Como falar do suicidio? Isto nos ensinou o caso de Verónica Forqué

Os expertos avogan por empregar o enfoque sanitario para deixar de estigmatizar e culpabilizar ás vítimas e á súa contorna familiar

O caso de Verónica Forqué fai que se retome o debate sobre o tratamento do suicidio nos medios.
O caso de Verónica Forqué fai que se retome o debate sobre o tratamento do suicidio nos medios.

“Morrer por suicidio. Esa sería a expresión correcta”, di a psiquiatra Iria Veiga. Non romantizar, non establecer causalidades, non vulnerar a intimidade. É dicir, falar do suicidio con rigor e tratándoo como o que realmente é: un problema de saúde pública. Un tema, talvez, de máis actualidade ca nunca. A principios desta semana informábase do falecemento da actriz Verónica Forqué. E acto seguido, multitude de medios facíanse eco da noticia. A súa recente participación nun concurso de cociña fixo que o seu rostro fora aínda máis mediático. Un programa que ela decidiu abandonar e que derivou en múltiples críticas nas redes sociais.

“Nun programa, sobre todo dun medio público, non debemos mofar nin exhibir as alteracións de conduta de alguén que sofre unha enfermidade mental“, di Veiga ao respecto. De todas formas, a psiquiatra evita establecer causalidades e pon o foco no “problema ético” que se adoita derivar deste tipo de concursos. Hai que ir, polo tanto, máis alá da transcendencia sanitaria do caso de Verónica Forqué. “Temos que pensar en que tipo de televisión pública queremos. Por exemplo, un concurso que mostra publicamente a unha persoa cun problema de saúde mental, sabendo que está exposta ao acoso nas redes sociais“, detalla Veiga.

Falar en termos sanitarios

Polo tanto, un dos erros parece claro: tratar o suicidio como un suceso ou un espectáculo. Segundo apunta o xornalista Anxo Lugilde —tamén escritor do libro A Vella Compañeira, onde relata os seus máis de trinta anos convivindo coa depresión—, sobre o suicidio hai que falar en termos sanitarios, “de igual maneira que se fala dos cancros máis graves e da sida”. É dicir, dende unha perspectiva máis científica onde se escape das visións simplistas e especulatorias. “Non se trata de estar falando disto todo o día, pero tampouco de tratalo como un tabú. O suicidio é unha realidade, está aí e non o podemos ocultar“, engade Lugilde.

“O que está a pasar non é nada novo. O suicidio das persoas famosas sempre recibe unha atención desproporcionada“, apunta Eliana Martíns, vogal do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG). E é aínda máis contundente cando afirma que “falar do suicidio salva vidas”, seguindo os chamamentos da Organización Mundial da Saúde nos últimos anos e sempre que a información se dea de maneira non sensacionalista. “Hai que darlle visibilidade ao problema. Que unha persoa que estea a pasar por isto saiba que pode acudir ao 112, ao seu médico de cabeceira ou chamar ao Teléfono da Esperanza”, sinala Martíns.

Elevada incidencia na xente nova

Segundo explica a psiquiatra Iria Veiga, a incidencia do suicidio aumenta en tramos de idade máis altos, sobre todo a partir da terceira idade. De igual maneira que comeza a causar preocupación o incremento de suicidios de xente nova e adolescentes. Mais o caso de Verónica Forqué “non semella ser representativo da súa idade nin do seu xénero”. O que si que parece máis claro é como podemos ir atallando este problema de saúde pública. “Mellorar e dotar de máis medios o sistema sanitario, facer educación e fomentar campañas de desestigmatización”, explica Veiga.

“Hai unha carencia salvaxe de psicólogos na rede pública”

Lugilde pon o foco no caso de Galicia e advirte que, por normal xeral, adoitamos ter unha das taxas máis altas de suicidios de todo o país. Aínda que non todo parece negativo e ábrense raios de luz para a esperanza. Segundo o xornalista, cada vez hai máis persoas falando sobre este asunto, máis dipostas a falar. “Hai ferramentas que antes non había e que nos permiten publicar informacións atractivas sen caer no amarelismo”, explica Lugilde. Pero, sobre todo, cambiar o enfoque: deixar de tratar o suicidio como un suceso e cederlle o paso á perspectiva sanitaria.

Maior visibilidade

Algo co que tamén concorda Eliana Martíns. “Ten que haber, por parte dos medios, unha maior visibilidade da falta de recursos para promover a transformación”, di dende o CPXG. E, sobre todo, fuxir das abordaxes simplistas que se centran en tratar o suicidio como un feito individual. “Menos aínda aquí en Galicia, onde os profesionais levan alertando de que hai taxas altísimas de suicidio que se poden previr. O enfoque ten que ir por outro lado, na nosa lealdade cara á cidadanía”, puntualiza a xornalista.

Talvez o caso de Verónica Forqué sirva para seguir aprendendo. E para seguir alertando do importante que é falar da saúde mental con rigor. “Sempre nos quedamos cos malos exemplos pero hai xente que está a facer un bo traballo. O caso se Forqué está a ser moi mediático pero é importante que, cando o foco se apague, se continúe a falar sobre o tema”, explica Martíns. E, sobre todo, non esquecer a perspectiva máis positiva. Xa non falar de casos concretos, senón denunciar as malas prácticas, darlle espazo ás historias de superación e reclamar máis recursos. A este respecto, o CPXG e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia elaborou Informa_Dor, unha guía práctica para tratar aquelas informacións das que se pode derivar un sufrimento humano.

Fóra o sensacionalismo

A psiquiatra Iria Veiga tamén comeza a ver un cambio positivo nos medios e declara que as informacións que abordan o suicidio están mellor enfocadas que hai uns anos. Que as pautas que se deben seguir son as de informar sen caer no morbo nin no sensacionalismo. Tratar de ser respectuosos non só coa vítima, tamén coa súa contorna familiar. E deixar de empregar certas expresións, como aquelas que falan de “atentar contra a súa vida”. Deixar de equiparar o suicidio aos sucesos. E talvez casos como o de Verónica Forqué consigan que as televisións públicas e os medios comecen a falar de “morte por suicidio”. Para desestigmatizar e deixar de culpabilizar a quen é, realmente, unha vítima.


Se precisas axuda, podes chamar ao Teléfono da Esperanza: 981 519 200.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.