“Un fito científico”: o fármaco que eliminou o cancro rectal en todos os pacientes do estudo

O oncólogo Rafael López asistiu á presentación da investigación en Chicago e enxalza os "resultados prometedores" do tratamento de inmunoterapia

Rafael López é xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.
Rafael López é xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

“Levo toda a vida soñando con que haxa fármacos que curen o cancro”. A voz de Rafael López, xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Clínico de Santiago (CHUS), está chea de optimismo. Foi un dos asistentes á reunión anual da Sociedade Estadounidense de Oncoloxía Médica, que se celebrou a semana pasada en Chicago. Alí presentáronse varias investigacións prometedoras pero unha delas xa destaca entre as demais: un fármaco logra a remisión completa de cancro de recto en 12 pacientes. “É un estudo moi, moi, moi prometedor. É todo un fito científico. Abre a esperanza a curar o cancro con medicamentos”, asegura López.

O ensaio aínda está en curso, polo que os resultados son preliminares. Por iso, a comunidade científica recoñece o avance, pero tamén insta á prudencia. “Un dos contras máis importantes é o tamaño da mostra. Son só 12 pacientes e iso é moi pouco”, explica López, tamén director do grupo de investigación Oncomed do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). Ademais, os doentes que participaron na investigación tiñan unhas características moi específicas, polo que estes resultados non poden ser extrapolables a todos os pacientes de cancro de recto e, moito menos, doutros cancros.

“Un dos contras máis importantes é o tamaño da mostra. Son moi poucos doentes”

“Os doentes tiñan un fallo no sistema de reparación do ADN. Constitúen un subgrupo dentro dos tumores rectais, supoñendo aproximadamente un 5% dos doentes desta enfermidade”, asegura López, explicando que son persoas “especialmente sensibles” á inmunoterapia. De feito, o fármaco que se empregou neste estudo foi o dostarlimab que, segundo o oncólogo, pertence ao que se denomina “moderna inmunoterapia”. “Os tumores son moi intelixentes porque enganan o noso sistema de defensa. Drógrano, fano durmir, de maneira que as nosas defensas non atacan o cancro. Este fármaco o que consegue é espertalas. É dicir, son os nosos leucocitos os que atacan o tumor, non é o medicamento”, detalla López.

Pero nunca está de máis empregar metáforas. Segundo exemplifica o oncólogo, o noso mecanismo de reparación de ADN é complexo e tardaremos moitos anos en entendelo complementamente. Con todo, sería o equivalente a unha “policía de proximidade”. É dicir, sería o primeiro en responder ante un accidente ou un roubo. Pero se este sistema non funciona —como no caso dos pacientes do estudo— hai que chamar ao exército. Ou en linguaxe médica: a inmunoterapia. “A inmunoloxía actúa moi poucas veces e cando o fai así, da maneira na que inducen estes fármacos”, debulla López.

Poucos efectos secundarios

Se xa non fose suficientemente esperanzador que os 12 pacientes a estudo experimentasen unha remisión completa do seu cancro, a meirande parte deles non tiveron grandes efectos secundarios. O oncólogo galego explica que os fármacos de inmunoterapia son “bastante ben tolerados”. Malia que tamén pode haber complicacións graves, só se producen nunha minoría de pacientes. “Os efectos secundarios deste fármaco son os que xeran os nosos leucocitos. Pode ser perigoso cando as nosas defensas se enganan e atacan outros órganos, que é o que se coñece como enfermidades de autoinmunidade”, especifica o tamén investigador do IDIS.

Os 12 doentes do estudo non precisaron de tratamentos alternativos. É dicir, non se someteron a quimioterapia, nin radioterapia, nin intervencións cirúrxicas. Polo tanto, o seu tumor remitiu da maneira menos invasiva posible. “Abre a esperanza porque nos pacientes de cancro rectal a cirurxía, ás veces, deriva nunha amputación. O doente den que estar cunha bolsa o resto da súa vida”, incide o oncólogo, dando conta das consecuencias e do impacto que terían outros tratamentos na calidade de vida dos pacientes. De todas formas, López non se esquece de ser prudente. “Os resultados, ata agora, serían para tirar as campás ao aire pero tamén temos que poñer todo entre aspas. Precisamos que pase un pouco máis de tempo“, declara, instando á calma.

“Nos pacientes de cancro de recto a cirurxía, ás veces, deriva nunha amputación”

De feito, López asegura que o futuro da medicina está na prevención e no uso de medicamentos que curen enfermidades. Este segundo punto cumpriuse nesta investigación, na que se logrou unha remisión completa do tumor. “Se somos técnicos, realmente habería outra limitación. Para estar máis seguros habería que operar e analizar todo o que se poida. É dicir, comprobar se hai posibilidade de que ese cancro volva aparecer nun futuro”, apunta López. Con todo, asegura que iso sería un nivel moi técnico. É dicir, coa información dispoñible, o cancro desapareceu sen operación nin tratamentos invasivos. E iso xa é o suficientemente esperanzador. Agora a clave estaría en aumentar o tamaño da mostra —o ensaio continúa en marcha—, así como como atopar as vulnerabilidades doutros subgrupos, ou incluso doutros tumores.

Un tratamento con altos custos

Malia a esperanza, o optimismo e o prometedor do estudo, hai algo máis: o alto custo do tratamento. A investigación, que liderou o doutor Luis Diaz en Estados Unidos, desenvolveuse ao longo de seis meses. Os participantes recibiron unha dose do tratamento cada tres semanas, cun importe que alcanzaba os 11.000 dólares. “Todo o que é novo e bo ten un custo alto”, recoñece López, ao tempo que asegura que a “toxicidade económica” é un dos debates que están sobre a mesa da comunidade científica. “Unhas seis ou sete doses deste tratamento poderían ascender a uns 80.000 ou 100.000 euros por paciente. Isto sería viable en Occidente. Xa non tanto en África e outras rexións do mundo”, apunta o oncólogo do CHUS. “Dende logo, a pregunta é esa: como podemos facer que eses fármacos cheguen a toda a poboación”, reflexiona o doutor.

Pero máis alá do debate económico, este tipo de novas demostran o importante que é seguir investindo en investigación. Así o asegura López. De feito, recorda o caso do propio Luis Diaz, o doutor que liderou este estudo tan prometedor nos Estados Unidos. Leva traballando arredor dunha década con pacientes con deficiencias na reparación do ADN. Empezou en Houston e agora traballa en Nova York. O seu esforzo e o seu traballo permitiron que hoxe sexa o primeiro autor dun estudo moi prometedor. O mesmo que insta á esperanza: que o cancro se cure completamente. De momento, xa hai 12 pacientes nos que se logrou a remisión completa do cancro a través dun tratamento non invasivo. Grazas a Luis Diaz e o seu equipo, o soño de Rafael López —e o de tantos outros— xa está parcialmente cumprido.


Referencia: PD-1 Blockade in Mismatch Repair–Deficient, Locally Advanced Rectal Cancer (Publicado en The New England Journal of Medicine)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.