Xoves 28 Marzo 2024

Cinco novos parques eólicos ameazan a Ribeira Sacra: especies e patrimono, en perigo

Aves vulnerables como a tartaraña cincenta ou o milano real quedarían desprotexidas na Reserva da Biosfera Serras do Oribio e Courel

Chámanse Neboada, Treboada, Orballeira, Ventumelo e Xeada. Son cinco proxectos de novos parques eólicos e, aínda que os nomes teñan reminiscencias poéticas, o seu impacto ecolóxico e patrimonial na Ribeira Sacra, unha das zonas máis excepcionais a nivel medioambiental de Galicia, pode ser “fatal”. O adxectivo é o denominador común das declaracións das plataformas veciñais e ecoloxistas que forman parte dunha loita colectiva que leva viva na sociedade civil galega dende hai anos.

Na Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) teñen claro que é un dos proxectos “máis perigosos para o patrimonio natural e cultural do país” dos 77 que a Xunta vén de declarar ambientalmente viables de forma exprés no último ano. Belén Rodríguez, a secretaria executiva de Adega, fai fincapé en tratalos como un só proxecto: “Aos nosos ollos, podemos estar ante un caso de fragmentación artificial dun megaproxecto. Estudarémolo a fondo e, se cómpre, faremos as alegacións pertinentes”.

Publicidade

Unha posible fragmentación artificial?

A fragmentación artificial neste tipo de proxectos fai referencia a un tipo de fraude de lei que as macroempresas do sector eólico utilizarían para axilizar e sortear moitos trámites burocráticos. Non son cábalas de Adega nin moito menos, xa hai xurisprudencia ao respecto. A comezos do ano 2022, o Tribunal Supremo cualificou de “artificial” a división dun único parque de Norvento en Mondoñedo en dúas fases, e criticou fortemente que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural estimase compatible a instalación eléctrica cun xacemento arqueolóxico que afecta “en aberta contradición co Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e da PXOM de Mondoñedo” e que establecen a súa protección.

Estas estratexias serían utilizadas polas empresas para solicitar as declaracións de impacto ambiental á Xunta e non ao Estado

Segundo explica Rodríguez, este tipo de estratexias serían utilizadas por estas empresas, por exemplo, para solicitar as declaracións de impacto ambiental á Xunta e non ao Goberno español grazas a fragmentar a potencia dos parques por menos do máximo permitido de 50MW para unha aprobación autonómica. Non só iso. Os proxectos comparten liñas de alta tensión, comparten camiños de acceso e incluso subestacións de servizo… “Parece unha broma de mal gusto, ademais, que os cinco parques en cuestión sexan da mesma empresa matriz e máis que lle poñan nomes similares de fenómenos meteorolóxicos”, destaca Rodríguez.

En que lugar está tomada esta fotografía? Imaxe: Manuel Rey.
Terrazas de viñedos na Ribeira Sacra. Foto. R. Pan.

Patrimonio natural e cultural

Pero que patrimonio material está en xogo? A Ribeira Sacra é Reserva da Biosfera. A superficie total da reserva abarca 306.535 hectáreas, supoñendo o 10% do territorio continental de Galicia, repartidas entre 23 municipios das provincias de Lugo e Ourense, dos cales 18 concellos pertencen ao xeodestino Ribeira Sacra. O territorio da reserva engloba ata un total de 9 espazos protexidos: Xeoparque Montañas do Courel, ZEC Monte Faro, ZEC Pena Veidosa, ZEC Río Cabe, ZEC O Courel, ZEC Canón do Sil, ZEC Bidueiral de Montederramo, Monumento Natural Pregamento de Campodola-Leixazós e o ENIL Loio-Ruxidoira.

