O Apalpador, a figura galega do Nadal: “Hai xente en contra por falta de cultura”

O home das montañas que agasalla castañas en Noiteboa empeza a popularizarse en Galicia grazas aos traballos de recuperación do mito

O comezo do inverno é una data propicia para a presenza de criaturas de carácter sobrenatural na mitoloxía das culturas europeas. Moitos destes seres cobran protagonismo na época do Nadal, como é o caso do Apalpador: un home roxo das montañas que habita no Courel e visita as casas para comprobar se os nenos están ben alimentados, regalando un puñado de castañas. Os contos sobre esta figura sobrevivían nas aldeas onde os maiores transmitían este legado cultural aos nenos, unha memoria que estivo a piques de desaparecer. A partir dos anos 70, Papá Noel e os Reis Magos eclipsaron a figura do Apalpador. En 2008, o antropólogo José André Lôpez Gonzâlez do centro social Gentalha do Pichel empezou a recuperar a súa figura e na actualidade, esta personaxe ten un maior arraigo na sociedade. Iso si, non libre de críticas.

O antropólogo Rafael Quintía explica que o Apalpador “está collendo forza a modo de reacción fronte á globalización e a estandarización”, servindo de “apoderamento” para a sociedade galega. Esta figura, que é propia das zonas luguesas do Courel, Os Ancares ou Quiroga, vaise integrando nos máis cativos a través da divulgación cultural nos colexios ou nos concellos. Con todo, algunhas voces amósanse críticas coa recuperación desta figura ao relacionala con outras de País Vasco ou Cantabria e considerándoa allea a Galicia: “Hai xente que está en contra por falta de coñecemento da propia cultura e realidade mitolóxica”, apunta o antropólogo. Unha vez que Gentalha do Pichel empezou o traballo de recuperación, as testemuñas das montañas orientais de Galicia aportaron as súas vivencias e os contos que oíron dende a súa infancia arredor desta figura.

Publicidade

O Apalpador é un home grande cunha gran barba roxa e era carboeiro segundo a tradición. En ocasións viste boina, bastón e unha pipa de fumar, de aí que se relacione co Olentzero, unha personaxe da tradición do Nadal de País Vasco. A diferenza con este mito, o único agasallo que traía o Apalpador eran castañas. “Non existe documentación en toda Galicia, pero sabemos que é unha figura das zonas de montaña que ten similitudes con outras. É auténtica e non adquiriu ningún deses acenos culturais relacionados co mundo comercial e o tráfico de mercadorías”, apunta Miguel Losada, cofundador da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). De feito, relaciónase co mercado de proximidade e coa posta en valor das comunidades e do mundo rural.

Noutros puntos de Galicia, o Apalpador recibe os nomes de Moura, Encanto e mesmo Pandigueiro. O etnógrafo Miguel Losada documentou na zona de Trives (Ourense) esta última figura, con rasgos moi parecidos ao Apalpador. “Neste sentido o Pandigueiro pertence ao grupo de figuras semellantes, o dos pródigos arquetípicos con valor normativo, que teñen unha ampla distribución por todo o continente europeo”, sinala Losada no seu traballo. O Pandigueiro é unha figura das montañas que, da mesma maneira que o Apalpador, remata por ser desprazada por outras “máis amables e luminosas” como Papá Noel e os Reis Magos.

Publicidade

Desta maneira, o Pandigueiro visita os fogares para comprobar se os seus habitantes estaban fartos de comida ou se, pola contra, pasaban fame. Incluso se dicía que “cheiraban a barriga” aos nenos, “unha broma que se fai hoxe en día aos cativos para saber o que comeron”, sinala o cofundador de SAGA. Pandigueiro vén de “pándego” e é unha figura xenerosa que reparte o pouco que ten cos demais. Ten connotacións con San Mamede, apunta Losada, e o mito conta que vivía na cima da montaña entre animais e que unhas corzas o alimentaron dende pequeno. “É habitual atopar converxencias culturais. Tamén compartimos unha base lingüística con outros lugares e non é estraño que haxa figuras equivalentes”, continúa Losada.

Os Trubincos

O antropólogo Rafael Quintía recupera nun traballo a figura dos Trubincos, unha variedade de trasno asociado ao Nadal que fai trasgadas. “Estas criaturas amigas do enredo e de remexer as cousas baixan pola cheminea en Noiteboa e se na casa non se teñen preparadas unhas piñas con brea para darlles como agasallo fan trasnadas e revolven todo no fogar”, apunta. Este tipo de crenzas están presentes nos países do centro de Europa dende o ano 1800, sostén o antropólogo. De feito, existe documentación etnográfica na que se recollen noites de ritos do Apalpador e outras aparicións fantásticas no Nadal.

O etnógrafo Miguel Losada explica que é “imposible” saber cal foi a primeira figura mitolóxica do Nadal que se popularizou en Europa, para el sería o mesmo que descubrir cal foi a primeira persoa do planeta. “Estas figuras cumpriron unha función coas súas poboacións. Evolucionaron cos materiais destas sociedades que sucesivamente foron ocupando o territorio”, considera. Con todo, si que está claro que Papá Noel naceu das tradicións occidentais que posuían na súa mitoloxía ao home grande con barba e amable que agasalla por Noiteboa. Foi o que terminou por conquistar á poboación mundial e tamén á galega, e influíu o baleiramento das aldeas e dos espazos rurais que se quedaron sen cativos aos que lle contar estas historias e lendas. “A ninguén lle parece raro que veña Papá Noel. Non é problemático que teña máis forza o Apalpador, é propio das dinámicas culturais do pobo. É bo coller un elemento da cultura galega e non doutras”.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Crista subtropical sobre Galicia: os modelos europeos anticipan temperaturas extremas

A chegada dunha masa de aire cálida traerá unhas anomalías positivas de 6ºC no litoral galego e ata 10ºC no interior

Unha igrexa e un curtidoiro elevan a 93 os bens galegos na Lista Vermella

A Coruña concentra o maior número de monumentos en risco, con 34, seguida de Lugo, Pontevedra e Ourense

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores