Unha tatuaxe para curar as uñas: a técnica galega para mellorar o tratamento das enfermidades ungueais

Un equipo da USC desenvolve un método minimamente invasivo que aumenta a eficacia terapéutica para patoloxías como a psoriase

As uñas son unha carta de presentación das persoas: poden reflictir estrés, perfeccionismo ou coidado persoal. Do mesmo xeito que existen enfermidades que afectan á pel, tamén hai patoloxíasque comprometen este órgano protector. Entre elas, a onicomicose, unha infección fúnxica moi frecuente que provoca deformación e decorolación, e a psoriase ungueal, un trastorno inmunóloxico crónico que afecta á placa da uña. Ambas presentan desafíos debido á eficacia limitada dos tratamentos actuais, o que adoita traducirse en terapias prolongadas e nunha alta taxa de recaídas. Neste contexto, membros do grupo PARAQUASIL da Universidade de Santiago de Compostela (USC) buscan dar resposta a este problema mediante unha técnica innovadora e minimamente invasiva: o uso de máquinas de tatuaxe para mellorar a penetración de fármacos a través da uña.

“A uña pode parecer unha parte insignificante do corpo, pero inflúe directamente na saúde dos pacientes”, sinala Victoria Díaz Tomé, investigadora do Instituto de Materiais (iMATUS) e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). Ademais da dor que poden causar estas patoloxías, tamén se ve alterada a estrutura da uña, que actúa como sistema de protección dos dedos. Con todo, o seu impacto non é só físico, senón tamén psicolóxicos: “Están totalmente expostas, as persoas poden sinalar”, explica.

Publicidade

Por outra banda, a propia uña supón barreira para a administración de fármacos tópicos, habitualmente empregados no tratamento da onicomicose e da psoriase. “É unha estrutura altamente queratinizada, o que dificulta a penetración debido á súa impermeabilidade”, indica Díaz Tomé. Nestes casos, a uña está danada pola patoloxía subxacente, o que pode provocar un crecemento anómalo.

Como o fan?

Ao longo dos anos, distintas liñas de investigación puxeron de manifesto a eficacia da aplicación de tratamentos mediante dispositivos de tatuaxe. Este enfoque xa se empregou, por exemplo, en terapias tópicas para a pel, como na eliminación de cicatrices ou mesmo na administración de vacinas. “A nivel dérmico existen numerosos estudos, pero no caso da uña é un sistema moi adecuado”, sinala a investigadora. Pero, como funciona exactamente?

Publicidade

O tatuaxe ungueal, ou tattooing ungueal, baséase no mesmo principio que unha máquina de tatuar convencional. Estes dispositivos contan cun motor que acciona, por unha banda, o sistema de agullas e, por outra, o depósito no que se introduce a tinta —neste caso, o fármaco—. Na zona de agullas utilízase un mecanismos de punzón que, ao entrar e saír de forma repetida, xera pequenos poros na superficie da uña ao tempo que deposita o medicamento. O proceso continúa posteriormente cando o paciente aplica o fármaco con pincel, as microcanles creadas facilitan a súa penetración a través da capa queratinizada. Neste tipo de abordaxe empréganse os tratamentos máis habituais destas patoloxías: o ciclopirox lamina para a onicomicose e o clobetasol para a psoriase. “É un sistema moi sinxelo, e esa é precisamente a súa vantaxe”, apunta Victoria Díaz.

O sistema de poros

Onicomicose dos dedos do pé. Imaxe cortesía do Dr. Edwin P. Ewing, Jr. vía Publica Health Image Library of the Centers for Disease Control and Prevention.
Onicomicose dos dedos do pé. Foto: Public Health Image Library of the Centers for Disease Control and Prevention.

Tradicionalmente, recórrese ao limado mecánico, unha técnica que, segundo a investigadora do iMATUS, pode alterar a estrutura queratinizada e mesmo dificultar a penetración do fármaco. “Cando aplicas o medicamento sobre a uña cun pincel, a capa que se deposita é moi fina, polo que a cantidade absorbida é mínima”, explica. Ademais, as actividades cotiás, como lavar as mans ou o rozamento, poden provocar a súa eliminación. O equipo tamén probou a realización de poros de forma previa á administración do medicamento, pero concluíu que a eficacia é maior cando as tarefas se realizan de maneira simultánea.

