*Un artigo de

Cada ano prodúcense tres millóns de mortes no mundo debido ao consumo de alcohol, o que representa un 5,3% de todas as defuncións. Só en España, o alcohol é a droga máis consumida e causa 15.500 mortos cada ano. Nos últimos 20 anos, estas mortes diminuíron lixeiramente en homes e incrementado en mulleres.

Doutra banda, o alcohol é a primeira causa evitable de discapacidade intelectual, ao ser responsable do 100% da síndrome alcohólica fetal. O alcohol é tamén a droga máis utilizada na submisión química. Abusar do alcol causa atrofia cerebral e dano neuronal. O alcohol é así mesmo a causa de 1 de cada 9 cancros de mama e está presente en 1 de cada 5 episodios de violencia e suicidios.

Baseándonos na evidencia científica, ningún profesional ou institución debería recomendar o consumo de alcohol para mellorar a saúde. Nin tan sequera en cantidades ínfimas.

Aumenta o consumo en exceso e de golpe e en mulleres

O patrón de consumo de alcohol en España cambiou nos últimos 25 anos. O número de bebedores diarios alcanzou en 2017 o seu valor mínimo, mentres que desde o ano 2009 mantense a tendencia ascendente do consumo en exceso e de golpe, coñecido como consumo intensivo de alcohol. Un patrón que (erroneamente) o 50% da poboación non considera de risco.

Ademais, as diferenzas entre homes e mulleres están a atenuarse. Aínda que o consumo en poboación adulta segue sendo maior en homes, nos adolescentes o consumo está xa máis presente entre as mulleres. E dado que os valores non diminúen en homes, nos próximos anos asistiremos a un incremento das patoloxías asociadas ao alcohol. Este incremento derivará en importantes repercusións na contorna familiar, laboral, social e sanitaria.

Enquisa sobre alcohol e outras drogas en España, IDADES. Ministerio de Sanidade. Goberno de España.

Os estudos de seguimento de adolescentes e persoas novas permitíronnos coñecer que boa parte das prácticas sexuais de risco, dos accidentes de tráfico e do abuso/dependencia na idade adulta son explicadas polo consumo de alcohol. Ou que o consumo de alcohol fainos máis vulnerables ás agresións físicas e sexuais, tanto a mulleres como a homes, xa que limita a nosa capacidade de identificar os riscos e chegado o caso de defendernos.

Pero estes estudos de seguimento tamén nos permitiron determinar que cando os adolescentes comezan a beber despois dos 16 reducen ata un 80% o risco de consumo en exceso e de golpe. Ou que se lográsemos que a metade dos adolescentes comezasen a beber un ano máis tarde, a proporción de abuso de alcohol nos adultos novos baixaría un 25%.

Por iso é polo que atrasar a idade de inicio ao consumo se sitúe como un obxectivo prioritario.

Prevención ambiental para atrasar o consumo

Distintos estudos constataron que adolescentes e mozos que teñen suficiente información sobre drogas consómenas igual, principalmente en contextos grupais. Por tanto, e tendo en conta o peso que os factores biolóxicos, psicolóxicos e sociais teñen na adolescencia e mocidade, faise necesario incidir máis no ambiente que na información. Trátase, esencialmente, de cambiar o contexto no que se produce a conduta.

As estratexias de prevención ambiental pretenden cambiar a contorna cultural, social, física e económica na que as persoas toman as súas decisións. Iso quere dicir que, en lugar de centrarnos en deseñar intervencións para axudar os individuos para actuar de forma saudable, a prevención ambiental propón crear ambientes que favorezan os comportamentos saudables.

As estratexias de prevención ambiental cobraron gran importancia nos últimos anos ante a numerosa evidencia de como as medidas lexislativas e sociais poden reducir o consumo de tabaco e alcohol. E, aínda que non hai consumo seguro cando se trata de alcohol, si sabemos que existen consumos de menor risco.

En principio, non deberiamos consumir máis dunha bebida ao día as mulleres, nin máis de dúas os homes. E en ningún caso debemos consumir alcohol desde a decisión do embarazo ata o final da lactación.

Escasa regulación publicitaria

A publicidade do alcohol non está tan regulada como puidésemos pensar. As bebidas alcohólicas non inclúen información nutricional nin advertencias sobre o dano á saúde.

As chamadas ao consumo de alcohol están omnipresentes nas nosas cidades, tamén próximas a parques infantís, colexios e institutos. Nos supermercados as bebidas alcohólicas ofértanse e dispensan como un alimento máis, incluso as de alta gradación, e así son percibidas por boa parte da poboación.

Nas cantinas das universidades seguimos ofertando alcohol e publicítanse bebidas alcohólicas. En moitas ocasións, os concertos e o lecer nocturno urbano son patrocinados pola industria alcohólica, ligándoo á idea de liberdade, amizade e cultura. Resulta sorprendente a escasa diferenza entre o prezo da auga e o alcol nestes eventos.

A prevención ambiental, coa modificación do espazo físico e do marco lexislativo e impositivo, pode propiciar ambientes que favorezan os comportamentos máis saudables.

Diariamente morren por alcohol en España 11 mulleres e 31 homes. Podemos e debemos reducir estas mortes e toda a carga de enfermidade e violencia que o alcohol provoca na nosa sociedade.


Artigo realizado co asesoramento da Sociedade Española de Epidemioloxía.

*Francisco Caamaño é profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidade de Santiago de Compostela.

Cláusula de divulgación: O autor recibe fondos do Fondo de Investigación Sanitaria.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.