As baleas, aínda que poida parecer o contrario, nadan durante todo o ano polas costas galegas. Con todo, é nesta época cando é máis fácil avistalas en zonas repletas de peixes e de golfiños. Como por exemplo, na Ría de Vigo. Foron os navegantes do barco Mar de Ons os que tiveron a sorte de poder ver unha balea alibranca. O patrón asegura que o exemplar medía 18 metros. Os tripulantes atopárona fronte a Costa da Vela, en Cangas, e contactaron coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) para que apuntasen o encontro. Dende a organización explican que non é nada raro que aparezan baleas nesta contorna, o que permite estar alerta para poder observar este magnífico espectáculo da natureza.
Bruno Díaz, biólogo e director de The Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), explica que a balea alibranca é unha especie común, a máis pequena do Atlántico. En verán concéntranse para alimentarse nos viveiros que son as rías galegas. Co cal, é bastante probable atopar nas próximas semanas exemplares como o rorcual común ou a balea azul. De feito, o BDRI xa constatou a presencia destes mamíferos mariños no mar de Galicia nos últimos días.
O rorcual alibranco (Balaenoptera acutorostrata) ten unha cor gris que varía en todo o corpo, sendo a parte inferior do seu corpo branco. Distínguese doutros rorcuais precisamente por unha mancha branca nas aletas pectorais, cunha forma máis ou menos redonda. Esta especie adóitase localizar tanto preto como lexos da costa. A súa alimentación consiste en invertebrados e cefalópodos. Son cetáceos moi tranquilos e viaxan a grandes velocidades. Poden achegar aos barcos cando estes están parados e se non fan demasiado ruído.

Díaz comenta que nestes momentos o mar de Galicia é un maná e veremos como moitas especies se achegan para alimentarse. Na actualidade identificaron máis de 25 exemplares de balea común e azul que visitan o litoral todos os anos. “Alibrancas avístanse todo o ano, non é nada excepcional. O caso é que agora saímos máis ao mar polo tempo de verán, pero ocorre todos os anos”, alega o biólogo. Dende a perspectiva científica, expón que a chegada de baleas a Galicia non ten que ver co cambio climático ou cunha variación da temperatura da auga.
De feito, postula que Galicia é unha zona baleeira moi importante. Nos séculos XIX e XX a caza masiva destes mamíferos propiciou que practicamente se acabase con eles. As moratorias que se implantaron primeiro internacionalmente e despois en España nos anos 80, propiciaron que as poboacións se recuperansen. “As baleas que estamos vendo son exemplares de menos de 15 ou 10 anos de vida. Son as novas xeracións doutras zonas do mundo que se recuperan lentamente”, afirma.
Cambio climático
Con todo, o biólogo Bruno Díaz engade que o cambio climático si que supón unha preocupación para a conservacións das baleas. Na actualidade existe un debate científico arredor do afloramento das rías, sobre se este está sendo alterado pola subida da temperatura do mar. O afloramento é o fenómeno climático que achega nutrientes de augas profundas para renovar as augas superficiais. Grazas a este aporte as baleas poden alimentarse en Galicia.
A subida da temperatura do Atlántico Norte e dos océanos do mundo pode alterar esta limpeza que achega tanta riqueza ao litoral galego. No caso de que a acumulación de gases de efecto invernadoiro altere o afloramento das rías, as baleas terán menos alimento. Non obstante, Díaz prefire de momento celebrar que a moratoria da caza de baleas está permitindo protexelas, o que dá, na súa opinión, unha “esperanza de recuperación”. E insiste en que, aínda que cada ano nos sorprenda, en Galicia hai baleas igual que en Islandia ou Noruega. Un fermoso acontecemento, pero nada extraordinario.














