Xoves 28 Marzo 2024

Fotóns sen fronteiras: a contaminación luminosa pode viaxar centos de quilómetros

Os investigadores Salva Bará e Raul Lima publican un estudo sobre o impacto da propagación da luz artificial a través da atmósfera

Non por moito repetir a frase deixa de impactar: moita xente que vive hoxe en día na Terra nunca poderá ver o ceo como o viron os nosos devanceiros. A contaminación luminosa é tan grande en tantas partes do mundo que só os lugares máis illados fican libres de observar o firmamento en todo o seu esplendor. De nada axuda a falta de concienciación que persiste en moitas administracións públicas, que seguen emitindo á atmosfera, de forma innecesaria, grandes cantidades de luz artificial.

Con todo, hai algúns casos nos que se empeza a escoitar aos expertos no tema para deixar, na medida do posible, de emitir toda esta polución en forma de luz artificial. En Galicia, o traballo de entidades como Ío ou os Museos Científicos Coruñeses, co apoio de investigadores como o físico Salva Bará, profesor na Facultade de Óptica da USC e bo coñecedor do problema da contaminación luminosa en Galicia, xa logran convencer a algunhas autoridades da importancia de ter ceos limpos. Algunhas mesmo a están convertendo nun motor de desenvolvemento, como o Concello da Veiga, en Ourense.

Publicidade

Mais o problema segue aí. Recentemente Salva Bará, xunto ao investigador portugués Raul Lima, publicou unha investigación na revista International Journal of Sustainable Lighting na que analiza a evidencia desta situación: os fotóns non teñen fronteiras, e poden viaxar moitos quilómetros de distancia. Estudando precisamente o caso da Veiga, demostra como o problema da contaminación luminosa debe abordarse dun xeito global, e non local, para pode gozar de novo do ceo. Os exemplos abraian: “Hai informes de observacións desde a fronteira francesa nos Pireneos da luz emitida por Madrid“, di Salva Bará.

– Falan de fotóns sen fronteiras: canto pode ‘viaxar’ a contaminación luminosa dun lugar a outro?

– A luz emitida polos sistemas de alumeado exterior pode viaxar ducias e mesmo centos de quilómetros antes de dispersarse e incidir nunha zona natural protexida ou nos ollos dunha persoa que quere ver as estrelas.

– Que exemplos podemos ver disto? 

– Os exemplos en Galicia témolos arredor de nós. Desde practicamente calquera lugar do país poden verse no horizonte as manchas de luz emitida por cidades que están a 100 quilómetros ou máis. No estado español hai informes de observacións desde a fronteira francesa nos Pirineos da luz emitida pola súa capital, Madrid.

– Como se fixo a investigación?

– Nesta investigación desenvolvemos un método de cálculo que nos permite saber a cantidade de contaminación luminosa que uns concellos envían a outros, e tamén como inflúe cada un deles no brillo artificial do ceo en calquera lugar concreto.

“Hai informes de observacións desde a fronteira francesa nos Pireneos da luz emitida por Madrid”

– Que lugares en concreto se estudaron, e que conclusións se tiraron?

– Os exemplos analizados, entre outros, incluíron o concello da Veiga, en Ourense (que conta cunha certificación internacional como “Destino Turístico Starlight” pola excelente calidade dos ses ceos, que pode verse en perigo se non atallamos o incontrolado aumento das emisións indesexadas de luz artificial), e o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que conta coa mesma certificación e que está fortemente afectado polas luces dos concellos costeiros, o cal é tamén un factor preocupante porque conleva a perda das condicións de noite natural necesarias para a correcta preservación da biodiversidade no seu territorio.

Salva Bará.
Salva Bará.

– Que acontece co norte de Portugal? Sorprende ver os niveis de emisión de luz respecto á súa poboación.

– Traballamos a cotío con investigadores do norte de Portugal para analizar esta situación, que é motivo de grande preocupación tamén para eles (entre outras cousas, pola disrupción das condicións naturais da noite no Parque Nacional da Peneda-Gerês). O problema na rexión Norte de Portugal, ao igual que sucede en moitos lugares de Galicia, ten varias causas inmediatas: por unha banda os niveis de iluminación na área metropolitana de Porto son claramente excesivos; por outra, a iluminación de todas as estradas e camiños en zonas con alta dispersion da poboación fai que as emisións totais de luz sexan moi elevadas. Se a iso se lle engade o uso sistemas de iluminación que emiten excesiva luz cara ao ceo, luz desbaldida que non é útil para ninguén, temos a tormenta perfecta. Todo isto non é inevitable: é froito de decisións administrativas influídas por unha certa cultura de desbaldimento no uso da luz que poden corrixirse se hai vontade política.

