O 16 de novembro acendíanse as luces da cidade máis iluminada do Nadal a nivel mundial: Vigo. Con doce millóns de lámpadas alumando as rúas, especialmente no centro, non tardaron en chegar visitantes das localidades veciñas (e non tan próximas) para gozar do espectáculo promovido polo alcalde da cidade, Abel Caballero. Pero, dende o punto de vista da contaminación luminosa, como pode afectar o alumado?
Coque Alcázar, enxeñeiro industrial, delegado do Comité Español de Iluminación en Galicia e presidente da Asociación Slowlight, apunta o efecto de turistificación que cidades como Vigo buscan atraer. A cidade máis iluminada do mundo é o lema de Caballero, cunha campaña que inclúe afirmacións como que as luces son visibles dende a Estación Espacial Internacional e anuncios en paradas de autobús que chegan a Madrid e mesmo a Nova York. “Conseguiu pór a Vigo no centro do planeta en materia de Nadal“, asegura Alcázar.
Con todo, sinala que este tipo de mensaxes tamén teñen efectos negativos, incentivando unha iluminación excesiva en todas partes, incluso nas nosas propias casas. Conceptos como noite e escuridade quedan así asociados a sentimentos como medo, inseguridade ou tristeza. Segundo Alcázar, a solución máis sinxela pasa por reflexionar sobre o uso da luz: “É tan accesible, barata e aditiva que estamos a perder noite sen decatarmos“.
Un efecto chamada
A luz durante o Nadal percíbese como un elemento bonito, inocuo e que, ademais, se considera que non contamina. Os dous meses que poden durar estas festas en Vigo supoñen tamén un gasto que, segundo o enxeñeiro, é “desprezable”, xa que manter a iluminación nunha casa particular pode custar un máximo 25 euros. Deste xeito, o que cadaquén decora no seu fogar é, a grande escala, o que fai o alcalde de Vigo na súa cidade.
O problema xorde co “efecto chamada”, que repercute indirectamente noutras cidades. “Todos os pobos e cidades de España quererían ter un Nadal máis iluminado”, apunta Alcázar, xa que todos se comparan con Vigo. Con todo, sería importante coñecer o impacto real deste tipo de grandes instalacións da época de Nadal.
O presidente de Slowlight explica que, aínda que os datos son medibles e cuantificables, a súa medición require dunha rede de fotómetros para avaliar a contaminación luminosa. Estes deberían despregarse uns meses antes e despois do inicio do alumado para poder observar o cambio real. Non obstante, MeteoGalicia só conta con 26 fotómetros para medir todo o territorio, fronte aos 228 que dispón unha provincia como Badaxoz.
Ese non é o único método de medición: tamén se poden empregar imaxes tipo bóveda de ceo con cámaras all-sky, ou incluso monitorizar rúas concretas, como García Barbón ou Príncipe en Vigo, dúas das protagonistas do Nadal. Neste último caso, pódense recoller valores de iluminancia, identificar luces intrusas e avaliar fachadas, co obxectivo de extrapolar o impacto ao resto das rúas iluminadas. “Mentres non se realicen estes estudos, realmente non hai unha maneira precisa de cuantificar”, advirte Alcázar. Con todo, si se poden coñecer os seus efectos.
Alteración dos ritmos biolóxicos
Aínda que non existen estudos científicos concluíntes sobre o impacto específico do Nadal, as investigacións dispoñibles céntranse nos patróns de iluminación das casas e espazos de traballo. Con todo, estes estudos ofrecen datos relevantes. “Os patróns de iluminación que se afastan da luz natural poden xerar efectos sobre a nosa saúde”, explica Coque Alcázar.
O uso de luz que non respecte o ciclo noite-día pode alterar os ritmos circadianos, afectando principalmente o sono. Nos ollos hai células que detectan o cambio de luz cara á escuridade, polo que non é o ser humano quen activa a fase de descanso. Deste xeito, a exposición constante ás luces do Nadal, especialmente para quen vive no centro da cidade, pode afectar en maior medida. “O ser humano é o primeiro elemento da biodiversidade nocturna”, sinala Alcázar.
