Quitas a chaqueta, vólvela poñer. Non tardas nin quince minutos en colocala de novo sobre os ombreiros. Unha escena recorrente e propia destes días de primavera nos que Galicia afronta unhas temperaturas oscilantes. A semana pasada batéronse récords, cos 38,1 graos rexistrados en Leiro (Ourense), mais estes días os valores están a dar unha tregua debido a unha bolsa de aire frío en altura. Non obstante, a finais de semana volverá a calor intensa a Galicia, con máximas que poderán superar os 29 graos ata o martes. Cambios bruscos de tempo que configuran unha auténtica montaña rusa térmica para os vindeiros días.
As temperaturas deste mércores quedaron nos 20 graos de máxima agás en Ourense, con catro máis. A situación intermedia de Galicia, entre unha borrasca sobre Escocia e o anticiclón dos Azores, propiciou ceos anubrados e inestabilidade, con chuvascos febles na fachada atlántica. Malia que a configuración atmosférica cambiará o xoves, co rozamento dunha fronte cálida no noroeste de Galicia, o ambiente manterase fresco —con máximas de 20 graos en todas as cidades galegas, agás Ourense, con maior alza dos termómetros—.
Recuperación progresiva da estabilidade
Pouco a pouco, segundo informan os servizos meteorolóxicos de eltiempo.es e Meteored, a partir do xoves irase instalando na península ibérica unha dorsal anticiclónica. Os efectos non se notarán en Galicia ata ben entrada a fin de semana. De feito, o venres aínda se prevé a entrada dunha fronte pouco activa que provocará chuvias febles nas provincias atlánticas e no norte de Lugo. No que respecta ás temperaturas, comezan a ascender progresivamente en Ourense, que rexistrará 26 graos. Con todo, diminúen noutras cidades, como en Santiago, que quedará en tan só 18. As demais roldarán os 20.
O sábado irase recuperando a influencia anticiclónica, sobre todo pola tarde, coa apertura de grandes claros no sur do país. Porén, as temperaturas manteranse sen cambios significativos. Será o domingo cando aumenten os termómetros, que se manterán en valores próximos aos 30 graos ata o martes. Mais esta situación de ceos despexados e estabilidade atmosférica durará pouco, debido á entrada dunha bolsa de aire frío en altura no segundo día da vindeira semana. Isto propiciará, de novo, descenso brusco das temperaturas e fortes tormentas.














