90 anos do día que Parga Pondal ordenou en Porto a historia do granito

A cidade do Douro acolleu en 1935 un encontro entre as intelectualidades lusa e galega no que o xeólogo presentou a primeira cronoloxía da formación do granito en Galicia e o norte de Portugal

O 30 de marzo de 1935 deu comezo a Semana Cultural Galega de Porto. Na cidade do Douro, unha delegación galega composta en gran medida por membros do Seminario de Estudos Galegos estreitaba os lazos ca intelectualidade portuguesa, na que destacaban algunhas das principais figuras da Renascença, o movemento cultural que xurdiu na maior cidade do norte de Portugal a comezos do século XX.

Alí estiveron nomes como o de Vicente Risco, que abordou as similitudes e complexidades do folclore a un e outro lado da Raia, ou o luso Fernando Castro Pires de Lima. As xornadas non só se centraron nas conexións etnográficas entre Galicia e Portugal. Tamén houbo oco para a abordaxe das ligazóns que van máis alá do cultural e do histórico que unen os territorios separados polo Miño e a serra do Xurés. E que se remontan a moito antes de que os homes pisasen o chan no que agroma o granito que en boa medida da forma á accidentada xeografía de Galicia e de Portugal.

Publicidade

Isidro Parga Pondal é unha das figuras incuestionábeis na historia de Galicia. Nado no concello coruñés de Laxe no ano 1900, constitúe, sen lugar a dúbidas, un dos referentes científicos de comezos do século XX e ten a consideración de ser o xeólogo máis importante da historia de Galicia. Na ampla folla de contribucións ao coñecemento do xeoquímico resalta a creación do primeiro mapa xeolóxico moderno de Galicia.

Décadas antes deste fito, Parga Pondal botouse aos montes para estudar os granitos galegos e do norte de Portugal. O seu obxectivo, como recolle Francisco Leonardo Docanto na súa tese doutoral na USC centrada na figura do xeólogo finado en París en 1986, era determinar se estas rochas pertencen a un ou a varios períodos de erupcións xeolóxicas e, a partir de aí, establecer unha orde cronolóxica da súa formación.

Publicidade

O resultado é ‘Ensayo de clasificación cronológica de los granitos gallegos’, presentado o 2 de abril de 1935, dentro da terceira xornada da Semana Cultural Galega de Porto, unha cita que o diario madrileño Ahora cualificou de “un dos acontecementos nacionais da máis absoluta importancia”.

Un evento de primeira magnitude en Portugal

O irmandamento entre os estudosos galegos e luso foi de gran relevancia para o país veciño. Mereceu do foco dos medios de comunicación, que se envorcaron cunhas xornadas cun amplo seguimento e extensas crónicas en prensa. As conferencias foron un éxito de público. E os participantes nas palestras foron tratados como estrelas, sendo mesmo agasallados por organizadores e asistentes.

Crónica en El Pueblo Gallego (CCG)

A delegación galega foi recibida por numerosos intelectuais portugueses o 30 de marzo, véspera da inauguración das xornadas que correu a cargo do reitor da Universidade de Porto, Pereira Salgado, no Salón Nobre da Facultade Técnica. Fíxoo nun discurso en galego no que gabou a traxectoria dos estudosos galegos e fixo fincapé na importancia de estreitar lazos para reforzar o estudo científico conxunto a un e outro lado da Raia. A idea era replicar a cita de Porto ca Semana Cultural Portuguesa de Galicia, que estaba previsto que se levase a cabo en xullo de 1936 e que o golpe de Estado fixo imposible.

Alén do estudo de Parga Pondal sobre a cronoloxía do granito, tamén houbo oco neses días na ribeira do Douro para abordar outros asuntos científicos. Así, o director do Seminario de Estudos Galegos, Salvador Cabeza de León, analizou os principais parasitos que afectaban ás maceiras; o doutor Fernando Alsina, as últimas novidades sobre a anestesia intrarraquídea; e o neuropsicólogo Ramón Rodríguez Somoza abordou algunhas formas de parálise cerebral que afectaban ás crianzas.

Os granitos máis antigos veñen da época arcaica

Isidro Parga Pondal (CCG)

O estudo de Parga Pondal sobre os granitos levouno a concluír que os máis antigos de Galicia tiveron a súa orixe na época arcaica, hai entre 3.800 e 2.500 millóns de anos, cando a Terra presentou os seus estadíos xeológicos e atmosféricos máis primitivos.

Neste tipo inclúense os granitos gneíseo, catalogadas así por Guillermo Schulz, pai do primeiro mapa xeolóxico de Galicia. Máis de cen anos despois, xa á fronte do Laborotorio Xeolóxico de Laxe, Parga Pondal seguiría os pasos dun dos seus referentes dando a luz ao primeiro mapa xeolóxico moderno, unha vez restablecida a súa carreira científica que truncou o golpe de Estado, que, tempo despois, levou o bando franquista e os seus acólitos a arrebatarlle a súa praza na Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago pola súa ideoloxía galeguista.

Parga Pondal aseguraba na súa teoría que os segundos granitos en aparecer déronse na compresión huroniana, que se iniciou hai 2.400 millóns de anos. Trátase do tipo máis abundante, polo que se coñece como granito común. Os máis recentes remóntanse ao gran pregamento herciniano, un evento xeolóxico que tivo lugar entre 380 e 290 millóns de anos e que deu orixe á oroxenia varisca, un conxunto de cordilleiras que en Europea se estende ao longo de 3.000 quilómetros entre a península ibérica e os Balcáns.

Unhas conclusións revolucionarias e contestadas

As conclusións desta cronoloxía granítica feita por Parga foron revolucionaras para a época. E mesmo mereceron da contestación dos xeólogos españois e portugueses que, nun primeiro momento, rexeitaron as súas teorías ao considerar que todo o granito da península tiña orixe na oroxenia herciniana.

O mapa cronolóxico trazado polo xeoquímico serviría logo de guía para as investigacións levadas a cabo no mundo científico sobre os granitos e as súas aplicacións. 20 anos despois, de volta na súa terra da Costa da Morte onde fundou o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, Parga Pondal demostrou que a orde cronolóxica que presentou aquel 3 de abril de 1935 en Porto era correctas.



Saúl Iglesias
Saúl Iglesias
Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago. Despois dunha década facendo de todo un pouco na redacción galega da axencia Europa Press, explorando agora novos camiños desde 2025 en GCiencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta exerce o dereito de tenteo para recuperar seis moedas históricas galegas

As pezas, que datan do século VI, foron declaradas Ben de Interese Cultural e inexportables para garantir a súa conservación en Galicia

Novos achados confirman a longa ocupación da illa de Tambo

Unha campaña arqueolóxica, promovida polo Concello de Poio, documenta a presenza humana continuada dende a prehistoria ata a etapa militar contemporánea

Da Gallaecia á Galicia contemporánea: coñece a historia a través dun mapa interactivo

A aplicación Time Travel permite explorar personaxes, reinos, fronteiras e acontecementos dende a Antigüidade ata o século XXI mediante un percorrido visual e temporal

Unha historia de resistencia na Galicia do século X: a neta que denunciou o avó por violación

O investigador Abel de Lorenzo rescata os casos de violencia sexual na Alta Idade Media no noroeste peninsular