O sector marisqueiro en Galicia, e as súas mariscadoras, están véndose prexudicados polos crecentes efectos do cambio climático. Ante esta problemática, a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Vigo (UVigo), en colaboración coas confrarías de Cambados, Redondela e a Lonxa de Campelo, realizaron un estudo que avaliou o impacto do cambio climático sobre a vulnerabilidade socioeconómica do marisqueo nas rías galegas. Esta investigación estivo liderada polo profesor de economía aplicada na USC, Sebastián Villasante, que explica cales foron os resultados que atoparon tras realizar o estudo.
—De que obxectivo partiron?
—O que pretendiamos foi, por primeira vez, avaliar cal é o grao de resiliencia e adaptación social que tivo, na última década, o sector do marisqueo a pé en Galicia, especificamente nas confrarías de Cambados, Campelo e Redondela. En particular, realizamos o estudo para ver en que medidas están a adaptarse ao cambio climático e como están a solucionar os problemas asociados ao mesmo, así como o seu nivel de vulnerabilidade, tanto a nivel individual das mariscadoras, como a nivel familiar.
Esta investigación provén dun proxecto financiado pola convocatoria de Retos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico. O proxecto chamábase MARISCO, coordinado pola profesora Elsa Vázquez, da UVigo. O primeiro que fixemos foi recoller información de campo das tres confrarías e deseñamos cuestionarios semiestruturados para investigar a vulnerabilidade económica e as estratexias de adaptación que ten o sector do marisqueo ante posibles problemas como o cambio climático, a abundancia e tamaño das especies, ou o volume e magnitude dos ingresos do sector na última década, entre outros.
“Está cambiando a fortaleza das cunchas das especies, que se están volvendo máis finas”
—Cales son os efectos que ten o cambio climático no sector do marisqueo en Galicia?
—Aquí estase vendo un maior aumento da temperatura, un cambio na fortaleza das cunchas das especies, que se están volvendo máis finas e iso provoca que rompan máis facilmente. No fondo mariño está a haber fallos no recrutamento de poboacións adultas, cambios na salinidade da auga, nos procesos fisiolóxicos de crecemento e reprodución das especies, no seu comportamento, etc.
Ademais, neste estudo detectouse un declive na abundancia das tres especies de ameixas e os berberechos das confrarías, salvo da ameixa xapónica, na que notamos unha aparente estabilización da especie. En conclusión, o verdadeiramente preocupante do cambio climático é que as ameazas son numerosas e están en aumento. Os estudos que se están levando a cabo en Galicia indican que se espera que haxa un aumento da temperatura media e, fronte a isto, unha maior frecuencia de duración de eventos extremos, algo que xa se está comprobando. Por tanto, hai unha preocupación bastante grande por parte dos expertos e profesionais deste sector.
—O sector do marisqueo de pé, noutros lugares do mundo, está a sufrir de igual forma que en Galicia os efectos do cambio climático?
—Depende de con quen te compares, do impacto que haxa noutros países, do grao de organización interna que teña o sector, do grao de adaptación e rapidez para responder a este tipo de problemas que estudamos, que tipo de diversidade de especies pode capturar, etc. Doutra banda, podes compararte con outro país do mundo onde a influencia do cambio climático sexa maior que aquí pero que, nese caso, teñan unha mellor preparación ante esas situacións.
Para poder comparar as diferenzas do cambio climático en sectores de diversas zonas do mundo, habería que proceder a estudar a situación coa mesma metodoloxía coa que se fixo en Galicia. O que si se sabe é que se tes menos especies para capturar e xorde unha situación de declive, non vas ter fonte de ingresos, o que faría que foses máis vulnerable que outro sector marisqueiro do mundo. Aquí, por exemplo, temos tres especies e bastante abundancia da ameixa xapónica, polo que, aínda que se poida comprobar que os efectos do cambio climático son preocupantes, o sector galego pode chegar a sosterse.
“O marisqueo, en xeral, segue representando unha fonte de ingresos moi importante”
—Cales son os factores que converten este sector en tan vulnerable?
—O marisqueo é un sector altamente dependente, moitas veces de axudas públicas ou de préstamos doutros familiares, o que o pon nunha situación de vulnerabilidade. En canto á dependencia económica das mariscadoras, do total de ingresos que obteñen mensualmente nas tres confrarías, o 75% vén do marisqueo, de media. Este dato mostra unha gran dependencia do marisqueo. Por unha banda é moi bo, porque mostra que a xente quere seguir traballando no sector, que é unha actividade que lle achega beneficios económicos, á hora de ter uns ingresos dignos pero, tamén, a outra cara é que as volven máis vulnerables a posibles cambios ou problemas que existan no sector.
En canto á dependencia das familias, segue sendo alta tamén, por encima do 50% nas tres confrarías. É dicir, o marisqueo, en xeral, segue representando unha fonte de ingresos moi importante, non só a nivel individual, senón tamén a nivel familiar. No que se refire á tendencia dos ingresos, desde o 2010 ata o 2020, a única que mostra melloras nos ingresos é a confraría de Cambados, pois ao haber unha maior abundancia da ameixa xapónica, ten a súa repercusión tamén na tendencia dos ingresos dos traballadores. Esta confraría é a única que mostrou un aumento na última década, o que significa que vai seguir traballando como fixo ata o de agora. Con todo, no caso de Campelo, a maior parte de respostas indicaban que estaban dispostas a cambiar a outra ocupación, en función do que vaia pasando nos próximos anos.
Como se están adaptando as mariscadoras galegas ao cambio climático?
