Xoves 2 Maio 2024

Descuberto un océano subterráneo nunha lúa de Saturno

Os movementos da órbita de Mimas indican a preseza dunha masa de auga, contradicindo as teorías de que o seu interior é sólido

En 1789 o astrónomo William Herschel descubriu dous satélites de Saturno: Encélado e o que logo se bautizaría como un dos xigantes da mitoloxía grega: Mimas. Os datos que recolleu a sonda Cassini nesas lúas xeadas permitiron descubrir que Encélado oculta un océano con fontes termais, cuxos produtos se expulsan por penachos xigantes de xeo e gas cara ao espazo.

Mimas, con todo, que a algúns lles lembra á Estrela da Morte da Guerra das Galaxias, presenta unha superficie chea de cráteres que non delata que haxa esa gran masa de auga debaixo, pero iso é precisamente o que descubriu un equipo de investigadores franceses revisando os datos que tomou a nave Cassini antes da súa espectacular desintegración en 2017 na atmosfera de Saturno.

Publicidade

Aínda que algún estudo anterior xa o suxería, segundo o novo artigo, que publica esta semana a revista Nature, o océano subsuperficial de Mimas é relativamente recente e aínda está a evolucionar.

Baixo unha capa xeada de 20-30 km

As simulacións indican que apareceu fai entre 25 e 2 millóns de anos, e que está baixo unha capa xeada duns 20 a 30 km de profundidade. A interface océano-xeo alcanzou esta profundidade hai relativamente pouco, menos de 2 ou 3 millóns de anos, polo que aínda non tería tempo de deixar pegada na superficie lunar.

Para chegar a estes resultados, os investigadores fixáronse nos datos da órbita deste satélite. “Utilizamos decenas de miles de imaxes das 19 lúas de Saturno para restrinxir completamente a dinámica orbital de todo o sistema”, explica a SINC o autor principal, Valery Lainey, do Observatorio de París, “e despois, puidemos restrinxir o movemento orbital de Mimas con tanta precisión que logramos detectar un lixeiro cambio na deriva da orientación desta órbita no espazo”.

Investigacións anteriores suxeriran dúas posibilidades para explicar como é o interior de Mimas: un corpo sólido cun núcleo rochoso alongado, ou ben cun océano global baixo a súa superficie.

As análises de Lainey e os seus colegas resolven o debate a favor da segunda opción, tras revelar os cambios no movemento de rotación e a órbita da pequena lúa afectados polo seu océano interior.

A aplicación do modelo de corpo sólido esixiría que o núcleo rochoso fose alongado, case en forma de torta, o que non coincide coas observacións orbitais. En cambio, as medicións da posición de Mimas indican que a evolución da súa órbita explícase mellor se existe ese océano subsuperficial.

Océanos onde buscar signos de vida

Lainey lembra que xa existen catro lúas cun océano global: “Europa, Ganímedes [ambas de Xúpiter], Titán e Encélado [de Saturno], e agora súmase Mimas, máis algúns outros candidatos, como Calisto, Dione e Tritón”. Estes mundos oceánicos son bos candidatos para buscar indicios de vida fóra da Terra no noso sistema solar.

Mimas (centro) súmase ao ‘club’ das lúas cun océano global: Encélado e Titán (esquerda) e Europa e Ganímedes (dereita). Foto: Frédéric Durillon, Animea Studio/Observatoire de Paris – PSL, IMCCE

O investigador aclara que a técnica que utilizaron require datos moi precisos sobre o movemento dos obxectos, e quizá non se pode aplicar para outros satélites: “Funciona mellor para obxectos próximos ao seu planeta. Na práctica, probablemente non será posible aplicar este método a moitas outras lúas, ata dispoñer dos datos de futuras misións espaciais”.

Procesos similares noutros mundos xeados

En calquera caso, estes resultados implican que os procesos recentes en Mimas poden ser comúns nas primeiras etapas de formación doutros mundos xeados, segundo os autores, quen adiantan que novos estudos sobre este satélite de Saturno podería ensinarnos máis sobre a súa formación.

Nunha valoración paralela, publicada tamén en Nature, os astrónomos estadounidenses Matija Ćuk e Alyssa Rose Rhoden conclúen: “Os achados de Lainey e os seus colegas motivarán un exame exhaustivo das lúas xeadas de tamaño medio de todo o sistema solar, e obrigan a reformularse o que é unha lúa oceánica”.


Referencia: A recently formed ocean inside Saturn’s moon Mimas (Publicado en Nature)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O cine familiar, a resistencia cultural das vilas galegas

Santiago Díaz e Concha Candán son propietarios do Cine Avenida en Caldas de Reis, a primeira multisala dun concello galego de menos de 10.000 habitantes

Unha galega descobre compostos fluorescentes capaces de detectar explosivos

Valeria Alonso Triñanes, natural de Boiro, foi galardoada co premio ao mellor Traballo de Fin de Grao 2023 pola súa investigación

Denuncian danos en monumentos megalíticos da Fonsagrada

Dous colectivos sinalan uns traballos forestais como os causantes da deterioración dos xacementos, situados ao carón do Camiño Primitivo

Como protexernos das carrachas e das enfermidades que transmiten

Os patóxenos transmitidos polas carrazas son responsables da maioría das enfermidades transmitidas por vectores nas zonas tépedas de América do Norte, Europa e Asia