Un novo censo do lobo identifica 23 mandas no norte de Galicia, dez máis que o oficial

Un estudo publicado nunha revista da USC apunta que a Xunta subestimou nun 43,5% o número de grupos con evidencia de reprodución

A actualización do censo de lobos (Canis lupus) do norte de Galicia realizada polos investigadores Pedro Alonso Iglesias, David Martínez Lago e Miguel Hevia Marcón no bienio 2021-2022 constata a presenza de 23 mandas das que 18 son grupos familiares con reprodución confirmada, fronte ás 13 do censo da Xunta de Galicia. 

“O censo oficial subestimou nun 27,7% o número real de grupos existentes. E se se toma en consideración o número de grupos con evidencia de reprodución (cría confirmada e cría probable), dita subestima sería do 43,5%” sinala o traballo, que acaba de ser publicado na Revista do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) da USC.

Publicidade

O censo oficial do lobo de Galicia, realizado pola Xunta en 2021-2022, cifra en 93 as mandas reprodutoras de Canis lupus na nosa comunidade. Os datos recollidos no traballo publicado reforzan as estimativas que tiñan do bienio anterior (2019-2020), que acreditan a existencia de 23 dos 24 grupos localizados entón, o que poñería en evidencia “a falta de precisión” do censo oficial. 

Varios son os factores que, na súa opinión, explican esta disparidade de resultados: desde a elección como referencia de planificación espacial a cuadrícula UTM de 10 x 10 km no canto de repartir o territorio en unidades orográficas máis ou menos homoxéneas á heteroxeneidade dos equipos de rastrexo (141 axentes e vixiantes de medio ambiente, cinco técnicos da Consellería de Medio Ambiente e catro técnicos externos) con distinta formación, pericia e ‘interese’, pasando por recortes orzamentarios que reduciron medios e recortaron tempos para desenvolver o traballo.

Publicidade

A área na que se desenvolveu o estudo sobre poboación de Canis lupus viría definida por unha liña que parte da localidade de Ribadeo cara a Pontenova para logo virar cara o oeste, unindo Abadín, Vilalba e Monfero. A península da Capelada tamén figura no territorio analizado, que abrangue desde máis ao sur das nacentes dos ríos Mera, Sor, Landro, Eume, Ouro e Masma cara o mar e co Eo como límite cara o leste.

É previsible que esta disparidade de datos entre o censo oficial e o “real” se produza noutras zonas de Galicia, un traballo que queda por facer.

Especie ameazada

A polémica persegue ao lobo. Non só é unha especie ameazada, senón tamén maldita. A xestión do conflito económico e social do lobo non é doada e, como subliñan os autores da actualización publicada na revista de IBADER, “non pode ser correctamente orientada porque se carece do máis elemental, que é unha base de coñecementos demográficos sólidos”.

Incluída na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especieal (LESPRE) desde o ano 2021, a súa protección está en dúbida pola proposta da Comisión Europea de rebaixar o seu status de especie “estritamente protexida” a “protexida”. Ata doce países da UE xa se pronunciaron en contra desta rebaixa, entre eles España. 

Mais a lide política sobre a xestión do lobo non se circunscribe ao ámbito comunitario. Sen ir máis lonxe, a protección do lobo amparada pola legalidade española está contestada polas comunidades autónomas do noroeste peninsular nas que a presenza desta especie é máis numerosa: Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Rula, choia, paíño… Os 600 nomes de aves en galego que atoparás nesta ferramenta dixital

A RAG estrea unha plataforma para realizar procuras pola denominación, o nome científico ou a familia á que pertence cada especie

Tecnoloxía inclusiva galega: premiada unha aplicación para previr a atrofia muscular

O CITIC celebrou esta semana un encontro europeo no que tamén galardoou o deseño adaptado dunha cesta da compra para cadeira de rodas

Un estudo galego revela o papel clave dos adultos na repoboación do percebe

O 90% dos ocos deixados nas rochas polos mariscadores inician a súa recuperación en menos de seis meses cando se deixan grandes exemplares

Dous de cada dez galegos emborracháronse ata a intoxicación aguda no último ano

A enquisa EDADES reflicte que Galicia supera en cinco puntos porcentuais a prevalencia nacional dos casos de embriaguez nos últimos 12 meses