O déficit de transporte de humidade do Atlántico triplica a posibilidade de seca en Galicia

A investigación realizada na Universidade de Vigo foi publicada na revista ‘Nature Water’

Un grupo de investigación da Universidade de Vigo (UVigo) vén de publicar un traballo que revela que a probabilidade de seca na Península Ibérica durante o verán e o inverno se triplica cando diminúe o transporte de humidade dende o Atlántico Norte e o Mediterráneo. Nun contexto de cambio climático, o interese científico polo incremento dos fenómenos extremos como as secas e inundacións é crecente debido ao seu grande impacto na sociedade. O estudo publicouse na revista Nature Water no que “se demostra, por primeira vez, o papel predominante do déficit de transporte de humidade na xénese das secas”.

O artigo leva por título Unravelling the origin of the atmospheric moisture deficit that leads to droughts e está asinado desde EphysLab EphysLab (Environmental Physics Laboratory-CIM) por Luis Gimeno Sotelo, Rogert Sorí, Raquel Nieto e Luis Gimeno, e por Sergio M. Vicente, do Instituto Pirenaico de Ecología do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). O estudo que recolle foi realizado no marco dunha Unidade Asociada deste grupo da UVigo e o CSIC e os seus autores están vinculados, como docentes ou alumno, ao Programa de Doutoramento Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento, do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga. Os autores do traballo destacan a importancia da publicación en aberto do texto “na nova revista do grupo Nature, dedicada especificamente a todos os temas da auga, algo que entronca perfectamente coas temáticas do noso Campus Auga”, publicación que, sinalan, está chamada a ser “a referencia máxima destes estudos”.

Publicidade

Probabilidade de duplicarse, triplicarse ou cuadriplicarse

As secas, sinala o equipo da UVigo, “son unha das principais catástrofes naturais responsables de case un millón de mortos no último medio século no mundo, perdas económicas de miles de millóns de euros e impactos devastadores nos ecosistemas”. A pesar de ser fenómenos “moi complexos” que involucran varios aspectos do ciclo hidrolóxico, detallan, o principal factor impulsor das secas é un déficit de precipitacións en comparación coas condicións normais. No seu estudo, o grupo de  EphysLab utilizou datos globais de clima presente (período 1980-2018) de precipitacións e de transporte de humidade no planeta e calcularon, a través de técnicas lagranxianas de simulación computacional de partículas e mediante funcións cópulas, a probabilidade de ocorrencia de seca dado un déficit equivalente de transporte de humidade.

Rogert Sorí, Luis Gimeno Sotelo, Raquel Nieto e Luis Gimeno, no edificio Campus Auga onde desenvolven o seu traballo investigador. Foto: DUVI

Froito desta análise, o equipo de investigación atopou que “na maioría das zonas terrestres a probabilidade de que ocorra unha seca se dobra cando hai un déficit de transporte de humidade desde as súas fontes principais, xa sexan estas oceánicas ou terrestres”. Esta probabilidade, engaden, pode mesmo triplicarse ou cuatriplicarse nalgunhas rexións, como o centro-este de América do Norte, o sueste de América do Sur e o leste de Europa. Así, no estudo recóllese que “na maioría das zonas terrestres, a probabilidade condicional estimada de seca, dado un déficit de humidade equivalente recibida do océano ou dos continentes, é superior ao 10%. Esta probabilidade é superior ao 15% nas rexións onde os principais mecanismos de transporte de humidade atmosférica están activos e a máis do 20% nalgunhas rexións críticas, como o centro-este de América do Norte, o sudeste de América do Sur e o este de Europa, onde case non hai humidade entrante”.

Publicidade

Atendendo ao estudo feito, os seus autores indican que “como o transporte de humidade é máis predicible que as precipitacións”, os resultados acadados abren unha vía para mellorar a previsibilidade das secas, coas “enormes implicacións hidrolóxicas, socioeconómicas e ambientais que iso supón”.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un minuto e moitas incógnitas: a nubosidade media nas últimas tres décadas foi do 30% para o 12 de agosto

O meteorólogo Benito Fuentes indica que as formacións baixas e unha cobertura do 35% son as principais ameazas para a observación

Un ensaio na Serra do Candán propón cambiar a disposición das colmeas para frear o ácaro que arrasa as abellas

A estratexia baséase en xirar as estruturas 90 graos para crear un ambiente máis húmido que axude a cortar a reprodución do parasito

O científico galego César de la Fuente lidera a creación dunha IA para deseñar antibióticos máis eficaces

A ferramenta ApexGO permite optimizar moléculas e acelerar a obtención de tratamentos fronte a patóxenos resistentes

Os mapas dos temporais máis extremos de Galicia: Copernicus reconstrúe 80 anos de datos atmosféricos

A ferramenta europea Weather Replay permite analizar episodios históricos mediante simulacións meteorolóxicas interactivas