Que pasa antes do suicidio? Claves para a detección e prevención

Unha investigación, realizada en conxunto pola USC e o Sergas, sinala os antecedentes hospitalarios como fundamentais para atender a suxeitos de risco

O estudo analiza os antecedentes clínicos de casos que acabaron en suicidio en Galicia. Foto: Pixabay.
O estudo analiza os antecedentes clínicos de casos que acabaron en suicidio en Galicia. Foto: Pixabay.

Entre os anos 2013 e 2016, até 1.354 persoas cometeron suicidio en Galicia. Tras o dato, a análise dos patróns rexionais de epidemioloxía e as variábeis de saúde vólvese un requisito fundamental. Así o recolle o estudo realizado polo Grupo de Investigación en Saúde Mental e Psicopatoloxía (GRISAMP) da USC, liderado polo catedrático Fernando L. Vázquez, conxuntamente co Sergas, cun equipo coordinado pola doutora María Tajes, Xefa do Servizo de Saúde Mental.

Os obxectivos da investigación foron analizar as características sociodemográficas, clínicas e forenses dos falecidos por suicidio en Galicia entre 2013 e 2016, examinando as taxas de mortalidade por suicidio e identificando as traxectorias de hospitalizacións previas e as variábeis asociadas. A partir destes datos, os resultados do estudo permiten identificar a suxeitos en elevado risco, así como os momentos nos que entran en contacto cos profesionais dos servizos públicos de saúde, proporcionando oportunidades únicas para a detección e a prevención de potenciais futuros casos de suicidio. “Dada a magnitude do fenómeno, e as súas terribles consecuencias, todas as estratexias que se poidan artellar son poucas. Creemos que estudos como o que vimos de publicar proporciona pistas importantísimas para o deseño de medidas concretas dirixidas á poboación máis vulnerable“, sinalan os membros do equipo investigador.

Varón xubilado, o perfil das taxas elevadas

No que respecta aos datos extraídos desta investigación, o perfil sociodemográfico predominante foi o dun home pensionista, cunha idade media de 58 anos e de zonas urbanas. Isto último, segundo apuntan, porque a concentración de poboación destas áreas é moito maior, se ben, de consultar o dato da taxa, este é moito máis elevada en zonas rurais. "É un perfil que coincide con estudios previos a nivel nacional e internacional, que atoparon unha maior incidencia de suicidio en varóns cunha pensión de discapacidade e sendo máis frecuente en maiores de 65 anos e de zonas rurais", sinala o grupo.

Xunto con Asturias, Galicia presenta as tendencias de mortalidade por suicidio máis elevadas do país. Neste senso, a taxa bruta media na rexión para todo o período foi de 12,3, moi superior á taxa española de 7,6 por 100.000 habitantes. Algo que, segundo indican os investigadores, posibelmente teña que ver cunha serie de factores relacionados co perfil sociodemográfico maioritario nestas rexións do noroeste estatal. "Distintos estudos atoparon taxas de suicidio máis elevadas en áreas rurais, e poboación cunha idade elevada. Un perfil que é máis habitual en Galicia e Asturias, cunha poboación máis rural e máis envellecida que outras zonas xeográficas de España, o que podería explicar parcialmente esas taxas de suicidio máis elevadas".

Atopouse unha maior incidencia en varóns con pensión de discapacidade, maiores de 65 anos e de zonas rurais

Amais, o factor rural tamén podería xogar un papel clave: "Diversas investigacións realizadas en varios países europeos puxeron de manifesto que as taxas de suicidio eran maiores en medio rural que urbano, debido á menor presenza de profesionais sanitarios, a maior soidade e illamento, a maior presenza de armas de fogo e a unha menor interacción social", engaden.

Tres traxectorias de hospitalización

Ao estudar as relacións entre o suicidio e as variables sociodemográficas e clínicas, a investigación identificou tres grupos diferentes de traxectorias de hospitalización:
crecente, decrecente e baixa constante.

A traxectoria crecente, cun baixo número de hospitalizacións 3 anos antes do suicidio e un aumento gradual até o ano deste, abrangue a case o 3% dos participantes. O grupo decrecente, co 2,22% dos participantes, comezaba cun elevado número de hospitalizacións entre 3 e 2 anos antes do suicidio, en descenso até o ano do suicidio.

Fernando Vázquez é profesor e investigador no Departamento de Psicoloxía Clínica da USC.
Fernando Vázquez, profesor e investigador no Departamento de Psicoloxía Clínica da USC.

Con todo, o 95% dos falecidos pertencen á traxectoria de baixa constante, con poucas ou mesmo ningunha hospitalización nos anos previos ao suicidio. O que supón que "para eses casos non existe un patrón de hospitalizacións distintivo que nos permita identificalos claramente como persoas en risco a través desa vía". Logo, ao non presentar traxectorias de hospitalización particulares, para detectar a ese 95% habería que recorrer a outro tipo de indicadores.

Oportunidades de prevención

Secasí, máis de dous terzos si tiveron contacto cos servizos sanitarios nos anos previos ao seu pasamento. Un dato crucial, posto que indica que "unha porcentaxe importantísima das persoas que despois cometen suicidio poderían detectarse empregando tres indicadores básicos: ter sido hospitalizados por doenzas físicas ou enfermidade mental, asistir a consultas ambulatorias de psiquiatría ou ter unha prescrición de psicofármacos". Logo, cando aqueles suxeitos que presentasen devanditos indicadores de risco sexan homes maiores, recomendan que, nestes mesmos servizos, se introduzan ferramentas de detención, así como as medidas preventivas pertinentes en cada caso concreto.

