O descubridor do biomarcador de cancro de colon: “É un gran paso para o diagnóstico precoz”

O oncólogo galego Rafael López atopa xunto a Ángel Díaz-Lagares un método para detectar o cancro en etapas iniciais

Os investigadores Rafael López e Ángel Díaz-Lagares.
Os investigadores Rafael López e Ángel Díaz-Lagares.

Un estudo internacional con participación galega acaba de atopar un novo biomarcador en sangue que permite detectar o cancro de colon en etapas iniciais. Así o confirma Rafael López, experto do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e partícipe no artigo xunto a Ángel Díaz-Lagares. “Acabamos de dar un gran paso para o diagnóstico precoz. Agora habería que facer ensaios clínicos para ver que proba é mellor, se esta que acabamos de descubrir ou as análises de sangue en feces, que son as que se veñen facendo ata o de agora”, di López. De momento, apoiándose nos datos preliminares, o investigador cre que o novo biomarcador pode ofrecer resultados esperanzadores e presentar maior especificidade e sensibilidade que as probas que habitualmente se empregan para detectar este tipo de cancro. Os resultados do estudo acaban de publicarse na revista Clinical Epigenetics.

Máis polo miúdo, esta nova proba consistiría na detección da metilación do xene LINC00473 a través da biopsia líquida. Trataríase, así, dun cribado non invasivo do cancro colorrectal en persoas que aínda non presentan síntomas. Inicialmente, o custo desta proba non parece elevado, o que a convertiría nunha ferramenta moi apropiada para o diagnóstico precoz. A este respecto, López explica que é preciso atopar e deseñar novas probas que permitan unha detección temperá dos cancros, posto que os cribados masivos non adoitan ter moito seguimento. “Non teñen unha gran aceptación entre a poboación. Tan só participa un 40% da xente citada e iso limita moito a eficacia”, sostén o investigador do IDIS. Actualmente, as dúas probas que se empregan para a detección son a análise de sangue en feces e a colonoscopia.

No que respecta á investigación da que se extraeron estes resultados, analizáronse datos dun total de 645 pacientes procedentes de 10 centros hospitalarios —nove en España e un en Estados Unidos—, así como 233 individuos sans. Os resultados confirmaron a metilación de LINC00473 como un biomarcador que permite detectar precozmente o cancro colorrectal. Ademais da súa utilidade diagnóstica, este novo biomarcador en mostras de sangue mostrou tamén a súa utilidade para avaliar a eficacia do tratamento nos pacientes con cancro colorrectal avanzado. “O descubrimento deste novo biomarcador non invasivo supón un avance importante para o diagnóstico precoz e a medicina de precisión dos pacientes con cancro colorrectal”, apuntan os investigadores.

Unha alteración útil

Máis en detalle, a investigación liderada polos expertos galegos centrouse en avaliar a metilación do xene LINC00473 como biomarcador para o diagnóstico do cancro de colon a través da biopsia líquida. “As marcas epixenéticas como a metilación do ADN controlan o funcionamento dos nosos xenes actuando como interruptores capaces de controlar cales dos nosos xenes teñen que estar acesos e cales apagados”, explica Díaz-Lagares. Segundo continúa explicando o investigador, estas marcas epixenéticas poden estar alteradas nas etapas máis iniciais do cancro, converténdoas en biomarcadores ideais para a detección precoz da enfermidade. E engade: “Trátase de alteracións epixenéticas que se producen nas células do cancro e poden ser detectadas no sangue mediante biopsia líquida”.

“En concreto, este novo biomarcador epixenético baséase na análise da metilación do xene denominado LINC00473 que se localiza nunha zona do noso ADN que ata hai pouco se coñecía co nome de ‘ADN lixo’, xa que se cría erroneamente que non tiña ningunha función”. Agora sábese que LINC00473 ten propiedades supresoras de tumores e que se expresa con menor frecuencia neste tipo de cancro. “Na carcinoxénese, a hipermetilación dos xenes supresores de tumores representa un evento temperán asociado co seu silenciamento transcricional, o que conduce á iniciación do tumor e a progresión da enfermidade”, detalla o Díaz-Lagares.

A importancia da detección temperá

Segundo explican dende o IDIS, o colorrectal é o terceiro tipo de cancro detectado con maior frecuencia en todo o mundo, e espérase que a súa prevalencia aumente nun 60% de aquí ao 2030. Xeralmente, este tipo de tumores diagnostícanse nunha etaoa avanzada e por iso representa unha das principais causas de mortalidade por cancro. A incidencia crecente e as altas taxas de mortalidade destas neoplasias salientan a necesidade clínica de novas estratexias para mellorar a detección temperá do cancro de colon.

“Aínda queda moito por investigar, tanto neste tipo de tumores como no resto. O camiño está dirixido ao diagnóstico precoz é aos tratamentos máis eficaces”, di López. A este respecto, o investigador non só pon o foco no descubrimento e desenvolvemento de novas probas, tamén en crear estilos de vida máis saudables e centrarse no coidado dos superviventes. “Nós temos dous obxectivos. Ou ben intentamos curar ou cronificar“, indica. No que respecta ao cancro de colon, o investigador insiste en que aínda queda moito por facer porque as taxas de supervivencia sitúanse en torno ao 60%-70%. “Hai que mellorar ese 30%-40% restante”, expón.

López tamén se centra no positivo e explica que este ano saíron varias noticias moi prometedoras no referente ao cancro colorrectal. Unha delas, sobre un fármaco que logrou a remisión completa de cancro de recto en 12 pacientes. “É un estudo moi, moi, moi prometedor. É todo un fito científico. Abre a esperanza a curar o cancro con medicamentos”, aseguraba López en xuño, para GCiencia, cando saíu a noticia. Hoxe, engade: “Só implicaba a unha pequena porcentaxe de pacientes. Un 5% que presentaba unha alteración. Pese ao pequena que resulta a cifra, xa é un avance”.


Referencia: Noninvasive early detection of colorectal cancer by hypermethylation of the LINC00473 promoter in plasma cell-free DNA (Publicado en Clinical Epigenetics)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.