Pero as persoas non son as únicas afectadas. Por exemplo, algunhas árbores situadas baixo luces artificiais, sobre todo luz branca, manteñen as súas follas verdes mentres que outras, sen iluminación directa, xa as perderon. A fauna tamén sofre: os polinizadores nocturnos, como as avelaíñas, deixan de realizar funcións vitais, como alimentarse ou reproducirse, debido á alteración do seu reloxo biolóxico provocada pola luz urbana. Como consecuencia, as plantas que dependen da polinización nocturna non se desenvolven, mentres que as diúrnas si o fan.
Estes cambios xeran desequilibrios naturais que teñen un impacto significativo a medio e longo prazo. Aves que chocan contra edificios iluminados ou que non poden aniñar en certos lugares debido á contaminación luminosa son só algúns exemplos. “Mentres non teñamos claro que a iluminación humana é unha iluminación egoísta para a biodiversidade, estaremos contaminando severamente estas poboacións”, advirte Coque Alcázar.
Un ADN adaptado á luz natural
A especie humana ten un ADN adaptado durante miles de anos ao ciclo noite-día. Así, seguindo a curva de luz natural, experimentamos o amencer, o mediodía, o solpor e, finalmente, a noite, que carece de luz: “O que realmente enriquece a nosa saúde é imitar ese comportamento“, explica Coque Alcázar.
Con todo, cumprir este patrón resulta cada vez máis difícil debido aos hábitos luminosos actuais. Por exemplo, un neno pode espertar na súa casa cunha luz diferente á natural, almorzar, chegar ao colexio e pasar sete horas nunha aula cun patrón de iluminación distinto, practicar deporte nun pavillón con outra luz e, por último, regresar a casa de noite, onde continúa exposto á luz da televisión. “Ese neno non estivo sometido ao ciclo de luz natural, senón a patróns de iluminación artificial”, sinala o enxeñeiro industrial. O resultado é unha cronodisrupción, é dicir, unha alteración persistente dos ritmos circadianos.
Deste xeito, a exposición continuada ás luces de Nadal durante dous meses podería xerar afeccións, apunta Alcázar, aínda que non se coñece con precisión o grao de impacto.
Cidades sobreiluminadas
“As cidades están sobreiluminadas e estamos acostumados a vivir así”, asegura o especialista. Con todo, a pesar de que as persoas son cada vez máis conscientes deste fenómeno, moi pouca xente se preocupa polas consecuencias da contaminación luminosa. A luz percíbese como algo necesario que transmite seguridade, aínda que, en realidade, degrada a noite.
Para Alcázar, o problema principal non reside nas cidades na súa totalidade, senón en cada jogar. “A contaminación luminosa para nós está dentro das nosas propias casas“, explica, en referencia ao uso constante de dispositivos electrónicos ou televisores. Deste xeito, permanecemos máis tempo expostos a patróns de iluminación inadecuados, que afectan tanto á saúde como aos ritmos naturais de noite e día.
Existe unha solución?
Para Coque Alcázar, si existe unha maneira de introducir certa concienciación luminosa durante as festas. Ao establecer unha temática concreta, pódese reducir o uso da luz apagando ou atenuando o alumado público, especialmente na zona céntrica. “Desta maneira o Nadal tamén luce diferente, só coa súa capa de iluminación”, explica o enxeñeiro.
Trátase dunha forma de neutralizar o gasto enerxético e a contaminación, mantendo ao mesmo tempo o discurso de cidade iluminada e ambiente máxico. Con todo, de cara ao futuro, sería necesario estudar o impacto do alumado, especialmente se esta “tradición” continúa e o alcalde Abel Caballero segue a aumentar o nivel de iluminación: “As cidades deben contar con sistemas de monitorización da contaminación luminosa”, advirte Alcázar.
Isto débese a que a luz é un vector ambiental de contaminación que os concellos deberían controlar, e actualmente existen poucos precedentes de redes de medición municipais. “Precisamos reforzar a nosa medición a nivel autonómico e local”, sinala Alcázar, poñendo o foco no uso responsable da luz. Pero o Nadal non pode ser o único protagonista: “Hai que controlar a contaminación luminosa todo o ano, tanto no centro da cidade como na periferia da cidade“, conclúe.