A confluencia dos climas oceánico e mediterráneo nesta área, as fortes variacións de temperatura do inverno ao verán, a presenza de afloramentos calcarios, unha orografía moi complexa con grandes desniveis altitudinais, entre outros factores, fan que se poidan atopar ata 1.214 especies florísticas, máis da metade da diversidade existente en Galicia. Tal é a riqueza, que máis do 60% da flora de Galicia se atopa presente no territorio da reserva. Case unha cuarta parte da reserva está cuberta por bosques ou devesas de diversos tipos, que acollen no seu interior máis de 50 especies de árbores e arbustos, destacando entre os tipos de hábitats prioritarios o breixo, o amieiro, o freixo ou o teixo.

A diversidade de hábitats e ecosistemas e o seu bo estado de conservación propician unha elevada biodiversidade de fauna: case 300 especies. No territorio cóntanse 169 especies de aves, 62 de mamíferos, 20 de réptiles, 14 de anfibios e 12 de peixes. É o territorio de especies emblemáticas como o lobo e o gato montés, e tamén, un dos últimos redutos do oso pardo en terras galegas.

Pero, sen dúbida, o que máis preocupa ás asociacións da sociedade civil son as especies de aves máis vulnerables e o propio Camiño de Santiago polo que sobrevoaría unha liña de tendido eléctrico. Aves en perigo como a tartaraña cincenta ou milano real veríanse en serio risco. Non só iso, tamén a proximidade á unica zona de reprodución en Lugo da aguia real.

Máis facilidades para os eólicos?

Adega critica con dureza que o Parlamento español vaia convalidar o RDL 20/2022 que elimina durante dous anos a necesidade de someter a avaliación ambiental os proxectos de renovables. “Esta medida excepcional e transitoria [até o 31 de decembro de 2024] consolida unha caste de estado de excepción ambiental no que os dereitos de participación pública e a un medio ambiente sano fican suspensos a maior gloria do negocio eléctrico”, denuncian. “O Ministerio segue así a estela de Feijóo na Xunta, que a través de leis como a de depredación e simplificación administrativa eliminou trámites e reduciu prazos para poñer nas mans das eléctricas milleiros de hectáreas de territorio galego“, rematan.

A norma (RDL 20/2022) parece ira máis aló que a súa predecesora o RDL 6/2022. Daquela os proxectos eximidos de avaliación ambiental, que ficaba substituída por un informe de determinación da afección ambiental, non podían superar os 75 MW eólicos. “Agora non hai límite de potencia para se acoller a esta medida excepcional”, debullan dende Adega.

Tamén, no decreto anterior, ademais dos espazos da Rede Natura 2000 e do medio mariño, quedaban fóra desta medida excepcional aquelas áreas que na “Zonificación ambiental para a implantación das enerxías renovables” elaborada polo propio Ministerio, estaban consideradas como de moderada e alta sensibilidade, incluíndo áreas chave para a conservación de especies protexidas. Na norma recentemente convalidada, “desaparece calquera mención a esta zonificación, e ademais da RN2000 só fóra desta medida excepcional os espazos oficialmente protexidos”.

Para Adega este novo “decreto de excepción” supón “unha grave e perigosa perda de dereitos cidadás, comezando polo de participación pública, na avaliación ambiental dos proxectos. Deste xeito, e só co estudo de impacto presentado polo promotor, o Ministerio poderá autorizar un parque, sen agardar tampouco polos informes preceptivos que teñan que xirar outras administracións“, denuncian.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os parques eólicos matan a case un millón de morcegos ao ano

Un estudo do CSIC advirte que un tercio das especies presentes en España están ameazadas, e máis da metade son vítimas dos aeroxeradores

O avistamento dun oso pardo nos Ancares constata a recuperación da especie en Galicia

Un veciño de Vilarelle, en Cervantes, consegue gravar un vídeo dun exemplar paseando pola serra

As turbeiras do Xistral, as máis afectadas de Europa polos parques eólicos

Un artigo asinado por Pablo Ramil e Javier Ferreiro da USC constata que estas centrais amezan un hábitat clave fronte ao cambio climático

O parque eólico Picato: 13 aeroxeradores a 800 metros do Camiño Primitivo

Grupos ecoloxistas denuncian que a instalación afectará a unha decena de bens culturais e, entre eles, á muralla de Lugo