Luns 23 Xuño 2025

As vagas de calor ameazan a supervivencia da ameixa babosa e o berberecho nas rías

Investigadores da UVigo albiscan un futuro comprometedor para os bivalvos ante o incremento da intensidade e frecuencia de episodios extremos

Unhas das principais consecuencias do cambio climático será o incremento das vagas de calor. Cada vez serán máis frecuentes, máis intensas e máis duradeiras. Unha evidencia científica que comezamos xa a notar na realidade. O seu impacto nos ecosistemas aínda é unha incógnita, pero as proxeccións permiten albiscar un futuro non tan lonxe no tempo sementado de interrogantes para moitas especies e actividades económicas. Por exemplo, o marisqueo de bivalvos nas rías galegas.

Un estudo feito na Universidade de Vigo vén de mirar cara ao futuro para tratar de definir cales poden ser esas consecuencias e a que especies poden afectar máis. Os resultados son que a ameixa babosa (Venerupis corrugata) e o berberecho (Cerastoderma edule) son moito máis vulnerables a estes episodios de calor extrema. Pola contra, a ameixa fina ou de Carril (Ruditapes decussatus) e a ameixa xapónica (Ruditapes philippinarum) son máis resilientes a estes eventos que elevan a temperatura da auga e dos sedimentos onde se enterran.

Publicidade

Esas son as conclusións do traballo que forma parte da tese doutoral do oceanógrafo físico Adrián Castro-Olivares, membro do Centro de Investigación Mariña do Grupo EPhysLab da Universidade de Vigo. Partindo do “escenario máis pesimista”, simularon as consecuencias da vaga de calor máis intensa para identificar os limiares de temperaturas dos sedimentos nos que a vida das catro especies estudadas vese comprometida.

O estudo centrouse nos Lombos do Ulla, a liña imaxinaria que marca o final do río e o comezo da ría de Arousa, que adoita a trazarse desde o dique de Carril, en Vilagarcía, ata Punta Seveira, no concello de Rianxo. Unha zona de grande importancia da produción de moluscos bivalvos pola súa alta produtividade grazas ao ascenso ata a superficie das ricas e frías augas profundas do océano, un fenómeno que se reforza ca achega das descargas fluviais e a protección natural fronte á ondada que ofrece o estuario do Ulla.

Publicidade

Vista dende Carril. Foto: Alba Tomé

“Identificadas estas zonas internas da ría, desenvolvimos un sistema de transporte de calor ao sedimento no que introducimos a temperatura da auga dos fondos que o modelo simulou dentro da vaga de calor atmosférica seleccionada, a máis forte para poñernos no escenario máis extremo”, sinala o investigador de EphysLab, que cruzou as proxeccións sobre a temperatura da auga cas profundidades ás que acostuman estar enterradas as ameixas e o berberecho.

A distancia da superficie na que se atopan enterradas nos fondos resulta clave na supervivencia destes catro tipo de bivalvos, que sumaron en 2024 45 millóns de euros en ingresos e dá emprego a 4.300 persoas. É así porque permite tolerar de mellor forma situacións de estrés térmico como as vagas de calor, ademais de non estar tan expostos a depredadores que se alimentan de escarvar na area ou no lodo.

Máis temperatura, menor supervivencia

Os traballos previos a este estudo determinaron que as temperaturas extremas reducen a eficiencia de filtración destas especies, nas que as altas temperaturas alteran os seus procesos celulares e modifican a súa expresión xénica. Unha exposición prolongada ao estrés térmico que tamén se asocia a maiores tasas de mortandade.

Como subliña o promotor da investigación, os puntos do interior da ría de Arousa “son moito máis vulnerables” ás condicións térmicas extremas que as zonas exterior ou media da ría, con oscilacións de entre 2 e 4 graos. Son, ademais, zonas de maior vulnerabilidade térmica ao ser puntos menos profundos. Ocorre nos Lombos do Ulla, a área onde se aplicaron os modelos de proxección climatolóxica para predicir a frecuencia, intensidade e duración das vagas de calor nas próximas décadas.

Berberechos. Foto: Wikimedia

Agárdanse ata 88 vagas de calor entre 2025 e o ano 2099. Uns fenómenos que irán a máis co paso dos anos, con tendencia a prolongarse máis no tempo, chegando incluso a durar até 15 días con temperaturas medias no aire de 35 graos. Estes elevarán a temperatura da auga combinados con días de vento en calma que restrinxirán o intercambio de auga entre o interior e o exterior do estuario da ría de Arousa, o que provocará a estratificación e a acumulación da calor.

Combinación de factores

“O berberecho e as ameixas fina e xapónica teñen un limiar de aguante de temperatura similar, pero como se atopan enterradas a distintas profundidades, o berberecho está moito máis exposto a este tipo de eventos porque está máis cerca da superficie“, apunta o investigador, que subliña no seu estudo que as estimacións falan dunha redución do confort térmico (é dicir, o rango de temperaturas no que os bivalvos poden vivir sen ver comprometidas as súas funcións) de ata un 25% entre o ano 2050 e o 2074.

Isto súmase a outros factores de estrés que se albiscan no horizonte e que xa comezan a estar no foco ante a redución da produtividade nas rías, como a diminución da salinidade, a achega de materia inorgánica e orgánica ou as alteracións na dinámica dos sedimentos e as correntes. Unha combinación perigosa para os ecosistemas nos que se encaixa unha das principais actividades económicas das Rías Baixas.

“O que temos é que baixo o escenario máis pesimista, índonos ao máis extremo. E o que dicimos é que baixo estes eventos extremos hai dúas especies que se ven máis expostas a estas vagas de calor atmosférico”, conclúe Adrián Castro-Olivares, que ve no seu traballo un “grao máis de area” na definición dos riscos que trae aparellado o cambio climático para a vida mariña e a actividade económica que dela depende.


Referencia: Assessing the vulnerability of commercial bivalves to intensifying atmospheric heatwaves in coastal ecosystems (Publicado en Marine Environmental Research).

Saúl Iglesias
Saúl Iglesias
Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago. Despois dunha década facendo de todo un pouco na redacción galega da axencia Europa Press, explorando agora novos camiños desde 2025 en GCiencia.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego analiza uns misteriosos eventos procedentes do xeo da Antártida

Un estudo liderado polo Observatorio Pierre Auge afonda na posible orixe de dous sinais anómalos detectados polo experimento ANITA

Cando o concello de Lugo mercou un escravo africano

Un estudo recupera a historia de Manuel Sosa, que foi comprado polo consistorio lucense en 1705 como símbolo de prestixio e poder

Peluches de animais en perigo de extinción para calmar os nenos: a innovadora idea de tres estudantes da USC

Os bonecos, destinados a cativos de entre tres e oito anos, poderían ser especialmente beneficiosos para rapaces con autismo

Estudar a evolución da verbena galega a través dos palcos: “Xa non se baila, vaise ver a orquestra”

Unha investigación que analizou ata 350 palcos para festas de entre os anos 1970 e o 2000 recibe o premio de Ciencia Cidadá do CSIC