Xoves 18 Abril 2024

Alerta médica: 27 millóns de españois con sobrepeso en 2030

En xuño do ano pasado publicábase un estudo da Universidade de Navarra que levaba por título Epidemioloxía da obesidade en España. Os datos eran preocupantes no caso de Galicia. Cun 24,9% de obesos, só por detrás de Asturias (25,4%) era a segunda comunidade autónoma con máis persoas con obesidade. No caso do sobrepeso, ofrecía unha media do 43%, que colocaba a Galicia no primeiro lugar do conxunto de España.

Un novo estudo, publicado tamén na Revista Española de Cardioloxía e desenvolvido por expertos de varios hospitais e centros de investigación españois, acaba de lanzar a alerta médica: segundo as súas estimacións, 27 millóns de persoas en España terán sobrepeso en 2030. Na actualidade xa hai 24 millóns de persoas con sobrepeso, o que supón tres millóns máis ca hai 10 anos. No caso da obesidade, o aumento desde 1987 foi dun 0,5% anual en homes e 0,25% en mulleres.

Publicidade

Deste xeito, de manterse a tendencia, chegarase aos 27 millóns de persoas con sobrepeso en 2030. Uns datos que, segundo un dos autores do estudo, Álvaro Hernáez, “están na liña do que está acontecendo en Europa”. A definición de sobrepeso baséase no cálculo do índice de masa corporal (IMC): o peso en quilos dividido pola talla en metros elevado ao cadrado. Entre 25 e 30, o IMC determina sobrepeso; e a partir de 30, obesidade.

A investigación revisa medio cento de artigos publicados anteriormente, analizando datos de máis de 300.000 persoas para facer un seguimento desta tendencia.

O sobrepeso e a obesidade supoñen un sobrecusto de case 2.000 millóns debido ás complicacións de saúde derivadas

O custo económico do sobrepeso

As implicacións do sobrepeso e a obesidade na saúde pública ten xa un custo de case 2.000 millóns de euros para o sistema sanitario estatal. “Falamos de persoas que teñen máis posibilidades de padecer problemas de saúde: enfermidades cardiovasculares, diabetes ou cancro, asociadas á súa situación”, explica o doutor Hernáez. Os datos actuais xa o amosan: entre 2006 e 2016, o sobrecusto directo da obesidade creciu en 524 millóns, chegando aos 1.950 millóns de euros. A cifra supón o 2% do orzamento en Sanidade de todo o Estado para 2015, que foi de 95.722 millóns.

De manterse, medrará ata acadar os 3.000 millóns no 2030, segundo unha estimación xa realizada que vai entre os 40 aos 170 euros por ano en función do peso e sexo do paciente. Un estudo anterior do mesmo grupo de investigadores subliñaba xa que a obesidade multiplicaba por 12 a posibilidade de que unha muller teña cancro e por 5 a dunha doenza cardiovascular.

Sobrepeso e pobreza

Neste senso, o traballo subliña a necesidade de promover patróns de vida saudable: menor consumo de produtos industrais e máis froita, verdura e legumes, menos sedentarismo e máis deporte.

Non en tanto, o traballo tamén subliña que o poder adquisitivo pode estar relacionado cos hábitos saudables. Estudos anteriores subliñaron que os prezos asequibles de moita ‘comida lixo’ fronte a outros máis tradicionais e recomendables, en relación co aumento do desemprego e a pobreza xerados pola recesión económica, tiñan relación directa co aumento do sobrepeso e a obesidade.

Por tanto, os expertos avogan por intervención a diversos niveis: impostos aos alimentos menos saudables e protección dos que compoñen dietas máis ricas, políticas educativas para fomentar a boa alimentación e o exercicio físico nas aulas.

Neste senso, o doutor Jaume Marrugat, investigador principal do estudo e membro do CIBER de Enfermidades Cardiovasculares (CIBERCV), expón que “esta investigación ilustra, con pouco marxe de erro, a importancia de iniciar canto antes mellor o máximo de esforzos en reverter e previr futuros problemas da crecente epidemia de sobrepeso e obesidade na nosa sociedade. É o único xeito de reducir os enormes custos sociais, sanitarios e económicos que van emerxer nos vindeiros anos”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

A UVigo lanza unha serie de podcast para concienciar sobre as doenzas cardiovasculares

As actividades, organizadas dentro do plan 'Ciencia de ida e volta', inclúen charlas en colexios e institutos

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península