As últimas actualizacións de Whatsapp trouxeron a aparición na parte superior da pantalla principal dun círculo de cor azul que moitos se preguntan para que serve e como se fai para que desapareza. Trátase da introdución da intelixencia artificial na principal aplicación de mensaxería do planeta, que empregan en todo mundo 35 millóns de usuarios.
O símbolo corresponde a Meta AI, a división de intelixencia artificial do grupo de Mark Zuckerber, fundador de Facebook. A súa incorporación en Whatsapp permite abrir un chat para facer preguntas, consultas ou peticións que funciona de xeito similar a ChatGPT ou DeepSeek.
O asistente virtual da aplicación de mensaxería emprega o modelo de linguaxe natural Llama 3, co que o xigante tecnolóxico quere competir cos seus pares na carreira da intelixencia artificial. Alén de Whatsapp, Meta AI tamén foi introducido en Instagram, outra das patas do imperio de Zuckerberg sustentado nas redes sociais.
Facer que desapareza
Moitos usuarios pregúntanse como facer para que a icona azul desapareza dos seus teléfonos. Non é posible eliminar completamente esta ferramenta, pero si podemos reducir a súa visibilidade.

Temos dúas opcións. Por unha banda, borrar a conversa co asistente virtual. Para isto, abrimos a sección de Chats en Whatsapp, localizamos a conversa ca icona azul, prememos ata que aparezan as opción e, alí, seleccionamos a opción de Eliminar chat.
A segunda das vías é desactivar a mensaxe de benvida do bot de IA. Debemos abrir a conversa de Meta AI para acceder a configuración deste chat nos tres puntos verticais, onde pode desactivarse na opción Amosar mensaxe de benvida.














