Área rochosas e menos vexetación: Así impactan os incendios no solo da Serra do Xurés

Investigadores galegos subliñan a importancia dunha xestión estratéxica do lume nas rexións máis propensas a incendios e afectadas polo abandono do rural

Ante o aumento global na severidade dos incendios forestais, dous novos estudos proporcionan coñecementos cruciais sobre os impactos a longo prazo dos incendios na dinámica entre solo e vexetación e a eficacia do lume prescrito como ferramenta de xestión en rexións propensas a incendios.

Realizadas por expertos da Universidade de Vigo, a Misión Biolóxica de Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas (MBG-CSIC) e o Centro de Ciencia e Tecnoloxía Forestal de Cataluña, estas investigacións céntranse no Parque Natural da Baixa Limia–Serra do Xurés, incluído na Reserva da Biosfera Transfronteiriza ‘Gerês-Xurés’, territorio compartido entre o norte de Portugal e o sur de Galicia.

Publicidade

O primeiro estudo, titulado Long-Term Cumulative Effects of Wildfires on Soil-Vegetation Dynamics in the ‘Baixa Limia-Serra do Xurés’ Natural Park, examina a complexa relación entre os incendios forestais, a vexetación e o solo durante dúas décadas (2000-2020). A investigación revela cambios significativos no réxime de incendios e a dinámica da paisaxe, cunha tempada de incendios máis prolongada e un aumento na frecuencia de grandes incendios, malia o descenso no número de incendios reportado dende o ano 2000.

Áreas rochosas e con pouca vexetación: o futuro do Xurés

O estudo tamén destaca unha preocupante tendencia cara á degradación do solo e o risco de converter en terreo ermo ás áreas afectadas por incendios recorrentes e severos, sobre todo nas áreas de maior protección do Parque Natural. A investigadora principal, Concepción García-Redondo, subliñou a urxencia dos achados, afirmando: “É vital que desenvolvamos prácticas de xestión que favorezan paisaxes máis resilientes para combater estes cambios.”

Publicidade

Montserrat Díaz-Raviña da MBG-CSIC expresou a súa preocupación polas implicacións ambientais, sinalando que “o cambio cara áreas rochosas e con pouca vexetación indica unha degradación continua do chan”. Pola súa banda, o investigador da USC Adrián Regos salientou a importancia das tecnoloxías avanzadas de teledetección para mellorar a planificación e protección destas paisaxes vulnerables.

O segundo estudo, titulado Optimizing Wildfire Prevention through the Integration of Prescribed Burning into ‘Fire-Smart’ Land-Use Policies, avalía o lume prescrito como unha estratexia de prevención de incendios forestais na Reserva da Biosfera Transfronteiriza ‘Gerês-Xurés’. A investigación amosa que o lume prescrito podería reducir o risco de incendios futuros ata nun 36 % cando se aplica estratexicamente en zonas cun alto risco. O estudo tamén subliña a necesidade de integrar o lume prescrito en políticas de uso do solo máis amplas para maximizar a súa eficiencia e mellorar a resiliencia da paisaxe.

O despoboamento no rural, factor de risco

Ademais do seu papel nestes estudos, Regos coordinará dende a Misión Biolóxica de Galicia o proxecto RESFIRE, que se desenvolverá durante os próximos tres anos. RESFIRE ten como obxectivo desenvolver enfoques innovadores para a restauración de ecosistemas reintroducindo dun xeito estratéxico a actividade de incendios controlados para imitar procesos naturais, mellorando así a biodiversidade e reducindo o risco de incendios catastróficos.

O proxecto alíñase con iniciativas globais como o Marco Global de Biodiversidade (GBF) e a Estratexia de Biodiversidade da Unión Europea, estendendo os esforzos de restauración máis alá das áreas protexidas cara a escalas máis amplas. Promovendo réximes de lume ecolóxico, RESFIRE procura equilibrar a conservación da biodiversidade coa xestión de incendios forestais, ofrecendo Solucións Baseadas na Natureza (NbS) para riscos extremos de incendios.

Os actuais estudos levados a cabo polos investigadores, xunto co futuro proxecto RESFIRE, proporcionarán datos esenciais e recomendacións para a xestión de incendios forestais nos parques naturais da Península Ibérica, ofrecendo coñecemento para mellorar a resiliencia das paisaxes propensas a incendios e afectados polo abandono rural.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos