Unha antoloxía revela a vida das galegas durante a Idade Media

A compilación de cantigas e ilustracións aborda temas de actualidade como a violencia, o maltrato no matrimonio e a homosexualidade feminina

Acaba de saír á luz a publicación Mulleres medievais. Textos e imaxes na lírica galego-portuguesa, unha antoloxía feminina editada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración Secretaría Xeral de Política Lingüística a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Unha das autoras, a catedrática de Filoloxía Románica Esther Corral, explica que este libro trata de dar visibilidade ás figuras femininas relacionadas coa lírica medieval, ámbito no que leva traballando desde hai máis de 30 anos. O libro é froito do labor dun equipo pluridisciplinar integrado por filólogos, historiadores e expertos en historia da arte.

A investigadora salienta que “a lírica galego-portuguesa proporciona un magnífico campo de estudo para entender o noso pasado, posto que o seu corpus comprende un importante e variado repertorio de cantigas, digno de compararse coas poéticas europeas máis relevantes. Son máis de 1.600 textos de lírica profana nos que a muller é unha figura con gran protagonismo”. Así, o libro achega unha visión moi completa da condición da muller nesa época —un aspecto aínda moi descoñecido polo público en xeral—, a través dunha notable selección de figuras femininas que aparecen nas cantigas: mulleres históricas e mulleres de ficción cantadas polos trobadores en cantigas de amor, de amigo e de escarnio. Convértese así na primeira antoloxía dedicada exclusivamente ás mulleres medievais na lírica galego-portuguesa.

Publicidade

Unha visión fiel da realidade feminina

“A diferenza de anteriores antoloxías de temática feminina, esta presenta unha orientación novidosa por ter un carácter interdisciplinar. Combínanse os distintos tipos de mulleres coas imaxes e coa documentación histórica, cando se conserva”, apunta a experta. 

Tal como sinala a investigadora, “ata o de agora os compendios textuais vencellados á poesía trobadoresca só tiñan en conta a visualización das mulleres a través das cantigas. Agora, por primeira vez, preséntase unha selección de figuras históricas e literarias a través de poesías significativas pero tamén de textos relacionados en prosa. Sorprende a variedade de grupos sociais que aparecen. Atopamos unha representación plural de mulleres con poder e mulleres de condición social máis baixa que testemuña a presenza activa na construción e organización da sociedade. Algunhas son citadas con nome e apelidos, outras agachadas no anonimato. Así mesmo, destácase a función activa das mulleres como impulsoras da creación literaria”. 

Publicidade

As mulleres identificadas levan o seu correspondente perfil histórico. E, para chegar a un público máis amplo, non só a investigadores e estudosos especializados, os textos van acompañados da tradución ao galego moderno e dun breve comentario orientativo, de información histórica e de notas biográficas destacadas. Trátase, por tanto, dunha antoloxía “enriquecida” que difunde o papel da muller na Idade Media.

Os textos ilústranse e compleméntase cunha extensa e variada colección iconográfica de ilustracións en cor. Intégranse tanto imaxes extraídas de manuscritos da época. Estes son, por exemplo, o Cancioneiro de Ajuda, Tombo A da Catedral de Santiago ou o Tombo do mosteiro de Toxosoutos. Tamén esculturas do noso patrimonio románico como o tímpano da igrexa de San Miguel do Monte en Chantada —que amosa unha escena xograresca cunha muller bailando— ou parte da columna entorchada de Tristán e Isolda —que se conserva no Museo da Catedral de Santiago—. Tamén se ofrecen e estudan as miniaturas do Cancioneiro de Ajuda que amosan a representación de como se executaban as cantigas naquela época, con trobadores, xograres e figuras femininas cantando.

Ademais, estúdase con detalle a única iconografía conservada nos cancioneiros galego-portugueses. “Son 12 as miniaturas con algunha figura feminina que acompañan as cantigas do Cancioneiro da Ajuda e que teñen a singularidade de ser tamén a única mostra da representación de como sería a escenografía na produción trobadoresca da Europa medieval. Nesas imaxes pódese visualizar como as soldadeiras acompañaban aos xograres e trobadores con instrumentos musicais e tamén bailando”, explica a investigadora.

As “mulleres con poder”

O primeiro capítulo está dedicado ás “mulleres con poder” como raíñas, infantas e nobres que protagonizaron cantares e que impulsaron a tradición lírica, un aspecto descoñecido polo público. “É importante difundir o labor destas damas por estaren moi próximas a nós e non seren coñecidas. A raíña Berenguela de Barcelona está enterrada no Panteón Real da Catedral de Santiago de Compostela e procedía dun ambiente no que se cultivaba a lírica, antes de que se iniciase aquí. As nobres Dona Maior Afonso ou Dona Constança de Rodeiro exerceron un papel principal no desenvolvemento da lírica galego-portuguesa ao apoiar desde as súas pequenas cortes a composición de cantares”, destaca Esther Corral

Ao lado destas mulleres con poder, existiron outras de condición social máis baixa con menos influencia, pero que representan unha sociedade activa e plural como peregrinas, mouras ou xudías. A través dos textos tamén se ve a esfera máis privada, as diferentes relacións de parella ou as estratexias matrimoniais. Neste sentido, a investigadora salienta a actualidade da realidade que se reflicte con cuestións como a violencia e o maltrato na parella ou a homosexualidade feminina.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As mensaxes secretas das cantigas: así ligaban os trobadores da Idade Media

Un estudo da USC analiza medio milleiro de textos con declaracións codificadas a mulleres da nobreza para non poñer en perigo o vínculo amoroso