Unha nova terapia contra o cancro gástrico obtén resultados prometedores

Un estudo revela que combinar tratamentos pode reducir o tamaño dos tumores e incluso facelos desaparecer

Unha investigación sobre terapias combinadas no tratamento do cancro gástrico en estado avanzado revela datos prometedores na redución do tamaño do tumores. O estudo, no que participa o Vall d’ Hebron Instituto de Oncoloxía (VHIO), demostra por primeira vez que engadir pembrolizumab, un anticorpo dirixido contra un tipo de receptor (coñecido como PD-1) na superficie da célula á terapia xa empregada, mellora os resultados en pacientes de cancro gástrico avanzado con sobreexpresión de HER2.

“Cos datos obtidos neste novo ensaio púidose observar que engadir un novo fármaco, neste caso pembrolizumab, logra mellorar a taxa de resposta ao tratamento nesta poboación de pacientes de cancro gástrico HER2 positivos. É a primeira vez que unha terapia anti- PD-1 demostra, neste tipo de enfermos, unha mellora en termos de resposta obxectiva”, explica Josep Tabernero, coautor do estudo e director do Vall d’ Hebron Instituto de Oncoloxía (VHIO).

Publicidade

Aproximadamente o 15-20 % dos tumores malignos que se orixinan nunha glándula (adenocarcinomas) avanzados gástricos ou da unión gastroesofágica presentan sobreexpresión do xene HER2. Por ese motivo, desde fai máis dunha década o tratamento convencional para esta poboación consistía na administración combinada de quimioterapia con trastuzumab (un anticorpo dirixido contra HER2).

Datos prometedores

O ensaio KEYNOTE-811 deseñouse para estudar máis a fondo a combinación de pembrolizumab, trastuzumab e quimioterapia en pacientes con adenocarcinoma avanzado de esófago, gastroesofágico ou gástrico HER2 positivo, que en estudos previos xa demostrara tanto eficacia clínica como unha seguridade manexable. Para iso, recrutouse un total de 434 participantes.
Ata o momento disponse dos datos de 264 pacientes, sobre os que se fixo a análise intermedia, que se acaba de publicar na revista Nature e que xa se avanzaron no congreso da Sociedade Europea de Oncoloxía Médica (ESMO) celebrado este ano. “Estes achados iniciais de KEYNOTE-811 suxiren que esta tripla combinación pode ser unha opción de tratamento transformadora para o adenocarcinoma gástrico ou da unión gastroesofágica HER2 positivo. Así, serviron para que a Administración de Medicamentos e Alimentos de Estados Unidos (FDA) aprobase rapidamente o seu uso. Isto é unha decisión sen precedentes, xa que nunca se tomou unha decisión baseada en resultados intermedios que non están a avaliar as variables principais do estudo”, explica o experto.
Segundo esta análise intermedia, un 74,4 % dos pacientes que recibiron a tripla combinación mostrou unha resposta obxectiva, mentres que no grupo de control, aos que se administraba o tratamento convencional de quimioterapia e trastuzumab máis un placebo, esta era só dun 51,9%. Tamén se puido observar que no grupo que recibía pembrolizumab reducíase notablemente o tamaño do tumor e inducíanse respostas completas nalgúns participantes.
“Aínda que se trata de resultados prometedores, agora debemos esperar a completar o estudo para ver se finalmente isto tradúcese tanto nunha supervivencia libre de progresión maior como nunha mellor supervivencia xeral, que eran as dúas variables principais que se pretendían estudar”, engade o director do VHIO, quen recalca a necesidade de tomar estes resultados con prudencia. Aínda así, considera que isto supón un paso máis na investigación do cancro gástrico en estado avanzado e reforza a importancia de asociar estratexias terapéuticas que estimulan a resposta inmunitaria aos tratamentos convencionais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mundo micolóxico do Val do Ulla: máis de 660 especies e achados de interese científico

Un proxecto impulsado por AMABUL en colaboración coa Deputación da Coruña identifica máis dunha decena de posibles primeiras citas para Galicia e unha para España

Un equipo de Santiago publica un estudo pioneiro para tratar unha complicación da enfermidade de Crohn

O ensaio clínico realizado polo IDIS e o CHUS avalía un innovador fármaco oral que amosa resultados preliminares positivos

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Galicia ampliará de xeito progresivo o cribado de cancro de mama a mulleres de entre 45 e 74 anos

Ao longo do ano 2027 serán invitadas por primeira vez a participar no programa as persoas usuarias nadas nos anos 1982 e 1977