O enxeñeiro Schulz e o primeiro mapa xeolóxico de Galicia

O xeólogo alemán trazou o Mapa Petrográfico do Reino de Galicia en 1834, o primeiro de España

Trazou o primeiro mapa xeolóxico de Galicia, que foi tamén o primeiro da súa natureza en España. Porque o enxeñeiro alemán Guillermo Schulz, establecido durante anos en Ribadeo, trazou un retrato das entrañas do país, ademais de recoller unha valiosa colección de mostras  pétreas que se conservan aínda hoxe como un tesouro no Instituto Xeolóxico e Mineiro, dependente do CSIC.

Schulz, nacido en Dörnberg (Alemaña) en 1805, chegou a España en 1926 e durante catro anos aprendeu o idioma e integrouse na vida do país, contratado por unha empresa anglo-española interesada nos minerais de Andalucía. Posteriormente, é contratado polo Director Xeral de Minas, quen o envía de regreso a Alemaña para unha viaxe de estudos, tras o que se lle ofrece participar na elaboración do primeiro Mapa Xeolóxico. Así, en 1831, ocupa o seu cargo como Comisario de Minas, con residencia en Ribadeo, onde se instala en 1832 para comezar os seus estudos da xeoloxía do país.

O investigador Schulz.

Schulz ascende no ano 1833 e pasa a encargarse da Inspección de Minas de Asturias e Galicia. O catedrático Vidal  Romaní, nunha  monografía sobre este personaxe, destaca que, en só dous anos, xa elaborara a cartografía xeolóxica, o chamado Mapa  Petrográfico do Reino de Galicia, a primeira imaxe completa a escala 1:400.000

En 1835, o alemán  publica a Descrición Xeognóstica do Reino de Galicia, unha descrición reunida en 52 páxinas de todo o territorio desde o punto de vista xeolóxico e mineiro. Pero o máis apaixonante deste traballo é que o acompaña cunha colección xeognóstica formada por 184 exemplares, que remitiu a Madrid. Trátase da primeira colección sistémica dunha zona e consérvase actualmente como parte das coleccións do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España.

Como curiosidade, entre as mostras que  Schulz enviou a Madrid atópanse importantes achegas paleontolóxicas, xa que cita  rilobites, ortoceratites e  pólipos, así como restos de plantas.

Coleccións do Instituto Geológico y Minero de España.

A raíña Isabel II distinguiuno en 1849 polos seus méritos. Ademais, entre os anos 1854 a 1857 foi profesor na Escola Especial de Enxeñeiros de Minas de Madrid. O seu prestixio levoulle á presidencia da comisión do mapa xeolóxico de España e, desde 1854 a 1857, foi director da Comisión para a Carta Xeolóxica de Madrid e Xeneral do Reino, o actual Instituto Xeolóxico e Mineiro de España, que pertence ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Infatigable investigador de campo, hai que anotar que Schulz legounos importantes datos históricos e etnográficos grazas aos cadernos de notas das súas investigacións. Como apuntaba a  paleontóloga Isabel Rábano  Gutiérrez –por certo  bisneta de Concepción Arenal– “nas súas notas,  Schulz reuniu a que pode considerarse como primeira guía de turismo rural de Galicia. A súa descrición dos albergues, pousadas e refuxios onde se protexía da choiva ou pasaba a noite é, á vez que instrutiva e moitas veces crítica, enormemente divertida polos seus comentarios sobre prezos, condicións hixiénicas, humor do pousadeiro, poboación de parasitos e o trato que nelas recibían tanto el como as súas cabalerías”.

Mapa petrográfico de Galicia.

Ademais, o enxeñeiro alemán, que se retiraría a Galicia un tempo nos últimos anos da súa vida, foi tamén un emprendedor, que impulsou a primeira fábrica de Chavín en 1850, a de Bassols e  Cía, de fiados de tecidos de liño e algodón.

Esta factoría foi dirixida por el mesmo durante un tempo e incorporaba grandes adiantos técnicos da súa época, como un motor hidráulico que aproveitaba as augas do río Landro na  Retorta, grazas a unha canle dun quilómetro de longo. Ademais, a fábrica tamén producía lenzos, velas e lonas.

Ademais, tamén elaborou o plano da vía entre Viveiro e Mondoñedo, que entregou  ene  l ano 1867.

Guillermo  Schulz morreu aos 72 anos en Aranxuez, onde se retirou a vivir. Unha rúa en Ribadeo lembra o seu nome e ten tamén viarios en Asturias en Xixón, Mieres e Oviedo, cidade esta última onde se ergueu un busto na súa honra. Ademais, na cidade alemá de Dörnberg, da que era orixinario, existe un monumento erixido en 2005.

Na historia da ciencia en Galicia queda como o primeiro autor dun mapa xeolóxico do país, o seu Mapa Petrográfico do Reino de Galicia, que foi tamén o primeiro da súa natureza trazado en España.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Preocupación polos varamentos en Galicia: “A toniña podería extinguirse en 20 anos”

O CEMMA alerta do crecemento exponencial nos últimos anos de animais mariños que chegan ás costas galegas mortos ou en mal estado

Un proxecto da UVigo avanza nunha tecnoloxía máis intelixente para protexer a saúde humana

Un equipo atlanTTic desenvolve unha nova xeración de dispositivos máis sensorizados que poidan adaptarse mellor ás persoas para unha relación "máis natural"

Os incendios forestais xorden cada vez máis preto das casas no norte de España

Un estudo da USC analiza a tendencia e características de máis de 100.000 lumes entre os anos 2007 e 2015 no país e en California

Un estudo con selo galego atopa unha proteína clave para “queimar” graxa

Unha investigación en ratos, na que participa Cintia Folgueira, identifica unha prometedora diana terapéutica contra a obesidade