Rafael López, xefe do Servizo de Oncoloxía Médica no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e profesor na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC), é o coordinador científico do X Simposio sobre Biopsia Líquida que se celebra dende o xoves 23 ata o sábado 25 na capital galega. Será a edición que conte cunha maior presenza de expertos internacionais e o programa máis completo da súa historia, o que demostra o crecente interese polo potencial desta técnica non invasora que axuda os oncólogos a diagnosticar, prognosticar e seguir de preto un cancro durante o tratamento. Para o doutor López, evitar grazas á biopsia líquida a metástase dun tumor é o obxectivo final para salvar vidas e acabar co sufrimento das persoas enfermas.
—Hai dez anos que se celebrou a primeira edición deste simposio. Unha das tarefas da reunión será avaliar os avances na investigación e no uso da biopsia líquida durante a última década. Cales son para vostede os máis importantes?
—Un dos elementos máis importantes que debemos subliñar é o avance da tecnoloxía que hoxe nos permite atopar dunha maneira moito máis eficaz as células tumorais circulantes ou as fraccións de ADN desas células no sangue, algo que hai uns anos era moi difícil. Outro grande avance que fomos capaces de realizar é comprender mellor o comportamento dos tumores. Por suposto, seguimos investigando e traballando neste sentido porque, se queremos atacalos, temos que ser capaces de controlalos, e para iso temos que coñecelos ben. Hai dez anos a biopsia líquida era unha novidade e, hoxe en día, aínda que non se utiliza dunha forma totalmente rutineira, todo o mundo sabe e entende o que é.
—Avances tecnolóxicos como a intelixencia artificial abriron novas portas na investigación desta técnica?
—No simposio en Compostela vaise presentar, xustamente, un novo método procedente de Estados Unidos, en concreto de San Diego, baseado nun sistema ultrasensible que leva incorporado, na metodoloxía de traballo, intelixencia artificial. Isto axudará a mellorar a sensibilidade necesaria para que se poidan detectar as células tumorais circulantes ou o ADN. Sería tamén moi importante que a intelixencia artificial axudase nas decisións médicas, pero para que isto ocorra necesitamos realizar moitas máis biopsias líquidas e poder xuntar todos os resultados para poder facer unha achega correcta. Este é un campo que hai que explorar nun futuro, pero para iso, como digo, temos que realizar moitas máis biopsias líquidas.
“Se queremos atacar os tumores temos que ser capaces de controlalos”
—Os resultados e a eficacia da biopsia líquida son semellantes en todos os tipos de cancro?
—Van cambiando porque a utilización da biopsia líquida avanza ao mesmo tempo que o descubrimento e a utilización de novos fármacos. Hai dez anos empezamos traballando co cancro de colon porque, naquel momento, había dous medicamentos que respondían moi ben na biopsia líquida se había unha alteración molecular, unha alteración do ADN. Agora, por exemplo, colleu moita forza e é onde máis se utiliza, o cancro de pulmón, grazas a novos fármacos que nós chamamos dirixidos e que son esenciais para o bo funcionamento desta técnica.
Nos últimos tempos rexistráronse avances nos tumores dixestivos con fármacos dirixidos que precisan dunha biopsia líquida para facer o seguimento. Acontece o mesmo cos tumores uroxenitais e, sobre todo, no cancro de mama. Este foi o último grande avance do que podemos falar xa que vén de aprobarse un medicamento no que a biopsia líquida é necesaria para poder empregalo. O que quero dicir é que hai unha incorporación paulatina e constante de novos tumores e indicacións nos que a biopsia líquida é cada vez máis necesaria.
—Cales son hoxe as principais limitacións no uso da biopsia líquida?
—A maior limitación é que hai tumores con características que non somos capaces de detectar con esta técnica. Digamos que permanecen ocultos. Afortunadamente, cada vez son menos grazas sobre todo aos avances tecnolóxicos, pero segue acontecendo e esta é hoxe unha limitación importante. Tamén temos que falar da sensibilidade xa que é necesario mellorala, sobre todo se queremos atoparnos con estadios máis temperáns da enfermidade ou na situación de diagnóstico precoz, para o que se precisa unha sensibilidade moi alta á hora de detectar as fraccións de ADN das células tumorais.
“A investigación galega é moi importante no campo da biopsia líquida”
—En que situación se encontra a investigación e o seu uso en Galicia?
—En Galicia, o noso grupo de investigación no CHUS é o que máis traballo realiza sobre esta técnica, e, a nivel de asistencia, en case todos os hospitais galegos estase empregando se os pacientes o precisan. Non tanto como eu desexaría, pero si se está incorporando pouco a pouco. Tivemos a fortuna de ter a iniciativa de investigar sobre esta área que é apaixonante e que está demostrando moi bos resultados.
Trátase dunha das ferramentas máis prometedoras que temos hoxe para loitar contra o cancro. Participamos en proxectos europeos, asistimos a congresos e reunións internacionais e por iso podo dicir que a investigación galega é importante neste campo da oncoloxía. Debo dicir que, a nivel europeo, Francia é o país que mellor ten organizado o emprego da biopsia líquida. De feito, alí existe un programa que permite a calquera oncólogo con pacientes con cancro avanzado solicitar unha biopsia líquida que se fai gratuitamente no Instituto Gustave Roussy de París.
—Que resultados agardan do simposio?
—Cada vez que hai un congreso deste tipo establécense relacións con outros expertos e investigadores e isto é moi importante xa que nos permite chegar a formar parte de diferentes proxectos. As relacións son o máis importante porque hoxe o acceso ao coñecemento científico é algo moi sinxelo, é fácil de controlar. Por iso, o que temos que favorecer con estes encontros é o traballo colaborativo e isto é no que nos imos centrar.
—Para vostede, que participou no lanzamento da investigación da biopsia líquida en Galicia para loitar contra o cancro, cal é o gran desafío?
—Conseguir que a biopsia líquida nos diga se hai metástase e como tratar e evitar as metástases. O problema do cancro segue sendo moi importante, é verdade que a supervivencia supera o 60%, pero isto tamén significa que aínda hai un 40% dos enfermos que non o superan. De feito, onte anunciouse o falecemento dun coñecido galego, e este tipo de novas sempre nos lembran que o percorrido na investigación aínda é grande e que necesitamos máis ferramentas para evitar este sufrimento que é o cancro. O 90% das mortes por cancro son por metástases e, se puidésemos evitalas, conseguiriamos diminuír dunha forma moi importante este problema.














