Dúas frontes moi activas deixarán unha fin de semana de temporal e ventos furacanados en Galicia

Os refachos poderán superar os 100 km/h na montaña de Ourense e na Mariña lucense durante o venres 24 de xaneiro

Temporal, frío e máis temporal. Así se pode resumir a situación climatolóxica que experimentará Galicia durante esta fin de semana. Dende este venres ata o domingo agárdanse dous días con numerosos avisos por ventos furacanados, intensas choivas e ondas que poderán superar os sete metros de altura. Todo isto intercalado por unha xornada de transición na que o frío deixará folerpas de neve nas cotas máis altas do territorio.

Segundo explican dende Meteogalicia, a situación atmosférica no norte de Groenlandia está a crear intensas borrascas en baixas latitudes sobre o Atlántico. A primeira delas, denominada Éowyn, afectará intensamente as illas británicas, onde esperan refachos de máis de 200 km/h. En Galicia, unha fronte “moi activa” asociada a esta borrasca deixará unha xornada de intenso temporal durante este venres 24 de xaneiro.

Publicidade

Avisos amarelos e laranxas

Así, para este día, a axencia meteorolóxica galega ten activados diversos avisos amarelos e laranxas. Os intensos ventos faranse notar en toda Galicia, con alerta amarela para todo o territorio, sendo un chanzo máis intensa na montaña de Ourense e na Mariña lucense, “onde se poderán superar os 100 km/h”. Con respecto ao mar, as condicións empeorarán durante o final da mañá e o comezo da tarde, sobre todo no noroeste da Coruña, na Mariña Lucense, nas Rías Baixas e na Costa da Morte, onde poderán darse refachos de forza 9, preto dos 80 km/h.

As precipitacións pasarán de ser febles durante a mañá do venres para ser puntualmente intensas pola tarde e noite. Os avisos amarelos por chuvias que poderán superar os 15 litros por metro cadrado nunha hora están activados no litoral de Pontevedra e no oeste e suroeste da Coruña. Tamén o mar verá esta evolución, pasando de aviso amarelo a laranxa a partir do mediodía, con ondas de máis de sete metros de altura no noroeste da Coruña, Costa da Morte e Rías Baixas. A Mariña lucense manterá a alerta laranxa durante toda a tarde e noite.

Publicidade

Neve antes doutro temporal

Xa de cara ao sábado Galicia vivirá unha xornada de tranquilidade, con aire moito máis frío e chuvascos máis frecuentes pola mañá e “ocasionalmente tormentosos”, segundo Meteogalicia. Durante estas primeiras horas do día poderán caer algunhas folerpas de neve en cotas altas de Lugo e Ourense. As temperaturas descenderán, con mínimas que estarán entre os 5 graos de Lugo, 8 en Santiago e 11 en Vigo. As máximas estarán preto dos 15 graos nas principais cidades galegas.

Durante o domingo, o territorio experimentará outra xornada de temporal debido a unha fronte asociada a outra borrasca, “que probablemente se xerará durante o sábado”, acorde á información da axencia galega. Malia que os avisos aínda non están activados, dende Meteogalicia aseguran que será “bastante peor que o temporal do venres”, con maiores refachos de vento e chuvia.

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un 12 de agosto histórico: a eclipse total que escureceu o día en Galicia

Miles de persoas levantaron a vista ao ceo e sentiron o silencio e frío que acompañaron os minutos nos que a Lúa ocultou por completo o Sol

EN DIRECTO | A Coruña vive a eclipse entre nubes, cunha coroa solar apenas visible

A totalidade durou un minuto e 16 segundos na cidade, mentres que noutros puntos de Galicia, como Sigüeiro, durou menos con ceos despexados

Galicia vivirá unha xornada astronómica única: o máximo das Perseidas chega tras a eclipse total de Sol

As condicións serán favorables para contemplar ata 200 meteoros por hora durante a noite do 12 ao 13 de agosto, con nubosidade prevista no norte da comunidade

Nubosidade no norte, risco de incendios no sur e calor: esta é a previsión para o día da eclipse total en Galicia

A Aemet alerta de cúmulos baixos no litoral, mentres o interior estará marcado por alertas amarelas e laranxas polas temperaturas máximas elevadas