A cara B da destrución do lume: o patrimonio cultural e arquitectónico arrasado polos incendios

As lapas arrasaron igrexas, aldeas e xacementos arqueolóxicos, deixando ao descuberto a vulnerabilidade do legado histórico e da arquitectura tradicional galega sen medidas

O dano dos incendios faise cada vez máis evidente co paso dos días. As consecuencias das lapas vanse asimilando pouco a pouco e, ademais do impacto ambiental e material, comezan a saír á luz as perdas no patrimonio arquitectónico e cultural afectado polos lumes de agosto. A provincia de Ourense é a máis castigada, debido á dimensión dos catro grandes focos que permaneceron activos durante máis de dez días, en especial o incendio de Larouco, o máis devastador da historia de Galicia.

Na situación actual, segundo a última actualización da Consellería do Medio Rural, preocupan tres lumes que continúan ameazando a zona leste do territorio. O máis grave é o da Pobra do Brollón, en Lugo, iniciado o pasado luns ás 13:06 horas, que no informe das 8:30 da mañá xa arrasara arredor de 600 hectáreas. Pola súa parte, o incendio de Avión, declarado o domingo, queimou unhas 150 hectáreas. O de Carballeda de Valdeorras, activo dende o luns 18, acumula 4.700.

Publicidade

Con todo, os lumes que causaron os principais danos ao patrimonio galego están hoxe estabilizados. O de Chandrexa de Queixa e Vilariño quedou completamente controlado o martes 25, tras arrasar preto de 19.000 hectáreas. O de Larouco, máis destrutivo, foi estabilizado o pasado sábado despois de que as lapas consumisen máis de 30.000 hectáreas, segundo os datos da Xunta, dende o seu inicio o mércores 13 en Seadur.

“Galicia conta cun patrimonio moi disperso, especialmente no rural”, explica Miguel Ángel Cajigal Vera, historiador da arte e divulgador coñecido en redes como @elbarroquista. Esta distribución fai que moitos bens, como igrexas ou mámoas, se atopen en primeira liña fronte ao lume. Do mesmo xeito que as lapas ameazan os núcleos de poboación, os grandes focos tamén golpean de cheo o patrimonio galego.

Publicidade

Patrimonio cultural afectado

Galicia conta cunha enorme riqueza patrimonial, especialmente en igrexas parroquiais e rurais, así como en xacementos arqueolóxicos. Porén, trátanse de bens pouco utilizados, difíciles de protexer e que, sobre todo no medio rural, están en desuso. “Este tipo de patrimonio está sempre nunha situación moi perigosa”, explica Miguel Ángel Cajigal, subliñando que o patrimonio parroquial é, polo xeral, o máis exposto. Esta vaga de incendios deixouno en evidencia: a igrexa parroquial de San Vicente de Leira, a de San Pedro de Fervenza e a de San Clemente de Cesures foron destruídas polas lapas.

No caso da arqueoloxía, os xacementos musealizados presentan un bo estado de conservación, mais existen aínda moitos castros e mámoas pola comunidade que permanecen sen escavar. “É moi raro que haxa un incendio forestal que non acabe afectando a algún elemento do patrimonio prehistórico”, sinala o especialista. A preocupación increméntase cando as lapas ameazan enclaves de especial valor, como ocorreu coas Médulas de León, declaradas Patrimonio Mundial pola UNESCO. Non obstante, a afectación de elementos arqueolóxicos en situacións de incendio é, segundo o Cajigal, moi frecuente e difícil de evitar.

Porén, o patrimonio que máis sofre cos lumes é o bosque autóctono: “O bosque tamén é cultura en si mesmo”, lembra o experto. Carballeiras e soutos de castiñeiros forman parte da memoria colectiva, están cargados de vínculos afectivos e teñen unha fonda presenza na literatura e arte galegas. Son, en definitiva, un compoñente esencial da paisaxe cultural de Galicia.

Un patrimonio aparentemente indestrutible

Resulta sorprendente pensar que petróglifos e mámoas poidan verse afectados polo lume, ao estaren gravados en pedra. Mais, como lembra El Barroquista, “a indestrutibilidade é só apariencia”. A pedra resiste mellor o lume ca a madeira, pero iso non significa que sexa inmune: as altas temperaturas provocan fraxilidade, fendas e deterioración progresiva.