O 95% dos falecidos tiveron poucas ou mesmo ningunha hospitalización nos anos previos ao suicidio

Medidas nas que Galicia é unha comunidade pioneira no Estado. "A través do desenvolvemento do Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024, constituíronse seis unidades de atención a persoas en risco de suicidio nas áreas sanitarias de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; A Coruña, Lugo, Pontevedra, Vigo e Ferrol". Xunto a estas, está prevista a creación dunha sétima, na área de Santiago de Compostela e Barbanza. Asemade, no 2021 convocouse unha liña específica de axudas, dirixidas a entidades sen ánimo de lucro no ámbito comunitario, de programas de prevención que contribúan a sensibilizar e detectar situacións de risco. Finalmente, a Comisión Interdepartamental Sanidade-Educación adoptou o acordo de crear un comité de traballo, de cara a desenvolver un programa de prevención universal do risco de suicidio no ámbito escolar.

Facer fronte ás limitacións

Neste tipo de investigacións atoparon certas dificultades a nivel técnico, especialmente ao ter que acudir ás bases de datos, onde figuran variábeis de saúde dispoñíbeis sobre unha persoa, unha vez constatado que o suxeito cometeu suicidio. "O feito de que se utilicen datos secundarios impediu que puidésemos analizar algunhas variables, ao non terse recollido no seu momento. Variables que a literatura sobre o suicidio nos di que tamén poden ser importantes, tanto de tipo social, como é vivir só, ou de tipo clínico, como os diagnósticos feitos noutros servicios de saúde como a atención primaria, a historia familiar de suicidio ou a presenza de desesperanza".

Así mesmo, o perfil clínico dos suxeitos tampouco tiña sido obxecto de moita atención, posto que implica certas dificultades para a investigación, relativas ao feito de que a recompilación dos datos é retrospectiva. Para iso, é preciso solicitar datos de xeito individualizado nos distintos servizos de saúde aos que puido ter acudido o suxeito e hai que definir o xeito no que se codifican os informes provintes de distintos profesionais, amais de que poden non estar dispoñíbeis datos clínicos que serían relevantes ou non estar para todas as persoas que finalmente faleceron por suicidio. De igual xeito, trátase de información "moi sensible, polo que é fundamental ter en conta os aspectos éticos", engaden.

O valor dos resultados

Até o momento, ningunha investigación previa examinara as traxectorias de hospitalización previas ao suicidio e as variables sociodemográficas e clínicas relacionadas con estas. Amais, é dos escasos traballos existentes a nivel rexional, nacional e internacional que aporta datos sobre un perfil clínico amplo dos pacientes falecidos.

Porque a maior fortaleza deste estudo son as fundamentais aplicacións clínicas que inauguran os seus achados. A nivel sociodemográfico, os resultados indican que os homes maiores de áreas rurais son os que presentan taxas de suicidio máis elevadas. A nivel clínico, unha elevada porcentaxe dos falecidos acudían a atención psiquiátrica ambulatoria, fóranlles prescritos psicofármacos ou fosen ingresadas por doenzas físicas ou enfermidade mental.

Asemade, e aínda que as cifras dos que cometeron suicidio presentando traxectorias atípicas de hospitalizacións son baixas, constátase no estudo que o 5% exhibe un patrón característico, ben crecente ou decrecente, o que supón unha oportunidade para intensificar as medidas de detección e prevención do suicidio entre pacientes con estas traxectorias clínicas. Daquela, as persoas con estos indicadores deberían ser a poboación diana das estratexias de detección e preventivas que se adopten.

Neste senso, tal e como sinalan os investigadores, as Tecnoloxías da información e a comunicación (TICs), como as multiconferencia telefónicas, 'apps', plataformas online, etc., poden xogar un papel moi importante na difusión destas intervencións entre a poboación. "De feito, o noso equipo de investigación é pioneiro no desenvolvemento de programas e a súa aplicación en campos como a prevención e o tratamento da depresión", sentencian.


Referencia: Epidemiological characteristics and hospitalization trajectories prior to suicide in Galicia between 2013 and 2016 (Publicado en Revista de Psiquiatría y Salud Mental)

1 comentario

  1. Muchas estadísticas pero a la hora de la verdad, llegas pidiendo ayuda, te tienen desde las 9 de la mañana a las 12 de la noche esperando para subir a planta. Te intentan dar 3 pastillas diferentes sin explicación ninguna, antes de subir. Cuando subes si tienes suerte una de las enfermeras te habla muy bien y muy respetuosamente, otra muy mal y de forma despectiva. El calor agobiante de toda la planta asfixia, las persianas negras bajadas y una oscuridad opaca, no dispones de ninguna actividad casi que hacer solo caminar por un pasillo, te quitan todas tus pertenencias, si fumas lo tienes que dejar de golpe, te ofrecen parches de nicotina… Si vives solo como yo no te ayudan con el tema de tus gastos de alquiler… Enpastillar a las personas hasta que se olviden de su problema, y dejarlas salir sin brindarles ninguna ayuda más, con facturas acumuladas, una mano por delante y otra por detrás, es el motivo porque muchas personas no van a tratarse a a esas famosas plantas… Hablo por experiencia propia no por opnion discurrida… Así hacen en el hospital Álvaro cunqueiro de vigo…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.