O sistema de creación de poros na uña é o que explica o aumento da penetración do fármaco tras o tattooing ungueal. “Conseguimos unhas canles nos que se pode depositar o medicamento, o que permite que manteña durante máis tempo a súa actividade e mellore a súa difusión“, sinala Díaz Tomé. Deste modo, a permeación é maior nas uñas tratadas con este sistema que nas non intervenidas ou nas sometidas a limado. Ademais, durante a investigación observaron que a cantidade que atravesa a uña é semellante tanto en uñas limadas como non limadas: “A idea de que é necesario limar as uñas para mellorar o paso do fármaco non sempre é real”.

Melloras na calidade de vida

Os tratamentos da onicomicose e da psoriase ungueal poden prolongarse. como mínimo, durante seis meses. En moitos casos, ademais, é necesario recorrer a medicación oral, que, segundo Victoria Díaz, pode provocar efectos secundarios notables. “Estamos totalmente convencidos de que esta técnica podería reducir a duración dos tratamentos“, afirma a investigadora do iMATUS.

De cara á súa aplicación clínica, a proposta do grupo PARAQUASIL é que o podólogo ou dermatólogo aplique unha primeira capa de fármaco mediante a técnica de tatuaxe. A partir dese momento, o paciente deberá continuar o tratamento aplicando diariamente o medicamento sobre os microporos creados, empregando un pincel. Co crecemento da uña, o profesional repetiría o procedemento para xerar novas vías de entrada do fármaco e manter así a súa eficacia ao longo do tempo.

Imaxes de microscopia electrónica dunha uña tatuada despois de aplicar o fármaco con pincel. A superficie está uniformemente cuberta por residuos de laca seca, e os poros están cheos da formulación, facéndoos indistinguibles na superficie. Imaxe extraída da publicación en ‘Drug Delivery and Translational Research’.
Imaxes de microscopia electrónica dunha uña tatuada despois de aplicar o fármaco con pincel. A superficie está uniformemente cuberta por residuos de laca seca, e os poros están cheos da formulación, facéndoos indistinguibles na superficie. Imaxe extraída da publicación en ‘Drug Delivery and Translational Research’.

Pasos cara á clínica

Na actualidade, o equipo de investigación conta cunha solicitude de patente para poder desenvolver e aplicar esta técnica de tatuaxe ungueal. Con todo, como ocorre con calquera novo dispositivo médico, o principal desafío reside na aprobación por parte das axencias reguladores de medicamentos. “Os retos serán principalmente regulatorios, pero tamén tecnolóxicos“, apunta a investigadora, xa que será necesario deseñar un dispositivo se poida acoplarse aos micromotores empregados nas clínicas.

Ademais, aínda existen varios aspectos por optimizar. Entre eles destaca o desenvolvemento dunha formulación que permita garantir unha dose estandarizada e unha viscosidade axeitada para facilitar a súa administración. “Debemos conseguir unha formulación que se adapte ás características das tintas, de maneira que permitae unha dose controlada, sempre a mesma”, explica. Con todo, o seguinte paso considérase clave: atopar apoio para impulsar unha técnica que podería ter un importante potencial terapéutico.


Referencia: Nail tattooing: a novel and minimally invasive technique for enhancing drug penetration through the nail (Publicado por Drug Delivery and Translational Research)

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O científico galego César de la Fuente lidera a creación dunha IA para deseñar antibióticos máis eficaces

A ferramenta ApexGO permite optimizar moléculas e acelerar a obtención de tratamentos fronte a patóxenos resistentes

Os mapas dos temporais máis extremos de Galicia: Copernicus reconstrúe 80 anos de datos atmosféricos

A ferramenta europea Weather Replay permite analizar episodios históricos mediante simulacións meteorolóxicas interactivas

A Xunta publica o novo mapa das zonas de baño de Galicia: estas son as 42 praias non aptas

A Coruña é a provincia con máis áreas nas que está prohibido mergullarse, como no areal urbano da Virxe do Camiño, no concello de Muros

Galicia rexistra o terceiro gromo de sarna norueguesa en 15 días, unha variante máis rara e contaxiosa

O Servizo de Axuda no Fogar do concello pontevedrés de Vila de Cruces concentra varios positivos da enfermidade cutánea