– De verdade precisamos tanta luz de noite? Por que non se promoven medidas contra a contaminación luminosa desde as Administracións?

– Non. Non precisamos tanta. O uso da luz artificial é unha cuestión que ten unha importante dimensión cultural. Os niveis de iluminación urbana foron aumentando nos últimos decenios sen que haxa ningunha razón científica que o xustifique. Unha vez que o ollo humano ten un nivel suficiente de iluminación (e ese nivel, pola noite, é moito máis baixo que os niveis típicos que temos hoxe nas nosas cidades) incrementar a cantidade de luz non facilita nin mellora a calidade da visión. Sucede, si, que o noso sistema visual é moi sensible aos contrastes: se a rúa que tes a carón da túa está máis iluminada, a túa parecerá escura, aínda que teña a iluminación correcta. Cando iso sucede a petición máis habitual das nosas veciñas e veciños, e tamén a resposta das autoridades, non é diminuír a iluminación na rúa que a ten excesiva, senón aumentar a da que a tiña ben. O resultado é unha espiral de aumento de niveis que non está xustificada e que, ademais das consecuencias non desexadas medioambientais, culturais e, probablemente, de saúde pública, implica un tremendo gasto innecesario e un incremento do consumo enerxético.

A ‘montaña’ de contaminación luminosa na túa cidade

– Que bos exemplos e prácticas hai en Europa, ou noutros lugares do mundo?

– Afortunadamente comezamos a ter moitos exemplos de boas prácticas. Moitas comunidades locais están descubrindo o valor da noite para o ser humano e para a natureza, e están mellorando substancialmente os seus sistemas de alumbrado público. Os concellos da Veiga (Ourense) e da Coruña, en Galicia, están entre os que están apostando por esa transformación. A nivel mundial cada vez son máis os concellos que coidan estes aspectos, nalgúns casos para manter ceos de calidade recoñecida con certificacións como a Starlight, da fundación do mesmo nome, ou as Dark Sky Places, da International Dark Sky Association (IDA). O programa de Villes et Villages Etoilées de Francia é outro bo exemplo do que se pode facer para preservar o ceo en vilas e cidades sen renunciar ás comodidades da iluminación. En datas recentes a Unión Europea fixo público o documento “EU Green Public Procurement criteria for road lighting and traffic signals”, con recomendacións específicas neste sentido para as administracións públicas. Esperamos que se implanten de forma inmediata en Galicia.

As conclusións do estudo

1. Os fotóns non coñecen fronteiras administrativas. A luz emitida en calquera municipio en direccións inadecuadas propágase libremente ata que -de forma directa ou despois de sufir un ou máis eventos de dispersión na atmosfera- incide en municipios limítrofes, é absorbida ou escapa da Terra.

2. Os niveis de contaminación lumínica dun municipio non só dependen das súas fontes de luz, senón tamén, e de forma moi relevante, das emisións de luz dos municipios que o rodean, ata distancias típicas de varias decenas de km.

3. Un municipio pode, a nivel individual, mellorar sensiblemente aspectos moi importantes da súa contaminación lumínica mediante accións aprobadas e executadas a nivel local. Con todo, o control efectivo do brillo artificial do ceo require unha decidida acción concertada de ámbito supramunicipal.

4. Ademais de por os efectos ambientais e, potencialmente, de saúde pública asociados á contaminación lumínica, esta coordinación supramunicipal é imprescindible para preservar os destinos de turismo astronómico e a súa achega ao desenvolvemento local sustentable.

 

Referencias:

Invasores e invadidos: Transferencias de contaminación luminosa entre Municipios (Comunicación de Salva Bará Viñas, Raul Lima e Martin Pawley no Comité Español de Iluminación).

– Photons without borders: quantifying light pollution transfer between territories (artigo publicado no International Journal of Sustainable Lighting o 24 de outubro de 2018).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro

Un asteroide troiano de Xúpiter pasará polo ceo de Galicia

En Santiago de Compostela hai un 34 % de probabilidade de observar a ocultación dunha estrela

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España

A Lúa non ten ceo

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de “E se estivésemos equivocados? E se a Terra...