—Como calcularon a vulnerabilidade económica das mariscadoras?
—Fixémolo en base a unha serie de variables, por exemplo, unha era a captura de tope diario que teñen no sector, outra era a tendencia dos ingresos e outra a tendencia á abundancia das principais especies como o berberecho e os tres tipos de ameixa, babosa, fina e xaponesa, fronte ao cambio climático de aquí a unha década. Os nosos colegas biólogos do proxecto da UVigo, coa axuda de expertos en modelos de simulación da NASA, a través de mostraxes nas confrarías, simularon cal vai ser a abundancia das especies de aquí á próxima década.
Os resultados foron que salvo a ameixa xapónica, as demais especies van tender a un declive xeneralizado nas tres confrarías. En base a estes datos, o que fixemos nós foi levalos ás mariscadoras e valoralos con elas porque á fin e ao cabo son modelos matemáticos e queriamos saber cal é o nivel de concordancia que existe con respecto á percepción que elas teñen, o que están a ver diariamente. O que nos indicaron elas foi que están a percibir unha menor cantidade de recurso, máis pequeno, as cunchas rompen máis…
Seguindo estas variables preguntámoslles cales son as estratexias de adaptación que desenvolveron en todo este tempo, fronte ao cambio climático. Ademais, era a primeira vez que se lles preguntaba acerca de cal é o estado dos recursos, como está a ir a súa actividade, etc. É dicir, en que consistía o coñecemento tradicional que elas teñen do seu traballo, un coñecemento que non ten porqué substituír ao científico, senón que poden complementarse perfectamente, que é moi valioso e que cremos que senta a liñas de base para deseñar estratexias de política pública máis efectivas no sector do marisqueo.
“As mariscadoras galegas detectan unha menor cantidade de recurso, e máis pequeno”
—En canto ás estratexias de adaptación que levan a cabo as mariscadoras, que observaron?
—A nivel colectivo, no comportamento das confrarías, os resultados mostran que hai unha mellor adaptación ao cambio climático canto máis involucración teñen as mariscadoras nas confrarías e nas súas actividades. Pero una das estratexias de adaptación que destacamos tras o estudo é a tendencia que teñen a capturar aquelas especies que teñen maior abundancia, non necesariamente aquelas de maior prezo, sobre todo en zonas onde hai unha maior abundancia de ameixa xapónica.
Elas van ao seguro, se a xapónica lles achega máis tranquilidade e dálles unha fonte de ingresos segura a curto e medio prazo. Ademais, as mariscadoras tenden a complementar os seus ingresos con outras actividades e traballos, xa que este sector non sempre lles achega estabilidade económica. Adoitan ser precavidas e unha estratexia de adaptación é reducir o risco e a incerteza o máximo posible, entón cando ven que algunha das especies están en declive, complementan os seus ingresos realizando outros traballos.
—En relación aos problemas de substitución xeracional que sofre o sector, que podería atraer aos mozos a este traballo?
—É unha preocupación constante en Galicia e que tamén xorde neste estudo. É evidente que hai un problema de substitución xeracional, non só no sector do marisqueo, senón en todo o sector pesqueiro. Neste aspecto, pódense pensar en varias estratexias, unha delas é que o sector ofreza salarios aceptables, dignos e atractivos para a xente nova, o que é moi importante. Tamén hai que dicir que o sector do marisqueo en Galicia experimentou unhas transformacións moi positivas nas últimas décadas, xa que nos anos 80, o sector tiña ingresos mínimos, marxinais, o que gañaban as mulleres era insignificante.
Hoxe en día teñen uns salarios medianamente dignos, gañaron dereitos como o acceso á seguridade social, pero aínda queda moito camiño por percorrer. Isto pode mellorar, por exemplo, engadindo un valor engadido ao produto, sobre todo na comercialización, capturar menos e vender máis e a mellor prezo. É algo complexo porque hai grandes volumes de importacións que veñen de fóra de Galicia, o que fai que aumente a oferta e que o prezo do marisco diminúa.
“Hai un problema de substitución xeracional, non só no sector do marisqueo, senón en todo o sector pesqueiro”
—Como afecta a cuestión de xénero na motivación dos mozos á hora acceder a este sector?
—Dende a crise do 2008 os datos oficiais mostran que hai un maior interese por parte dos homes novos e non tan novos, que quedaron no paro e que solicitaron traballar no sector. En xeral o marisqueo, en épocas de crise, sempre representou un sector de contención socioeconómica para as poboacións costeiras. Iso é un aspecto moi positivo do sector e que sería importante destacar. O marisqueo sempre vai ser unha opción para traballar, aínda que haxa que seguir mellorando as condicións laborais do mesmo e os seus ingresos, para que resulte máis atractivo.
—Que foi o que máis lles sorprendeu tras realizar o estudo?
—Sen dúbida a enorme vocación, o enorme entusiasmo, motivación, amor e vontade de ferro que teñen as mariscadoras, de traballar intensamente para sacar adiante este sector, sobre todo as mulleres. Xa o sabiamos por escoitalo e estudalo pero unha cousa é velo e outra falalo con elas. É un sector que está vivo, que é dinámico, que evidentemente ten ameazas como o cambio climático, pero confío en que o sector vai saír adiante e enfrontarse a estes desafíos porque está ben organizado e as mariscadoras saben que estratexias teñen que levar a cabo para conseguilo.
Referencia: Resilience and Social Adaptation to Climate Change Impacts in Small-Scale Fisheries (Publicado en Frontiers of Marine Science)