O período que vai dende o inicio do lume ata a chegada das primeiras precipitacións produce unha reacción en cadea. O solo queda empobrecido e, ao chegar as chuvias, xéranse fortes escorreduras que destrúen os xacementos arqueolóxicos. “Ao final, o que protexe os xacementos arqueolóxicos é a vexetación que os cobre”, explica Miguel Ángel Cajigal. Sen esa cobertura vexetal, a terra non pode absorber a auga das precipitacións, incrementando o risco de erosión e arrastre.

Un exemplo claro dáse nos monumentos situados en ladeiras queimadas, onde a perda de vexetación multiplica a cantidade de auga que circula polo terreo. O solo, ademais, perde a súa capacidade natural de repelencia, polo que o problema non aparece só na seguinte treboada. “Esta situación prolóngase ata que se recupere o solo“, explica. Nese tempo, os bens patrimoniais permanecen baixo unha forte presión ambiental, moi vulnerables á degradación.

As aldeas, unha das grandes perdas culturais

“O patrimonio máis valioso é o doméstico”, sinala Miguel Ángel Cajigal, aínda que non se valora tanto como catedrais ou mosteiros. Aldeas como San Vicente de Leira, arrasada polo grande incendio de Larouco, quedaron reducidas a esqueletos de casas. Nestes casos, pódese perder patrimonio en forma de vivendas do século XIX.

A situación agrávase porque moitas vivendas afectadas xa non estaban habitadas con frecuencia. Son casas de avós e bisavós que, ao necesitar reparacións cada vez máis custosas, contribúen á despoboación dos núcleos rurais. “A mellor maneira de conservar un edificio é habitalo”, lembra o divulgador.

Tras unha catástrofe como a vaga de incendios, boa parte das casas tradicionais poden rehabilitarse. Cajigal cita o exemplo do santuario da Virxe da Barca en Muxía. Con todo, moitos elementos pérdense para sempre. O mobiliario ou as obras de arte en madeira, como os retablos, sofren danos irreversibles. Noutros casos, o impacto é tan severo que a rehabilitación non compensa: “Nada é restaurable, o dano está feito”. Aínda así, algunhas técnicas permiten reparar ou camuflar as marcas de lume.

De cara á recuperación das aldeas, o ideal sería “manter os valores autóctonos e tradicionais”. Isto non implica replicar as construcións ao pé da letra, senón respectar a lóxica da arquitectura popular, preservando os trazos morfolóxicos e orixinais. Non obstante, é unha tarefa complexa: “Cada vez que se toca un edificio histórico ou unha vivenda tradicional, sempre se acaba actualizando, porque require un investimento enorme despois da destrución”, conclúe.

Medidas transversais

A nivel europeo existen moitos exemplos de monumentos afectados por incendios, sobre todo en contextos bélicos. É o caso da cidade alemá de Dresde, que tras o bombardeo aliado de 1945 tivo que reconstruír todo o seu casco histórico. Nunha escala máis próxima a Galicia, está o exemplo de Portugal, onde parroquias danadas polas lapas foron reconstruídas en procesos lentos e custosos, con edificios que aínda seguen en rehabilitación.

Con todo, en Galicia, as medidas de protección do patrimonio deberían ser transversais, seguindo a lóxica das estratexias de prevención forestal. Para Miguel Ángel Cajigal, os edificios máis valiosos deberían dispoñer de plans especiais de emerxencia. “Nunha catedral ou mosteiro existen estas estratexias, pero nunha iglesia parroquial é moi raro”, advirte. O problema é a enorme dispersión patrimonial, moitas veces en zonas con alto risco de lume.

Nas vagas de incendios como a actual, o esencial é salvar vidas, mais Cajigal insiste en que “o patrimonio tamén merece unha prevención adicional”. Isto consistiría en contar cunha folla de ruta para monumentos rodeados de monte, como o mosteiro de Oseira, onde a extinción resulta moi complicada unha vez que o lume prende. A planificación non garante evitar o incendio, pero pode minimizar os danos.

El Barroquista lembra que xa vimos como arde un símbolo como Notre-Dame. Pero reflexiona: “Se Notre-Dame estivese no medio do monte ourensán e correra o risco de arder polos incendios, sería outra cousa”. Galicia precisa anticiparse a esa posibilidade.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

1 comentario

  1. O incendio máis grande é o chamado incendio de Larouco. Larouco é un dos máis pequenos concellos de Galicia mais este incendio abrangue todos e cada un dos concellos de Valdeorras e a meirande parte dos outros incendios de Ourense e lugo son lindeiros con Valdeorras. Valdeorras é a zona 0 da desgraza e creo que habería que renomear o incendio como o incendio de Valdeorras. A maior destrucción de edificacións que se relatan son tamén pertecentes a este espazo

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe