Carmen G. Mateo: “Reequilibraremos a carga docente nalgúns ámbitos para beneficiar a investigación”

A nova reitora da UVigo aposta por fomentar a vida universitaria nos campus, captar novo talento e impulsar a excelencia dos seus centros punteiros

Carmen García Mateo xa forma parte da historia da Universidade de Vigo ao coroarse como a primeira reitora da historia da institución. É, tamén, a segunda de Galicia, despois de que Rosa Crujeiras que gañase as elección á Universidade de Santiago hai tan só dous meses. García Mateo ponse á fronte da UVigo despois de lanzar unha campaña a través da candidatura Nós Universidade inspirada no cambio. Quere poñer en valor a vida universitaria nos campus, darlle entidade propia a Ourense e Pontevedra e fomentar unha investigación que sexa cada vez máis excelente. Asume o mando con alegría pero, sobre todo, con responsabilidade. Así o matiza apenas unhas horas despois de gañar as eleccións tras unha intensa campaña electoral.

Que sentiu cando se proclamou o resultado?

Publicidade

—Sentín alegría e un sentimento de responsabilidade. Primeiro había que defender e convencer co noso proxecto, pero agora toca poñelo en marcha. Iso si, con moita serenidade.

Toda a súa carreira profesional está vinculada á UVigo.

Publicidade

—Si, toda. Acabei os estudos de enxeñaría de Telecomunición en Madrid, porque daquela só había a posibilidade de cursala en Madrid ou Barcelona. No último ano de carreira falei co profesor Aníbal Figueras para facer o doutoramento, porque a idea de continuar na universidade era atractiva para min. Acabei a carreira e vinme para Vigo. Cheguei en setembro sen contrato, como aínda acontece agora, tristemente. E xa en decembro de 1987 comecei.

Asumir a reitoría ten que ser, para vostede, dobremente especial porque é a universidade da súa vida. Agora pode dirixila e darlle ese cambio que defenderon dende Nós Universidade.

—Si, é un colofón formidable tanto persoalmente como para a miña traxectoria profesional. Como equipo, a candidatura xurdiu dun grupo de persoas con perfís similares ao meu. É dicir, de levar moitos anos na universidade, con carreiras profesionais asentadas, e que nos puxemos a preparar un proxecto de cambio.

Este é un ano de grandes fitos para as universidades públicas galegas. Vostede convértese na primeira reitora da historia da UVigo e a segunda de Galicia, despois de Rosa Crujeiras. Como se sente formar parte deste fito?

—Un orgullo. Isto é un reflexo de que a sociedade avanza e camiña cara a unha igualdade efectiva entre homes e mulleres. Custou e custa, pero non se pode dar ningún paso atrás.

Vostede vén das telecomunicacións e Crujeiras da estatística e ambas estiveron sempre moi implicadas no fomento das vocacións STEM. Chegar á reitoría é un paso máis para demostrarlle ás nenas o grande abano de posibilidades que teñen.

—Dende logo. Dende hai moitos anos traballamos para que tanto as nenas como os nenos teñan referentes de mulleres científicas e universitarias. Ese labor vai callando e dando os seus froitos, pero ten que estar ao longo de toda a carreira profesional para encamiñarnos cara á igualdade efectiva, incluso nos postos máis altos.

Por outro lado, tamén é importante que estes fitos deixen de verse como excepcionais. Hai case 40 anos eu era das poucas mulleres nunha escola de enxeñaría. Dicíanme que era unha valente, pero agora debemos entender que forma parte da normalidade. Por un lado, hai que darlle visibilidade ás traxectorias profesionais e aos fitos acadados, pero tamén a que somos homes e mulleres con familias, con tempo de lecer, que cometen erros e tamén piden perdón. Iso é o importante.

Temos a responsabilidade de que as nosas aulas e centros de traballo estean libres de acoso sexual

Agora ten seis anos por diante. Cando tome posesión como reitora, que vai ser no primeiro no que se poña a traballar?

—Necesitamos traballar dende o primeiro día na reorganización da administración e de todos os temas relacionados co Persoal Técnico de Xestión Administrativa e Servizos (PTXAS). É un colectivo moi numeroso e diverso que, nestes momento, está nunha situación laboral delicada que incluso afecta o seu estado anímico. Dende o primeiro momento vimos a necesidade de comezar a traballar nisto dende o día 1.

Ademais da situación dos PTXAS, cales cre que son os principais desafíos do seu mandato?

