Un estudo con selo galego atopa unha alternativa terapéutica á hepatite autoinmune

A doutora Indhira Pérez Medrano é coautora dun artigo que esclarece cal é a mellor forma de abordar o gromo inicial da enfermidade

Non está clara cal é a súa causa nin tampouco ten cura, polo que a medicación é a única forma de convivir coa enfermidade. A hepatite autoinmune, considerada unha doenza rara, ten unha alta incidencia na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, con 80 pacientes en seguimento. O elevado número de doentes insta aos profesionais sanitarios da zona a buscar mellores alternativas terapéuticas. Un exemplo disto é a hepatóloga Indhira Pérez Medrano, do Servizo de Dixestivo do Hospital de Montecelo, que acaba de participar nun estudo publicado na revista Hepatology. Os resultados da investigación corroboran que o medicamento budenosida é unha alternativa eficaz e con menos efectos secundarios que a prednisona, ata o de agora o fármaco de uso máis xeneralizado para tratar a hepatite autoinmune.

Esta doenza maniféstase a través dunha sintomatoloxía variada, que pode empezar por cansazo e derivar en ictericia, así como por alteracións nas analíticas hepáticas. Afecta principalmente a mulleres e adoita cursar con períodos de gromo e remisión. Para lograr isto último, os pacientes deben recorrer aos corticoides. O que se usa máis habitualmente é a prednisona, pero ten moitos efectos secundarios que poden empeorar a calidade de vida dos pacientes. A última guía médica da hepatite autoinmune recomendaba o uso da budenosida como alternativa terapéutica, por ser igual de eficaz e máis segura que o medicamento estándar. Con todo, faltaba investigación e non había suficientes evidencias científicas que o demostrasen.

Publicidade

O novo tratamento recoméndase para pacientes con gromos leves ou moderados

Por iso, un grupo de médicos de varios centros hospitalarios e de investigación de España decidiron estudar estes dous tipos de corticoides e comparalos a través dunha revisión retrospectiva dende 2010 a 2021. Entre o equipo que participou no estudo está Pérez Medrano, que figura como terceira autora. “Demostramos que a budenosida pode ser tan eficaz como a prednisona e, ademais, presenta menos efectos secundarios. Pero para alguén que teña moita actividade da enfermidade, cun gromo moi forte, pode ser insuficiente”, matiza a doutora, tamén vinculada ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS). Polo tanto, para pacientes leves ou con alteracións moderadas das analíticas, o máis recomendable é o uso da budenosida. Porén, para pacientes máis graves nos que incluso se pode requirir ingreso, é preferible seguir usando a prednisona.

Unha doenza pouco estudada

“O manexo da hepatite autoinmune apenas cambiou nos últimos 40 anos. Das enfermidades autoinmunes hepáticas, é á que menos atención se lle prestou”, asegura a hepatóloga. Fala, por exemplo, doutras doenzas vinculadas á súa especialidade, como poden ser a hepatite C, para a que xa existe unha cura, ou incluso a hepatite B, para a que se está buscando activamente a remisión completa da enfermidade. Tamén se conseguiron avances en fígado graxo, pero non na hepatite autoinmune. “É unha doenza rara e é complicado facer ensaios clínicos”, recoñece a doutora do Hospital de Montecelo. Por iso, a realización de estudos como o que se acaba de publicar na revista Hepatology abren un camiño de esperanza para os doentes, ao ofrecer novas formas terapéuticas coas que abordar a enfermidade da forma máis individualizada e precisa posible.

Publicidade

A doenza afecta especialmente a mulleres novas

O importante de avanzar na busca de novos tratamentos para a hepatite autoinmune baséase, principalmente, en que a día de hoxe non existe unha cura para esta doenza. “É unha enfermidade crónica que se controla con medicación ata que non volves ter gromos e se consegue unha remisión cunha analítica normal”, apunta Pérez Medrano. De feito, as guías recomendan que se un paciente mantén o resultado durante tres anos e segue respondendo ben ao tratamento, incluso se pode chegar a suspender a medicación. “Pode acontecer, pero a gran maioría recae. Cando volves facer un seguimento, detectas un repunte das transaminasas. É dicir, xa se atopan alteracións na bioquímica hepática”, detalla a terceira autora do artigo.

A enfermidade afecta especialmente a mulleres novas e tamén pode presentarse en nenos. Pérez Medrano afirma que se produce un pico durante a adolescencia, entre os 30 e os 45 anos e tamén a partir dos 75. “É un patrón semellante ás enfermidades inflamatorias intestinais. Hai homes afectados, pero son doenzas que prevalecen nas mulleres”, indica a doutora. Ademais, a súa sintomatoloxía é inespecífica, polo que ás veces non é doado diagnosticar a enfermidade. A pista principal son as alteracións da analítica hepática e o descarte doutras doenzas que poidan provocar os mesmos síntomas ou os mesmos cambios fisiolóxicos. O diagnóstico, di Pérez Medrano, confírmase finalmente cunha analítica hepática, que derivará en anunciarlle ao paciente que ten unha doenza crónica. Ata o de agora. Talvez con máis avances en tratamentos, aconteza o mesmo ca hepatite C: a cura estea cada vez máis preto.


Referencia: Budesonide as first-line treatment in patients with autoimmune hepatitis seems inferior to standard predniso(lo)ne administration (Publicado en Hepatology)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha nova ferramenta de IA analiza a microbiota da poboación galega para anticipar enfermidades

Dous investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur crean un novo índice para identificar zonas de actuación prioritaria e apoiar a toma de decisións sanitarias

Ramón Bataller, hepatólogo: “Cada vez que un menor bebe alcol hai un adulto que o fixo posible”

O xefe de Servizo de Hepatoloxía no Hospital Clínic de Barcelona asegura que "non hai un nivel seguro e o consumo diario non é bo para a saúde"

Investigadores galegos identifican unha proteína clave para diagnósticos de saúde mental

Unha tese do IDIS e o IISGS analiza a hormona IGF-2 como posible biomarcador da esquizofrenia, a depresión e o trastorno bipolar

Unha firma galega mobiliza 1,84 millóns para investigar doenzas inflamatorias intestinais

A Axencia Estatal de Investigación selecciona a iniciativa dunha biotecnolóxica galega para buscar novas vías contra a colite ulcerosa e a enfermidade de Crohn