Comer peixe, na súa xusta medida

Do mercurio ao plástico, o seu consumo pode ser un asunto espiñoso á mesa. Lonxe das ideas feitas, recoméndase comelo varias veces á semana

O peixe segue sendo un dos alimentos favoritos dos europeos na súa mesa. Segundo as estatísticas, un 64% deles asegura comelo varias veces ao mes, sobre todo na casa. Trátase dun alimento moi importante na nosa dieta xa que achega enerxía, é fonte de proteínas de elevada calidade e ten ácidos graxos como os Omega-3, entre outros moitos beneficios para a nosa saúde. Recoméndase comer entre tres e catro racións de peixe á semana, é dicir, uns 150 gramos.

“Está demostrado que o seu consumo reduce o risco de padecer enfermidades cardiovasculares, que exerce un efecto redutor do colesterol e ademais o seu consumo asóciase cun menor risco de padecer diabetes. Entón, si que é necesario comer peixe. En canto ao tipo de peixe que debemos consumir, todos, e sobre todo, peixe graxo por ser rico en Omega-3, ácidos graxos beneficiosos para a saúde cardiovascular. Ademais, hai que ter en conta que é máis barato, como as sardiñas”, asegura Ángeles Romero, catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos na Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O mercurio non é unha cuestión de profundidade

O mercurio, un contaminante medioambiental, está presente no mar principalmente pola actividade humana. Pode afectar ao sistema nervioso central en desenvolvemento, atravesar a placenta ou estar presente no leite materno. Por iso, a Axencia Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) estableceu no ano 2019 unha serie de limitacións de consumo de peixe para persoas máis vulnerables. Entre elas, atópanse as mulleres embarazadas ou en período de lactancia e as nenas e nenos de 0 a 10 anos. Entre os 10 e os 14 anos, o consumo está limitado a un máximo de 120 gramos ao mes.

“O consumo de peixe reduce o risco de padecer enfermidades cardiovasculares”

ÁNGELES ROMERO, catedrática da USC

A EFSA tamén sinala aqueles peixes que acumulan máis mercurio: os de gran tamaño e máis lonxevos. “Efectivamente o mercurio está relacionado, sobre todo, co que son os peixes máis grandes e máis lonxevos que están no alto da cadea trófica, como o peixe espada, a quenlla, o atún vermello ou o lucio. O mercurio acumúlase máis nestas especies primeiro porque son de gran tamaño e viven durante moito tempo, pero tamén porque acumulan o que está nas especies de menor tamaño das que se alimentan. Recordemos que o peixe grande sempre come o pequeno”, sinala Romero.

Peixes controlados polo miúdo na acuicultura

Na Unión Europea o 25% do peixe e o marisco que se consomen procede hoxe da acuicultura. Unha industria sobre a que tamén pesan varios elementos de desconfianza e, polo tanto, algúns mitos: “Eses peixes non teñen o mesmo sabor que os salvaxes, aliméntanos con pensos de dubidosa calidade e están cheos de medicamentos”, aseguran algúns.

Para Ángeles Romero, é normal que haxa referencias ás súas características organolépticas, aquelas que detectamos cos sentidos, como o sabor, o aspecto ou a textura.

“Os peixes salvaxes exercitan máis a súa musculatura, por iso a súa textura é máis firme”

ÁNGELES ROMERO, catedrática da USC

“Os peixes salvaxes están no medio natural, exercitan máis a súa musculatura, percorren máis distancias en condicións máis adversas, con correntes máis fortes, e isto explica que a textura sexa un pouco máis firme. Por outra banda, vai haber diferenzas no sabor pola cantidade e composición da graxa porque no peixe salvaxe a cantidade de graxa é moi variable segundo a estación mentres que no peixe de acuicultura é constante ao longo de todo o ano”, explica.

A catedrática da USC engade que ademais da súa alimentación, o estado sanitario destes peixes tamén é controlado, se é necesario, con medicamentos para tratar enfermidades. “Neste caso o que fan nas instalacións de acuicultura é respectar o tempo de espera para que estas substancias non estean presentes no produto final. De feito, diferentes estudos indican que case o 100% das mostras procedentes da acuicultura cumpría cos límites legais establecidos para este tipo de compostos. Tamén hai que ter en conta que a aparición dalgúns problemas de parasitos como o Anisakis que está presente no peixe salvaxe, é moi pouco probable no peixe de acuicultura”, afirma a científica do Campus de Lugo.

A loita contra os microplásticos, ao alcance de todos

E a detección de microplásticos no peixe e nos mariscos e as súas posibles consecuencias na saúde humana, é outra das cuestións relacionadas co consumo deste alimento. Sen que existan aínda estimacións fiables sobre a presenza global e o impacto destas partículas no medio mariño, a Axencia da ONU para a Alimentación e a Agricultura (FAO) demanda avances na investigación científica co obxectivo de definir solucións que protexan as persoas e o medio ambiente, se é necesario.

Ángeles Romero, catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos durante a entrevista con GCiencia.

“Só temos que dar un paseo pola praia e xa vemos os plásticos que atopamos. Diferentes estudos conclúen que están presentes en todo o peixe analizado, aínda que a cantidade e o tipo de plástico vai depender das especies. Existe un gran descoñecemento sobre como afectaría á nosa saúde. Hai que investigar máis. A FAO, por exemplo, considera que é un problema emerxente pero recoñece o que son as incógnitas dos posibles efectos na saúde do ser humano ante o descoñecemento de onde se depositarían os plásticos no noso organismo. Eu non crearía polo momento unha alerta sen ter os datos que demostren os efectos que realmente ten sobre a saúde”, indica.

Ángeles Romero recoméndanos eliminar as vísceras do peixe antes de consumilo pero, sobre todo e ao igual que a FAO, fai un chamamento urxente a mellorar a conciencia social sobre uso do plástico, en xeral.

“Hai que traballar sobre a educación ambiental para reducir as verteduras, non podemos pensar que ao mar, como é inmenso, podemos tiralo todo. Temos que reducir o consumo de plástico e, o que chegue ás nosas mans, reciclalo. As verteduras son un problema que nos vai a afectar a todas as persoas e que non se pode solucionar dun día para outro. É necesario tomar medidas ao respecto e facelo xa, de maneira inmediata, porque todo o que botamos ao mar volve a nós dunha maneira ou doutra e unha delas é a través do peixe”, lémbranos, para rematar, a catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da USC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.