—Un dos principais desafíos está relacionado coas infraestruturas da universidade e cos servizos. Non é un tema baladí porque vimos de moitos anos de falta de investimento, de previsión e de mantemento. Non só temos unhas instalacións avellentadas, senón que están deficitarias. Por un lado, temos que planificar toda a parte de reforma e mellora das instalacións e, tamén garantir financiamento. Non vai ser un cambio da noite para a mañá, pero si unha liña moi estratéxica.

Nós tamén defendemos a vida universitaria dos campus. Que acadar un título universitario non só é ir ás aulas e aprobar exames, senón que a formación académica estea complementada con actividades deportivas, de lecer, culturais, de relación entre estudantes. Por iso é fundamental dinamizar todos os campus. O de Lagoas-Marcosende está afastado da cidade é por iso necesita especial atención.

Estamos a vivir un momento complicado para a xente nova, sobre todo para os estudantes, en canto á vivenda. Tomarán algunha medida ao respecto?

—Si, claramente. O tema da vivenda é un problema a nivel nacional. Traballaremos cos concellos e coas autoridades para aproveitar todas as oportunidades do plan de vivenda e aumentar a dotación habitacional en residencias universitarias. No campus de Pontevedra, por exemplo, non hai ningunha residencia universitaria pública e ese é un dos nosos obxectivos. Incluso para Vigo e Ourense, tratar de aumentar as prazas. Estaremos moi atentos e activos na colaboración cos concellos, coas deputacións, coa Xunta e co Goberno central para impulsar a universidade pública.

Os campus de Ourense e Pontevedra necesitan que a súa identidade sexa recoñecida pola cidadanía

Precisamente a estrutura da UVigo está dividida en tres campus. Como se conxuga a súa xestión?

—A UVigo é, realmente, a universidade do sur de Galicia. Temos un campus en Ourense, outro en Pontevedra e o de Vigo en dúas localizacións. Nós defendemos a vida universitaria en campus, que deben ser a nosa tarxeta de presentación, e por iso non prestamos máis atención a un que a outro. Todos son prioritarios en termos de instalacións, de facturas, de dotacións… Tamén está todo o relacionado coas sus particularidades, porque os campus de Ourense e Pontevedra están moi próximos á cidade en termos de programación cultural e deportiva. Ao mellor nos últimos anos decaeron, e debemos retomala.

Os campus de Ourense e Pontevedra tamén necesitan que a súa identidade sexa recoñecida pola cidadanía. Seguiremos traballando para darlles unha maior autonomía en termos de xestión e visibilidade propia, e que todo iso poida reverter en maior facilidade para a captación de estudandes e para que se vexan todos os logros de investigación. Somos campus diferentes, pero pertencemos á mesma universidade.

Cal será a estratexia para a captación de alumnado, tendo en conta a competencia que se abre coas universidades privadas.

—Sen a universidade pública non estaría onde estou. Non só temos que defendela, senón tamén loitar para que teña os medios necesarios para desempeñar as súas funcións nas tres misións que temos enconmendadas: a docencia, a investigación e a transferencia. Non vai poder ser excelente se non hai unha moi boa investigación, unha fronteira do coñecemento; se non hai formación de doutores e investigadores. Temos un encargo da sociedade e unhas misións formitables para as cales temos que reivindicar un financiamento axeitado.

Por suposto, tamén temos que render contas e, de ningunha maneira, malgastar fondos públicos. Sempre houbo universidades privadas, pero nos últimos anos houbo unha irrupción, incluso de fondos de investimento. Son unha competencia, non podo dicir que non, pero ás veces parece que temos que organizar o sistema cando, en realidade, non xogamos coas mesmas cartas.

No sistema universitario galego, cada vez que se abre o mapa dunha titulación, tense moi en conta o territorio para evitar duplicidades, e así intentar que as titulacións sexan fortes e non compitan entre si. De pronto aparecen actores que non parecen ter estes principios e por iso temos que darlle visibilidade. Non estou en contra das universidades privadas pero eu defendo a pública. Temos que coidada, respectala e, sobre todo, non lesionala.

Fala da importancia da investigación. Durante a campaña puxo de manifesto que había que atallar a perda de influencia e peso da UVigo no último mandato. Como se impulsará? Como se captará novo talento?

—Dendo o comezo, a UVigo foi unha universidade con pulo e forza investigadora, e nos últimos anos isto non mudou. Somos excelentes en moitos campos, como na captación de talento e de fondos específicos de investigación, mais vemos que os ritmos e obxectivos non son os mesmos en cada eido. Por iso dende o goberno teremos que estar moi atentos para non perder o talento da casa que, por cuestións internas ou estruturais, tira a toalla. Reequilibraremos a carga docente nalgúns ámbitos para beneficiar a investigación.

