Carmen García Mateo gaña as eleccións á reitoría da UVigo

A candidata de Nós Universidade fai historia e convértese na primeira muller á fronte da institución académica

Carmen García Mateo gaña ás eleccións á reitoría da UVigo e fai historia ao converterse na primeira muller á fronte da institución académica. A candidata de Nós Universidade logrou a vitoria na segunda volta cun 56% dos votos ponderados fronte ao equipo de H2040 encabezado por Belén Rubio. García Mateo obtivo máis apoio entre o persoal investigador e docente con vinculación permanente, o persoal de xestión e servizos e o estudantado. O único no que gañou Rubio, actual vicerreitora de Investigación, foi entre o restante persoal do corpo de investigación e docencia.

A nova reitora baseou a súa campaña no cambio respecto ao actual goberno. Un dos aspectos nos que incidiu durante a presentación da súa candidatura foi o de atallar a “perda de influencia e peso” que a UVigo tivo “sobre todo neste último mandato”. Concibe unha universidade “influínte, autónoma, con voz propia no debate científico, económico e cultural de Galicia”.

Publicidade

A súa investigación

García Mateo é catedrática da área de Teoría do Sinal e Comunicacións na UVigo, a universidade á que leva vinculada dende 1987. É profesora na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e lidera o equipo en Tecnoloxías Multimedia (GTM) de atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación. As súas liñas de estudo céntranse na tecnoloxía da fala en galego e castelán, na segmentación de audio, no recoñecemento biométrico e na detección por voz de enfermidades neurodexenerativas. Dentro do seu perfil como investigadora, ten máis de 150 publicacións en revistas e congresos internacionais.

Entre os seus proxectos máis destacados como científica están Cotovía, o primeiro conversor texto-voz bilingüe en galego e castelán. Tamén VOGATEL e FalAI, que consistiron na recollida de voz en galego para o adestramento de sistemas conversacionais. Outra inicitiva destacada é COPERIA, para a detección da covid persistente mediante análise acústica de tose e voz. E finalmente VISIA, unha sentinela de risco de suicidio en adolescentes baseada en intelixencia artificial.

Publicidade

Do Wonenburger aos cargos de xestión

En 2014, García Mateo recibiu o Premio María Josefa Wonenburger; un recoñecemento que entrega a Xunta de Galicia para poñer en valor a traxectoria de mulleres científicas galegas. Tamén participa regularmente na promoción e divulgación para reforzar a presenza feminina nos eidos STEM. Así mesmo, foi membro do plenario do Consello da Cultura Galega dende 2016 a 2024, e coordinadora da sección de Lingua, Literatura e Comunicación do 2018 ao 2024.

Dende o punto de vista da xestión universitaria, exerceu como vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea da UVigo entre 2006 e 2010 con responsabilidade na adaptación da oferta académica da institución ao Espazo Europeo de Educación Superior. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Máis aló da madeira: o proxecto galego que busca novos aproveitamentos do monte dende Baroña

Multi-Forest, unha iniciativa impulsada dende Feuga, aplica imaxes satelitais para diversificar os usos do territorio, dende a micoloxía ata o certificado de calidade