Unha tese doutoral realizada no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) ofrece novos datos sobre os xenes de ameixa fina (R.decussatus), xaponesa (R. philippinarum) e mexillón mediterráneo (Mytilus galloprovincialis) implicados na resposta inmunitaria fronte a diversos patóxenos. Entre eles, destaca a revelación de que a resposta da ameixa xaponesa a unha infección bacteriana é máis rápida e efectiva que a da ameixa fina ou que as larvas dun día de idade do mexillón xa son capaces de fagocitar partículas estrañas.
A autora, Rebeca Moreira Sanmartín, realizou a investigación no Grupo de Inmunoloxía e Xenómica do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC, Vigo), baixo a dirección dos doutores Beatriz Novoa García (investigadora científica do CSIC), Antonio Figueras Huerta (profesor de investigación do CSIC) e Pablo Balseiro Vigo (actualmente investigador na Universidade de Bergen).
A tese, ‘Avances no sistema inmunitario de moluscos bivalvos: unha aproximación xenómica’, conta con mención internacional. Defendeuse recentemente na Universidade de Vigo e obtivo a cualificación de cum laude. Os seus resultados xa foron publicados en artigos científicos en revistas de impacto, como BMC Genomics, Fish & Shellfish Immunology ou PLoS One.
“A acuicultura enfróntase a un grave problema: as enfermidades das especies e as súas consecuentes perdas de produción e económicas. Para facer fronte a esta problemática, é fundamental coñecer o sistema inmunitario das especies, sobre todo, os moluscos”, explica Rebeca Moreira, quen engade que “Galicia é un enclave perfecto para o cultivo de moluscos bivalvos e a acuicultura, especialmente de mexillóns e ameixas, é moi importante na economía local”.
“Segundo a FAO, o futuro da produción de moluscos deberá ser exposto como parte dun programa integral que inclúa aspectos como a creación dun programa de investigación sobre patoloxía de moluscos bivalvos. Con todo, o coñecemento da resposta inmune destas especies é limitado e a loita contra as patoloxías baséanse en medidas preventivas e de eliminación de individuos enfermos, xa que se sabe moi pouco das bases moleculares da resposta inmune en bivalvos“, apunta Rebeca Moreira.
O mexillón sorprende pola súa rápida resposta para enfrontarse a patóxenos
Neste contexto o obxectivo xeral da tese era explorar as posibilidades que brindan as ferramentas modernas para o estudo da expresión xenética e así incrementar o coñecemento dos mecanismos de resposta inmunitaria dos seguintes moluscos bivalvos a nivel molecular: a ameixa xaponesa, a ameixa fina e o mexillón mediterráneo.
“Tras observar a resposta de 13 xenes directamente relacionados co sistema inmunitario en ameixa, contatatamos que a defensa da ameixa xaponesa é máis rápida e eficaz que a da fina ante unha infección bacteriana, debido a que esta última non expresa dunha maneira efectiva os factores de transcrición que iniciarían a resposta inflamatoria”, explica Rebeca Moreira Sanmartín, autora da tese.
Posteriormente, empregouse a secuenciación masiva de hemocitos, células de defensa, de ameixa xaponesa para descubrir novos xenes relacionados co sistema inmunitario: acháronse 30.000 novas secuencias, das que máis do 10% teñen relación directa coa inmunidade, moitas das cales nunca foran descritas en bivalvos.
“Con esta información realizouse a primeira análise transcriptómica da ameixa xaponesa centrado no seu sistema inmunitario e deseñouse un novo microarray, é dicir, un conxunto de fragmentos de ADN unidos a unha superficie sólida que serve para medir o nivel de expresión xenética dun gran número de xenes simultaneamente. Probouse fronte a unha infección e obtívose a secuencia temporal da resposta da ameixa xaponesa fronte a V. alginolyticus, patóxeno que causa graves mortaldades na especie”, sinala Moreira.
“En canto ao mexillón, observouse que a inmunocompetencia xorde rápido: un día despois da fertilización as larvas xa son capaces de fagocitar partículas estrañas e a expresión de xenes relacionados co sistema inmunitario aumenta xa a partir do segundo día de vida da especie”, destaca Moreira. A parte referida ao mexillón completouse cun estudo comparativo dos transcriptomas de distintos tecidos empregando unha técnica que non se usou ata o momento na especie e coa que se obtiveron 150.000 novas secuencias de hemocitos, manto, músculo e branquias de mexillóns adultos.
Rebeca Moreira Sanmartín
Rebeca Moreira Sanmartín (Cerdedo, 1981) licenciouse en Bioloxía pola Universidade de Vigo (2005). Completou a súa formación cun Máster en Biotecnoloxía (2007) en ALITER, escola internacional de negocios; e outro en Metodoloxía e Aplicacións en Ciencias da Vida (2010) na Universidade de Vigo.
En 2009 incorporouse, cunha bolsa FPI, ao Grupo de Inmulogía e Xenómica do IIM, onde realizou a súa tese doutoral, obtendo o título de doutora en Bioloxía pola Universidade de Vigo en decembro de 2015.
Realizou estancias de investigación na Universitá degli Studi dei Padova (Italia).
As súas liñas de investigación versan sobre o uso da xenómica e transcriptómica para aumentar o coñecemento sobre xenes de moluscos bivalvos, sobre todo os implicados na resposta inmunitaria. Deste xeito, e mediante ferramentas de estudo da expresión xenética, chegaranse a coñecer as bases moleculares da defensa dos bivalvos fronte a diversos patózenos, especialmente os do xénero Vibrio e Perkinsus, que causan gran impacto na produción acuícola.