A forte borrasca Herminia acende as alertas por temporal de vento e chuvias intensas en toda Galicia

Unha fronte moi activa deixará este domingo persistentes precipitacións que poderán acumular máis de 80 litros por metro cadrado na Coruña, Pontevedra e Ourense

E tras unha relativa calma, volverá o temporal. Este venres Galicia mantense en alerta ante os avisos por fortes ventos e intensas chuvias que proceden dunha fronte activa asociada á borrasca Éowyn. Tras este intenso fenómeno, que xa está a ter serias consecuencias nas illas británicas, a comunidade vivirá unha xornada máis tranquila, pero o domingo regresará unha nova fronte asociada á borrasca Herminia que vén de activar alertas amarelas e laranxas en todo o territorio galego por potentes refachos e persistentes chuvias.

Após a xornada deste venres, no que Galicia mantén activadas diversas alertas amarelas e laranxas por fortes ventos, que poderán superar os 100 km/h na Mariña lucense e na montaña de Ourense, chegará un sábado de relativa calma previa a outro temporal. Despois da fronte activa responsable da climatoloxía deste 24 de xaneiro, unha masa de aire frío chegará o día 25 á comunidade, deixando chuvascos “localmente tormentosos” durante a mañá e folerpas de neve nas cotas altas do interior. Os ventos serán frouxos durante o día, pero intensificaranse coa chegada da noite.

Publicidade

Borrasca profunda Herminia

Será durante esta xornada cando se cree unha borrasca profunda no Atlántico, denominada Herminia, “que viaxará moi rápido ata as illas británicas e deixará en Galicia un forte temporal”, indican dende Meteogalicia. Os expertos agardan que a situación do domingo sexa peor ca deste ventes, polo que activaron diversos avisos amarelos e laranxas en todo o territorio.

Con respecto as chuvias, “se as do venres serán curtas pero intensas, as do domingo serán moito máis persistentes e poderán acumular máis de 80 litros por metro cadrado no interior de Pontevedra, no oeste e suroeste da Coruña e no sur de Ourense”, resaltan dende a axencia meteorolóxica galega. Por iso, nestas zonas os avisos laranxas están activados dende as primeiras horas da mañá do día 26. O resto de territorios galegos contan con alerta amarela, o que indica que as precipitacións acumuladas en 12 horas poderán superar os 40 litros por metro cadrado.

Publicidade

Vento forte e litoral adverso

Tamén o vento será forte durante a xornada do domingo. Segundo os expertos de Meteogalicia, Herminia “semella máis activa que a borrasca deste venres, o que podería deixar refachos máis intensos e durante máis tempo“. Por iso está activada unha alerta amarela para toda Galicia, malia que na Mariña lucense e no noroeste e oeste da Coruña existen franxas horarias con aviso laranxa.

A situación na costa tamén será moi adversa. Os ventos no mar poderán superar os 60 km/h, polo que están activados avisos amarelos e laranxas no litoral da Coruña, no de Pontevedra e na Mariña lucense. “As condicións serán moi semellantes as do venres, pero poderán ser algo máis intensas e persistentes a nivel local”, detalla Meteogalicia. Os refachos do suroeste continuarán soprando moi forte durante o luns 27. Ademais, as ondas superarán os cinco metros de altura, o que leva a manter unha alerta laranxa para todas as zonas mencionadas.

Alertas para Galicia durante esta fin de semana. Foto: Meteogalicia
Alertas para Galicia durante esta fin de semana. Foto: Meteogalicia
Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

1 comentario

  1. Boa noite:
    Espero q os ventos na comarca da Marinha nom cheguem aos valores marcados no texto ; ), pois apareceriamos nos Picos de Europa.
    Saúde!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectan en Galicia dous novos rexistros de peixe bóla asociados á tropicalización do océano

Un estudo liderado polo Centro Oceanográfico de Vigo confirma a aparición de dúas especies pouco frecuentes nas augas do sur galego

A galega que pide adiantar mamografías aos 40 anos reabre o debate sobre a idade axeitada para os cribados

Un diagnóstico de cancro de mama metastático impulsa unha campaña con máis de 79.000 firmas para revisar os protocolos de detección precoz

O TSXG denega á Xunta as batidas de control do lobo por falta de probas técnicas

A resolución consideran insuficientes os datos achegados e conclúe que non se acreditou un aumento de ataques

Un herbario do século XIX conserva a orixe da primeira flora sistemática de Galicia

Investigadores da Universidade de Barcelona analizan documentos de José Planellas que serviron para clasificar as plantas por familias, xéneros e especies