Xaneira, nadaliñas, agasallo e outras palabras en galego do Nadal

Existen moitos termos e refráns en galego relacionados con estas festas. Descubre algúns deles e engádeos ao teu vocabulario

Xaneiras, visgos ou xardón. Chegan os días chave das celebracións de Nadal e sempre xorden dúbidas de como se di en galego tal cousa ou outra. Galicia conta con un extenso vocabulario e refraneiro sobre esta festividade. Para evitar castelanismos ou erros gramaticais, institucións como a Real Academia Galega (RAG), a través do seu Portal das Palabras, publican numerosas propostas de termos relacionados con este eido. A continuación inclúense unha escolma de vocábulos con orixes curiosas ou diversidade de variantes para un mesmo significado, entre outros.

Xaneiras, nadaliña e panxoliñas

Se algo vén moi ligado a esta época de Nadal é a súa música. Cantigas populares ou modernas, con referencias relixiosas ou sen elas, colman de melodías estas festas e o galego conta con diversidade de termos como xaneiras, nadaliñas ou panxoliñas para referinos a elas, aínda que cada unha ten certos matices.

Publicidade

Tantos as panxoliñas como nadaliñas son palabras co significado de “canción popular de tema relixioso que se cantan polo Nadal”, malia que o primeiro termo pódese utilizar tamén para calquera melodía desta época, de Aninovo ou Reis. Ademais, nadaliña tamén se define como “felicitación ou mensaxe de afecto, con texto, imaxes e mesmo música que se envía nas proximidades do Nadal a familiares, amiños ou coñecidos”, segundo sinala a academia galega.

Pola súa banda, as xaneiras, segundo explica a lexicóloga Ana Fachal da RAG, son “cantigas populares que se cantan na véspera do Aninovo, para desexar un bo ano”. Autores como Vicente Risco tamén escribían sobre este vocábulo como lembranza da antiga festa pagá das candelas de xaneiro. Ademais, o termo aninovo tamén se pode usar co mesmo significado de coplas musicais para festexar este día.

Publicidade

Numerosas variantes de ‘acivro’

As plantas máis características de Nadal tamén teñen os seus termos propios en galego. A RAG define o acivro (Ilex aquifolium) como unha “árbore silvestre, de follas brillantes elípticas ou ovais, duras e con espiñas nos bordos, flores brancas, e froito en bagas de cor vermella e madeira clara, dura e compacta”. Aínda que este é o vocábulo maioritario en Galicia, dependendo da localización tamén se pode atopar variantes como xardón, rascacú, civro, figueira do demo, cardo, espiño, aceveiro ou aceviño, entre outras moitas, acorde o recollido no Atlas Lingüístico Galego (ALGA).

Outra especie vexetal propia destas datas é o visgo (Viscum album). En moitas películas inclúen a escena dunha parella bicándose debaixo desta “planta leñosa e perenne, de follas lanceoladas opostas, flores amarelas e froito en baga, que vive parasita sobre troncos e pólas de árbores”. Pola contra, en Galicia esta especie —cuxa denominación común en galego provén da propia palabra en latín— foi empregada polos druídas debido ás súas propiedades máxicas, recolléndoa canda o solsticio de inverno para empregala como medicamento fomentador da fertilidade feminina e para protexer dos raios e da maldade, segundo explican dende o Portal das Palabras.

Agasallos e aguinaldo

Moito antes de que se instituíse a celebración de Nadal en decembro, o habito de regalar por estas datas xa formaba parte das festas romanas en honor a Saturno, acorde as publicacións da academia galega. Para falar destas mostras de afecto o galego conta con palabras curiosas como agasallo, galano ou presente.

O mesmo concepto de obsequio ten o vocábulo aguinaldo, que define a “remuneración adicional que os traballadores adoitaban cobrar a fin de ano”. Mais este termo tamén fai mención a un tipo de panxoliña, xa que despois de interpretar este tipo de cantigas populares polas portas adoitábase solicitar unha pequena recompensa.

Frases de Nadal

Máis aló das palabras, o galego tamén posúe unha boa manchea de frases feitas e refráns referidos ao Nadal. O Portal das Palabras da RAG ou As Chaves da Lingua de Noemí García difunde estas paremias que fan referencia ao entorno, ao tempo atmosférico ou as comidas, entre outros eidos.

O frío, o sol ou a neve son aspectos que, especialmente nestas épocas festivas, acadan maior importancia na sociedade, por iso se pode atopar numerosos refráns ao respecto como: No mes de Nadal a auga cobre o fondal; Nadal chuvioso, xaneiro ventoso; Tantos días de xeada en Nadal coma días de sol en San Xoán ou Bo ano, Nadal soleado, entre outros moitos.

As comidas son algo moi arraigado a estas datas festivas,  polo que non é sorprendente que exista unha morea de frases feitas ao respecto como: O coello por San Xoán e a perdiz polo Nadal; En novembro fabas e en Nadal cabazas ou No Nadal, alegrote, alegrote, que hai viño na cuba e chourizos no pote. Tamén relacionadas coa papatoria, pero neste caso especializados na sementeira e colleita, atópanse paremias como Se a noite de Nadal hai luar, lembra ben para sementar ou Se Nadal nada, sinal de boa anada.

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona