O noso sistema inmunitario está deseñado para protexernos. Para este labor, fundamental para a nosa supervivencia, este mesmo sistema ten os linfocitos como axentes encargados de vixiar que todo funcione correctamente. Linfocitos que, á súa vez, se subdividen en células T, as encargadas de atacar corpos estraños ou enfermos, e as células B, que producen anticorpos e apoian as células T na súa tarefa. O que acontece é que, ás veces, o noso corpo equivócase.
As enfermidades autoinmunes son aquelas nas que o noso sistema inmunitario ataca por erro a células sas pensando que son axentes estraños. Hai moitas: lupus, artrite reumatoide, esclerose múltiple, enfermidade de Crohn… e a súa incidencia é maior do que se pode pensar. No ano 2020, un estudo do Hospital Clinic de Cataluña concluía que unha de cada 10 persoas sofre unha enfermidade autoinmune nesta comunidade autónoma, ou o que é o mesmo, o 10,61% da súa poboación.
Nos últimos anos, científicos de todo o mundo estudan formas de rematar con estas enfermidades, un obxectivo que, ata non hai tanto, parecía un imposible. As solucións que se achegaban ata agora implicaban a supresión do sistema inmune do paciente por completo, o que aliviaba os síntomas, pero aumentaba o risco doutras doenzas como cancros ou infeccións.
“Por exemplo, utilizábanse corticoides, que son inmunosupresores, o cal provoca moitos efectos secundarios porque deixa o teu corpo sen poder defenderte doutras cousas”, comenta África González, catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo. “Pero agora está habendo un punto de inflexións nos tratamentos, un cambio. O primeiro foi o desenvolvemento dos anticorpos monoclonais por parte de Cesar Milstein e George Keller, polo que recibiron o Premio Nobel no ano 84”, apunta.
Os anticorpos monoclonais son anticorpos ou proteínas producidas en laboratorio capaces de dirixirse especificamente a un tipo de células. “Esta tecnoloxía”, conta González, “permite facer de xeito moi específico e moi dirixido un tratamento fronte ao que se queira: un proceso inflamatorio, unha célula tumoral… é dicir, os anticorpos monoclonais foron e seguen a ser un antes e un despois no tratamento das enfermidade autoinmunes, sobre todo desde que se conseguiron facer totalmente humanos, xa que nun inicio facíanse a partir de anticorpos de ratos”, explica a inmunóloga. Esta tecnoloxía segue a usarse a día de hoxe. “Os monoclonais úsanse, por suposto, pero agora están xurdindo outros tratamentos, uns fármacos de moléculas pequenas dirixidos ás tirosina-quinasas, e destinados a bloquear as rutas de activación das enfermidades”, explica. “Estes son os inhibidores de tirosina-quinasas”, engade González.
Nanopartículas para combater a autoinmunidade e a procura da tolerancia
Con todo, desde os descubrimentos de Milstein e Keller e dos inhibidores de tirosina-quinasas, a evolución para atopar solucións a estas enfermidades non parou de medrar. No ano 2001, o profesor da universidade de Calgary Pere Santamaría descubriu, mentres intentaba curar a diabetes tipo 1 en ratos, un xeito de converter as células destrutivas responsables de enfermidades autoinmunes, en células reguladoras.
“Si, Pere Santamaria está usando nanotecnoloxía para inducir tolerancia”, explica África González. Santamaria, ao utilizar nanopartículas de ferro para facer de gancho ante un posible novo gromo de diabete no páncreas, decatouse de que os linfocitos T que picaban no anzol convertíanse en células reguladoras. Este proceso que xa se dá dentro do corpo humano naturalmente, é estimulado polas nanopartículas en corpos con enfermidades autoinmunes. Agora Santamaria está a piques de probar a súa investigación en humanos.
Fármacos contra a esclerose múltiple
“Isto estase intentando facer tamén con dendríticas para a esclerose múltiple”, engade González. “Neste caso, estanse probando distintos tipos de fármacos que bloqueen a saída dos leucocitos do ganglio, inténtase eliminar as células inmunitarias e incluso, en casos moi graves, transplantes de médula”, sinala.
Otras terapias que se están probando, como a levada ao cabo por Jeffrey Hubbell da Universidade de Chicago en Illinois, son a de dirixir as moléculas danadas ao fígado cunha etiqueta de azucre —o fígado é un órgano fundamental para a tolerancia inmune—; ou a terapia de células T con receptores quiméricos de antíxenos (CAR-T) dun quipo de Alemaña —baseada na terapia de anticorpos monoclonais—, que altera ás células T no laboratorio para convertelas en células que destrúan ás células B que producen os anticorpos.
Para González a chave é que non se poden xeneralizar os tratamentos para todas as enfermidades autoinmunes porque todas son distintas. “Mesmo, aínda que o nome da enfermidade sexa o mesmo, por exemplo lupus, a base dese lupus pode ser distinta en cada paciente e o tratamento, polo tanto, pode variar os seus resultados dunha persoa a outra”, matiza. “Hai pacientes aos que lles vai mellor un tratamento que lles bloquee os linfocitos B, outros que están mellor co bloque dos T, outro os anticorpos… e iso todo tendo o mesmo nome para chamar a súa enfermidade”.
Enfermidades polo seu perfil molecular
África González engade que hai unha investigadora, Marta Alarcón-Riquelme, “que está intentando subdividir as enfermidades unitarias polo seu perfil molecular”. “Deste xeito”, comenta González, “se unha persoa ten alto o interferón, o tratamento sería bloquear ese interferón. Dá igual que iso se manifeste como un lupus ou como unha artrite reumatoide”. González explica que obxectivo disto “é intentar agrupar as enfermidades pola súa base molecular”. “Isto pode ser un novo paradigma de como enfrontarnos ás enfermidades autoinmunes, indo á base da enfermidade na persoa”, sostén.
Sobre a posibilidade de atopar unha cura para este tipo de enfermidades, África González é optimista. “Creo que xa estamos moi cerca por varias razóns”, conta. “A máis importante é que a inmunoloxía avanzou moito nos últimos anos e coñecemos moito mellor como funciona o sistema inmunitario. Se sabemos como funciona, vai ser moito máis sinxelo saber como inactivalo ou como reforzalo”. Para ela, isto é semellante ao que historicamente aconteceu coas vacinas. “Levamos anos utilizando vacinas pero antes non sabiamos moi ben como funcionaban e agora si, e por iso son cada vez mellores. Isto é o mesmo. O problema das enfermidades autoinmunes é que unha vez que o sistema inmunitario aprendeu mal, hai que saber como eliminar esas células de memoria para que deixen de atacar o corpo. Hai que chegar a esas células de memoria para inactivalas, e penso que xa estamos moito máis cerca diso”. “No futuro”, remata esta inmunóloga, “faremos tratamentos personalizados a cada persoa. Centrarémonos menos na enfermidade en si como en que xeito afecta a cada paciente en concreto”.