Venres 19 Abril 2024

Unha tese estuda como se defende o piñeiro marítimo dos seus “inimigos”

O biólogo Xosé López Gondar presenta na UVigo a súa investigación de doutoramento, que afonda no coñecemento do "Pinus pinaster"

Unha tese presentada polo investigador Xosé López Goldar na Escola de Enxeñaría Forestal da Uvigo afonda no coñecemento do piñeiro marítimo (Pinus pinaster), a través da orixe da diversidade xenética de metabolitos secundarios, os factores bióticos e abióticos que inflúen sobre estas variacións e a implicación dos metabolitos na súa resistencia fronte aos inimigos da especie.

A tese, que obtivo o sobresaliente cum laude, co título “Geographic structure, plasticity, genetic variation and covariation of chemical defences in maritime pine (Pinus pinaster Ait.)” explícase do seguinte xeito, segundo Xosé López: “As coníferas, como o piñeiro marítimo, están sometidas a multitude de interaccións bióticas antagonistas das que se defenden con defensas físicas e químicas. Entre as defensas químicas, os terpenos e os fenois constitúen os metabolitos secundarios máis importantes, dos que se asume unha actividade específica e efectividade contra insectos herbívoros e fungos patóxenos”, explica o autor da tese.

Publicidade

Nese marco, a tese asumiu o obxectivo de afondar nos patróns de variación en estratexias defensivas ao longo das diversas poboacións desta especie de piñeiro, dado que, como apuntan os directores da tese, “a falta de información sobre o potencial defensivo adaptativo nestas especies supón un importante obstáculo para anticipar a xestión forestal ás perturbacións do cambio global”.

O cometido da tese era, por tanto, comprender como as estratexias defensivas varían ao longo das poboacións e que factores determinan estes cambios. Para isto, a metodoloxía incluiu un complexo deseño experimental desenvolvido en invernadoiro cunha avaliación fenotípica extensa e completa de caracteres defensivos de piñeiros novos e replicados clonalmente, ademais das análises dos metabolitos secundarios con técnicas de precisión dependendo do tipo de composto.

En primeiro lugar, atopouse unha gran variación xenética xeográficamente estruturada entre e dentro das poboacións na maioría dos metabolitos secundarios constitutivos e moi pouca variación xenética na inducibilidade dos mesmos.

En segundo lugar, a variación xenética en resistencia á herbívora tamén amosou estar xeográficamente estruturada entre poboacións, cunha maior resistencia a un insecto modelo tras a indución nas poboacións atlánticas ca nas mediterráneas.

Ademais, na tese empregouse esta especie como modelo para comprobar as predicións dunha das teorías máis actualizadas e recoñecidas da defensa en plantas, a hipótese de dispoñibilidade de recursos. Observouse que, tal e como predí a teoría, a variación climática entre as distintas orixes de piñeiro explica a diferenciación en crecemento e o investimento constitutivo en defensas, pero as predicións relacionadas coa variación en inducibilidade non se cumpren.

A importancia dos procesos demográficos na variación dos metabolitos

“Os resultados revelan que os procesos demográficos nesta especie foron de grande importancia nas variacións dos metabolitos secundarios ao longo das distintas poboacións e que as respostas adaptativas dos metabolitos á variación climática son menos evidentes do que se supuña, posto que a diferenciación por procesos neutrais é relativamente forte. Ademais, pon de relevo que a implicación da inducibilidade do conxunto dos metabolitos proporciona una maior resistencia á herbivoría nesta especie de piñeiro”, conclúe o autor.

“Estes achados proporcionan unha información útil para os programas de mellora e estratexias de prevención na xestión dos recursos xenéticos forestais desta especie ante escenarios derivados do cambio global”, subliñan os directores da tese, Rafael Zas Arregui e Luis Sampedro Pérez da Misión Biolóxica de Galicia do CSIC. Ambos sinalan que os múltiples factores de estrés “aos que están sometidos os piñeirais mediterráneos veranse exacerbados por este tipo de escenarios, nos que se predí, por exemplo, unha maior incidencia de pragas e patóxenos sobre as súas poboacións”

O autor

Xosé López Goldar (Vigo, 1985) é licenciado en Bioloxía, conta cun máster en Biodiversidade e Ecosistemas e desenvolveu durante os últimos seis anos esta investigación, a través dunha bolsa da Fundación Barrié e unha axuda predoutoral para a formación de doutores (FPI). A súa investigación desenvolveuse no marco dos proxectos do grupo de Xenética e Ecoloxía Forestal da Misión Biolóxica de Galicia Compromisos entre crecimiento y resistencia constitutiva e inducida en el género Pinus: variación entre y dentro de especies e implicaciones para los programas de mejora; Estrategias defensivas en pinos ibéricos: relevancia adaptativa en relación a caracteres alternativos de historia vital e Reproductive dynamics and defensive strategies in Mediterranean pines: implications for future management of genetic resources, financiados por el Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Tamén realizou estadías de investigación no Royal Institute of Technology (Estocolmo, Suecia), na Ohio State University (Columbus, Ohio, Estados Unidos), e no Cifor-Inia (Madrid). Na actualidade, López Goldar pretende continuar a súa carreira investigadora no estranxeiro mediante unha estadía posdoutoral.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte

Un hidroxel permite cultivar células neurais para reparar lesións medulares

O material desenvolvido polo CSIC combínase con campos magnéticos, un avance na busca de novas terapias