Un alucinóxeno contra o intestino irritable? Un ensaio abre novas vías de tratamento

Unha investigadora norteamericana examina por primeira vez os efectos do psicodélico, xa empregado polos viquingos, na síndrome dixestiva que non responde a terapias tradicionais

A psilocibina é un composto que se atopa en fungos alucinóxenos e que ten o potencial para alterar a actividade cerebral. Entre os seus usos, os científicos estudan os seus efectos en terapias psicolóxicas para tratar a depresión, a ansiedade e o estrés postraumático. Agora, unha investigadora revela que podería transformar o tratamento da síndrome do intestino irritable.

Erin Mauney, científica da Universidade de Tufts (Estados Unidos), explica nunha entrevista a Genomic Press que a psilocibina é capaz de modular a interocepción, é dicir, a forma na que as persoas perciben o seu corpo. “Interésame moito a aplicabilidade deste campo emerxente da medicina asistida por psicodélicos a pacientes que parecen estar en conflito cos seus corpos”, conta a investigadora.

Publicidade

A relación que existe entre a mente e o organismo é o seu principal enfoque no estudo, especialmente en persoas con síntomas graves ou inexplicables de intestino irritable que experimentaron traumas nos seus primeiros anos de vida. Para sabelo, os participantes dun primeiro ensaio clínico recibiron dúas doses de psilocibina con sesións de terapia antes e despois do tratamento, combinadas cunha resonancia magnética para observar cambios cerebrais.

Unha medicina que aborde mente e corpo

A miúdo, a gastroenteroloxía esquécese do impacto que teñen para o organismo factores emocionais como o estrés crónico ao longo da vida, argumenta a doutora. Unha razón de suficiente peso para que decidise investigar como a terapia psicodélica pode crear vías para a liberación emocional e a mellora funcional.

Publicidade

Mauney afirma que a separación médica entre a psicoloxía e a medicina obstaculizou durante moito tempo o tratamento contra trastornos gastrointestinais, onde participan síntomas físicos e tamén mentais.

Por iso, no seu estudo mestura as observacións de dor abdominal dos seus pacientes con reflexións sobre o seu estado e outros datos achegados polas neuroimaxes, co propósito de atender a experiencia subxectiva da enfermidade.

Que é a psilocibina e de onde procede?

Algúns fungos segregan este axente psicodélico como un mecanismo de defensa para repeler a depredadores ou atraer outros organismos, como insectos, para que diseminen as súas esporas, segundo explicou a SINC o escritor e investigador mexicano Naief Yeha nunha entrevista anterior. En concreto, os humanos levan empregando as súas propiedades desde hai máis de 6.000 anos, suxire.

Por exemplo, os viquingos utilizaban este composto antes das batallas para combater o medo, alterar a súa percepción da realidade e fortalecelos mentalmente. En cambio, outras poboacións como os maias, zapotecas e anhuas en América Latina pensaban que tiña a función de sandar e que os vinculaba cos seus devanceiros e a terra, sinala.

Cales son os seus beneficios potenciais?

Segundo un estudo da Escola de Medicina da Universidade de Washington, a psilocibina diminúe a conectividade funcional entre o hipocampo anterior e a chamada rede de modo predeterminado (DMN polas súas siglas en inglés), o que fai que o cerebro sexa máis flexible e teña a capacidade de entrar nun estado máis saudable. Por tanto, esta substancia psicodélica pode reconfigurar o cerebro para aliviar a ansiedade e mellorar o progreso noutros trastornos mentais como a depresión.

Con todo, os autores subliñan que a xente non debe interpretar isto como unha razón para automedicarse. Para elevalo a un consumo terapéutico aínda son necesarios novos estudos que validen os seus beneficios.

A psilocibina ten efectos secundarios?

Esta substancia inclúe efectos adversos en persoas con trastornos mentais preexistentes e cando se toma fóra dunha contorna controlada sen profesionais sanitarios.

Un dos riscos máis perigosos é que pode desencadear psicoses en pacientes con antecedentes de esquizofrenia ou trastornos bipolares e durar moito tempo despois de que a droga desaparecese do organismo. Outros efectos secundarios despois de tomar esta droga son náuseas, ansiedade, ataques de pánico e paranoia.

A investigación da investigadora Erin Mauney non só busca ter éxito no seu primeiro ensaio, senón que prevé mellorar os protocolos para que as terapias psicodélicas poidan ser accesibles a persoas con intestino irritable resistente en contornas clínicas.

En definitiva, aínda que non se emprega a psilocibina de forma xeral, está a gañar adeptos con múltiples de compostos psicodélicos en ensaios clínicos avanzados para axudar a soportar enfermidades crónicas.


Referencias:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Psicodélicos: drogas perigosas ou novos tratamentos contra a depresión?

Diferentes estudos están a analizar a utilización de distintas substancias para tratar doenzas como o alzhéimer e o estrés postraumático

Intolerancia á gravidade, a última hipótese sobre a síndrome do intestino irritable

Este novo estudo pode abrir un camiño sen precedentes tanto na percepción da doenza como no seu tratamento

O alcaloide dos fungos alucinóxenos amosa bos resultados como antidepresivo

Un ensaio clínico con psilocibina e un antidepresivo común (escitalopram), afonda no posible uso deste composto fronte a trastornos de saúde mental

Un alucinóxeno para a industria farmacéutica de Galicia

A febre do caruncho galego, un fungo do centeo con efectos psicotrópicos, deu lugar á fundación da farmacéutica Zeltia