Sen a universidade pública non estaría onde estou

Outro dos aspectos que subliño sempre é a canteira investigadora. Temos que prestarlle moita atención ao doutoramento. Que dende os 24 anos, cando comezan, estean dentro de grupos de investigación, que sirvan para reforzalos e que os científicos senior conten con ese novo persoal. Tamén hai que ter en conta as etapas posdoc. Cando falo de canteira refírome a estudantes de doutoramento que virán das nosas titulacións, pero captaremos alumnado de fóra da UVigo, tanto nacionais como internacionais, e mesmo posdoutorais. E, como non pode ser doutra maneira, tamén fomentaremos a participación en proxectos internacionais e colaborativos.

Os centros atlanTTic, de onde vén vostede, o CIM e o CINBIO forman parte da rede CiGUS de excelencia da Xunta. Como fomentará que se manteña a acreditación e a acaden outros centros da universidade?

—O selo de excelencia CiGUS é fundamental para os nosos centros e o obxectivo prioritario é mantelo, porque hai que renovalo cada certo tempo. Outra meta é lograr que os dous centros colaboradores, como Cintecx e ECOBAS, o consigan. Aí si que traballaremos cos centros e para os centros, e tamén coa Xunta, para facer ver as nosas singularidades e fortalezas. Internamente, hai un tema de organización propia de cada centro, e debemos prestarlle a atención necesaria. Temos outras áreas que nestes momentos están organizadas en institutos de investigación e o obxectivo é que, mediante unha folla de ruta, vaian avanzando cara á especialización e a excelencia. Que aglutinen investigadores e, sobre todo, poidan captar novo talento.

Talvez o grande obxectivo sexa conseguir unha Unidade María de Maeztu.

—Si, dende logo, sería o obxectivo a perseguir, pero é un obxectivo difícil. De feito presentáronse algúns centros, mais non o conseguiron. Continuaremos aí. Hai que ter en conta que, cando te presentas a unha convocatoria coma esta, tes que prepararte moi ben, coñecer os criterios, vante avaliar internamente… Hai que traballar cara aí.

Dendo o comezo, a UVigo foi unha universidade con pulo e forza investigadora

E continuar apoiando os centros que se presentaron para que non se sintan frustrados.

—Non hai que intentar por intentar. Hai que traballar, reforzar e establecer o que é necesario nunha convocatoria coma esta. Hai que ir cara a aí para que, cando te presentes, teñas unhas altas probabilidades, senón tamén xera frustración e pode crear o efecto contrario. Hai que ir cara á excelencia, ter os medios e a estrutura, para conseguir a María de Maeztu nun prazo determinado.

A UVigo estivo no foco nos últimos meses por varios casos de presunto sexual dun profesor cara a varias alumnas da Facultade de Filoloxía e Tradución. Esta semana tamén se coñecía a apertura de dous protocolos na Facultade de Belas Artes. Realizáronse varias sentadas, o alumnado estase mobilizando e incluso hai críticas cara ao goberno actual. Cando asuma a reitoría, vai revisar os protocolos? Reabrirá as investigacións?

—É unha cuestión delicada. Temos que abordala con seriedade, serenidade e firmeza. No noso programa levamos que é necesario revisar os protocolos e non só nestes dous centros, senón en todos. Os protocolos funcionan pero son moi mellorables, sobre todo necesitan ser máis áxiles e máis eficaces, e que as estapas estean moi claras. Saber cales son os axentes que interveñen en cada unha das etapas e acompañar a persoa denunciante para que se sinta moi amparada, sen a frialdade dun protocolo.

Reivindico o traballo das persoas que participan cada vez que hai un caso. Cónstame que, por desgraza, non só son estes que xurdiron agora. En moitos condúcese axeitadamente e as vítimas non se senten para nada desamparadas pola institución. Por iso hai que revisar por que nuns casos si e noutros non. Hai que estudar todas as etapas, incluso a de instrución, cando o asunto non estea xudicializado. Debemos estar moi atentos e non mirar cara a outro lado, porque é unha realidade social moi triste e nós, como institución, temos unha responsabilidade para que as nosas aulas e centros de traballo estean libres de acoso sexual e de calquera outro tipo de acoso.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

María Mayán capta 100.000 euros para impulsar unha nova inmunoterapia contra o cancro de mama

A investigadora do Cinbio recibe unha Bolsa FERO para desenvolver un proxecto sobre as terapias celulares CAR-NK, moi prometedoras en medicina personalizada

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia