A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) publicaba no día de onte a través da súa conta de X un novo aviso por onda de calor, que comezará no día do venres e, segundo se prognostica, durará como mínimo ata o domingo. Nesta ocasión, Galicia atópase nunha situación de alerta amarela que comezará afectando á comarca de Valdeorras no día de hoxe ata deixar un escenario no día do sábado para o cal a metade da comunidade entraría tamén neste aviso polo aumento das temperaturas. Segundo as previsión de Eltiempo.es, na tarde do venres os termómetros marcarán ata 34 graos en varias localidades da provincia de Pontevedra.
No caso de Ourense, é moi probable que as temperaturas cheguen ata os 37 ºC. Na xornada do sábado as rexións do sur de Galicia experimentarán unha suba notable, chegando aos 42 graos no caso de Ourense. En Lugo agárdase unha media por riba dos 30 ºC e no caso da provincia coruñesa, as temperaturas serán algo máis tépedas, en torno aos 27 graos. O mesmo sábado, a onda de calor deixará noites tropicais nas rexións do sur do territorio galego.
Catro alertas nun só mes
Con esta, xa son catro as alertas por altas temperaturas no territorio peninsular só dende o 18 de xullo, mais dende a AEMET subliñan que a totalidade dos avisos falan do mesmo episodio, unha onda de calor que comezou o día 23 de xuño e que se estendería ata, polo menos, finais de mes de xullo.
A causa deste novo fenómeno débese, segundo a Axencia, á actual situación de estabilidade atmosférica, con ceos pouco nubrados, unha elevada insolación e ventos frouxos. Esta configuración atmosférica tenderá a manterse no territorio peninsular, “especialmente a partires do venres, co desenvolvemento dunha dorsal en niveis medios“. Por este motivo, agárdase que as temperaturas, xa elevadas na meirande parte do país, continúen o seu ascenso progresivamente nas vindeiras xornadas, nas cales, os ventos do sur e do sueste favorecerán un escenario no cal se acadarán “valores de perigo importante, especialmente nos vales dos grandes ríos peninsulares e nas depresións do nordeste”. A partir do luns, a AEMET declara que é probable que comece o descenso das temperaturas, “especialmente no Cantábrico”.
No pasado verán producíronse varios episodios de temperaturas extremas e unha onda de calor que deixou á práctica totalidade de Galicia con mínimas de máis de 30 graos na noite e máximas por enriba dos 40 ºC. No ano pasado, o continente europeo rexistrou récords en días con estrés térmico extremo. Nun contexto no cal a poboación está cada vez máis exposta a este tipo de fenómenos, os plans de actuación e a información sobre como combater estas xornadas de altas temperaturas convértense nunha ferramenta crucial de cara á cidadanía.
A termorregulación, unha función esencial no organismo
Saes á rúa e miras o termómetro: 42 ºC. Camiñas cun paso alegre, pese á calor extrema que se agardan neses días na túa localidade. O corpo quéntase, os vasos sanguíneos dilatan e a presión arterial baixa. O corazón vese obrigado a traballar máis arreo para levar a sangue ás extremidades. Sentes o cansanzo físico e mental, de levar xa dous días convivindo cunhas medias térmicas fóra da túa normalidade. A náusea, a confusión, a suor intensa e as cambras musculares xa forman parte da estraña cotiandade nun novo verán caloroso, segundo anuncian os xornais.
Por sorte, o noso organismo sempre procura o equilibrio ou homeostase. No relativo á temperatura, o corpo tenta manter unha media duns 37 ºC grazas a un proceso chamado termorregulación, independentemente do ambiente no cal nos atopemos. Isto implica expulsar calor, no caso dunha temperatura externa alta, ou tentar mantelo se nos atopamos nunha contorna fría. O hipotálamo, unha rexión que se atopa no cerebro, encárgase de manter o noso termómetro interno nunha marxe segura. A este centro de control chega dun xeito constante información sobre a temperatura do noso corpo e do exterior, e no caso de saírse dos niveis seguros, activa unha resposta global para recuperar o equilibrio.
Máis alá da marxe de seguridade
Sentes o suor fuxindo a través das liviás capas de roupa que levas, deixando unha pegada perfectamente recoñecible. O suor evapórase ao contacto co ambiente, e como consecuencia a túa pel refréscase.
O mantemento da nosa temperatura é crucial para o bo funcionamento do organismo, xa que cando nos afastamos desa marxe de seguridade térmica o corpo comeza a comportarse dun xeito errático: cando se superan os 40 ºC moitos procesos esenciais fallan, como é o caso das proteínas, unhas moléculas grandes e complexas que cumpren moitísimas funcións críticas. Cando aumenta dun xeito drástico a temperatura, estas perden a súa estrutura sendo incapaces de “traballar”.
Recomendacións para a saúde
A exposición prolongada ás altas temperaturas pode causar estrés térmico, esgotamento por calor e, nos casos de maior gravidade, un golpe de calor. As persoas con maior vulnerabilidade son aquelas de avanzada idade, os nenos pequenos, as mulleres embarazadas, as persoas con obesidade ou aquelas que teñen unha enfermidade crónica. Aínda así, toda a poboación pode sufrir complicacións a causa das altas temperaturas. Para evitalo, pódense seguir unha serie de recomendacións sinxelas, que axudan a manter o corpo no desexado equilibrio térmico:
- Beber moita auga e manterse hidratado
- Facer comidas lixeiras que axuden a repoñer a sal perdida polo suor: ensaladas, froitas e verduras son moi recomendables para ocasións de altas temperaturas
- Roupa lixeira, de cor clara e que transpire
- Levar sombreiros ou complementos que cubran a nosa cabeza
- Lentes de sol que protexan ao 100 % fronte a radiación dos raios ultravioleta e o azul visible
- Se hai que facer algunha actividade no exterior, aproveitar as primeiras ou últimas horas do día
Ante o incremento deste tipo de fenómenos, as administracións comezan a plantexar a creación en Galicia dunha rede do que se coñece como “illas de frío“, espazos sinalizados e gratuítos que conten con refrixeración e aire acondicionado para que a cidadanía se refuxie nos días de temperaturas excesivas. As illas de frío ou refuxios climáticos xa son unha realidade en cidades como París, Barcelona ou Madrid.