enfermidades Infecciosas do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur: “A colaboración entre a investigación básica e a clínica é imprescindible, non só para obter mostras biolóxicas, senón porque permite probar novas ideas”.

O cancro de páncreas, un tumor “silente”

Aínda que o grupo que lidera González recibe o título de Inmunoloxía, as súas liñas de investigación van moito máis alá: o persoal investigador leva anos estudando un dos cancros máis agresivos, o de páncreas, que no ano 2023 causou case 9.000 mortes no conxunto de España: “Unha cousa moi típica deste tipo de cancro é que o tumor forma unha coiraza fibrosa moi complexa de atacar, o cal impide que os fármacos ou mesmo o sistema inmune sexan capaces de actuar dentro desta barreira”.

Publicidade

Unha das causas que explica a súa alta taxa de mortalidade é a localización, detrás do estómago. Tal e como apunta a investigadora: “Poden ser tumores moi silentes, que están moitos anos sen dar a cara e que adoitan implicar síntomas moi vagos, como unha dor nas costas ou dixestións máis pesadas”. O páncreas segue a funcionar, producindo a insulina e os enzimas pancreáticos, e por iso cando se atopa o tumor xa é tan grande, e moitas veces inoperable. Neses estadios, o cancro adoita invadir outras zonas, como o fígado, o estómago ou o bazo: tanto a cirurxía como a quimioterapia xa non teñen nada que facer.

A íntima relación entre sistema inmune e cancro

Que o grupo de Inmunoloxía investigue o cancro non é estraño. De feito, a relación entre este conxunto de enfermidades e o noso sistema inmune é completamente íntima: “Moita xente pensa que é un mecanismo de defensa, e si, pero tamén é un sistema de vixilancia que vai eliminando células envellecidas, que detecta sinais de perigo, que por suposto rexeita os transplantes incompatibles… e que ten unha importante vixilancia tumoral”, conta González. Segundo a investigadora do CINBIO, tódolos días xorden no noso corpo células danadas e con mutacións, e parte da función do noso sistema inmune é eliminar ditas células potencialmente tumorais. A súa importancia é tal que, na actualidade, unha das terapias máis prometedoras contra o cancro baséase en “espertar” o sistema de vixilancia de cada paciente para que ataque ao seu propio tumor: si, falamos da inmunoterapia.

“Coñecer máis sobre o noso sistema inmune non só nos axuda a entender o seu papel como sistema de vixilancia antitumoral, senón que tamén permite empregar algunhas das súas ferramentas, como anticorpos e células, para loitar directamente contra o tumor: esa é a gran revolución dos últimos anos”, reflexiona a científica.

A revolución da inmunoterapia non só implicou grandes avances para a investigación biomédica: tamén mellorou a calidade de vida de moitos pacientes oncolóxicos. A quimioterapia convencional está composta por fármacos que afectan a división celular, por iso adoitan afectar a tódalas células que se dividen, non só ás tumorais, coa consecuente caída do pelo, afectacións a nivel gastrointestinal ou na pel, e unha serie de síntomas que acompañan o tratamento. A inmunoterapia supuxo a posibilidade de crear e deseñar formas de atacar os tumores dun xeito moito máis dirixido e sen danar outras partes do corpo.

Unha aposta necesaria

A aproximación ao cancro a través do noso sistema inmune sen dúbida marcou un antes e un despois na forma de entender e tratar unha enfermidade tan complexa e cun nome propio para cada paciente. Porén, o coñecemento do cal dispoñemos a día de hoxe non existiría sen unha serie de fracasos e experimentos cuxos resultados foron “negativos”. É o caso dun dos estudos realizados polo grupo de Inmunoloxía do CINBIO, publicado na prestixiosa revista académica Frontiers.

No traballo, o persoal investigador tentou aplicar a seguinte lóxica: “No cancro do páncreas hai unha mutación moi frecuente, que afecta no 90% dos casos a unha proteína concreta, que chamamos K-Ras, o cal converte a esta molécula nunha diana perfecta para deseñar unha vacina”, explica González. Coas vacinas, os científicos poden “adestrar” o noso sistema inmune, como se lle ensinaran a foto dun fuxitivo, de modo que cando o noso sistema de vixilancia atope a figura que veu na imaxe ataca dun xeito extraordinariamente eficaz.

Fixeron o experimento, probando tanto unha vacina comercial como unha creada polo grupo, e os resultados foron sorprendentes: “Atopamos que a vacina non só non estaba funcionando senón que, dun xeito contrario, era prexudicial e ata incrementaba os tumores”, lembra a líder do grupo. Repetiron o experimento tantas veces como lles foi posible, ata estar completamente seguros do que acontecera no seu laboratorio.

A lección aprendida

Xurdiron as dúbidas: “Dubidamos moitísimo a posibilidade de non publicar estes resultados, xa que habitualmente os artigos académicos só amosan o positivo”. Porén, finalmente, optaron por unha decisión valente e sincera, cuxo impacto de seguro será importante no futuro, xa que a existencia destes resultados axuda a outros investigadores e investigadoras a non seguir os mesmos pasos, a reformular certas ideas e, sobre todo, a non esgotar recursos replicando un experimento cuxo resultado xa saben que non vai ser favorable. Porque, como di González, “a ciencia sempre se fixo colaborando”.

Dende o punto de vista do grupo, os resultados negativos axudaron a redirixir a investigación cara a novas ideas: “Agora o que facemos é traballar sobre o escudo do páncreas bloqueando certas proteínas, e isto permítenos facer unha especie de buracos na coiraza do tumor e aplicar fármacos capaces de diminuír o seu tamaño”. Segundo a científica, a mensaxe que quere transmitir é que cando as cosas saen dun xeito negativo tamén hai que dicilo: “É así como abrimos o camiño aos demais investigadores”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectan en Galicia dous novos rexistros de peixe bóla asociados á tropicalización do océano

Un estudo liderado polo Centro Oceanográfico de Vigo confirma a aparición de dúas especies pouco frecuentes nas augas do sur galego

A galega que pide adiantar mamografías aos 40 anos reabre o debate sobre a idade axeitada para os cribados

Un diagnóstico de cancro de mama metastático impulsa unha campaña con máis de 79.000 firmas para revisar os protocolos de detección precoz

O TSXG denega á Xunta as batidas de control do lobo por falta de probas técnicas

A resolución consideran insuficientes os datos achegados e conclúe que non se acreditou un aumento de ataques

Un herbario do século XIX conserva a orixe da primeira flora sistemática de Galicia

Investigadores da Universidade de Barcelona analizan documentos de José Planellas que serviron para clasificar as plantas por familias, xéneros e especies