Galicia rexistra dous casos de lepra ante a repunta da enfermidade en todo o mundo

A pandemia de SARS-CoV-2 retrasou o diagnóstico da doenza e deixa un total de 19 pacientes en tratamento en España

Os casos de lepra están aumentando en todo o mundo e Galicia non é unha excepción. Hai dous pacientes a tratamento dos 19 que rexistra España, que está a experimentar unha repunta da doenza. Así o recolle o último informe de vixilancia epidemiolóxica do Instituto de Saúde Carlos III de Madrid, que recoñece “o lixeiro ascenso de casos novos”, tanto autóctonos como importados, dos últimos cinco anos. A Fundación Fontilles, unha entidade referente na loita contra a enfermidade, asegura que a detección de casos sufriu un incremento do 10% debido á redución da vixilancia durante a pandemia de covid.

España non é o único país que está a experimentar un aumento de casos, senón que forma parte dos 143 estados que vixía a Organización Mundial da Saúde (OMS). En 2021, último ano do que se teñen rexistros, notificáronse 140.594 novos casos que contrastran cos 128.405 de 2020: 12.189 máis. Ademais, este incremento está afectando especialmente á poboación infantil e con discapacidades asociadas. Estes datos poñen de manifesto que estamos moi lonxe aínda de cumprir os obxectivos establecidos para 2030, que esperaban reducir no 70% o número anual de casos detectados, entre outras medidas.

Publicidade

En 2021 notificáronse 12.000 casos máis que o ano anterior

Segundo informa a OMS, a lepra é unha enfermidade infecciosa crónica causada pola bacteria Mycobacterium leprae. A doenza maniféstase principalmente na pel, nos nervios periféricos e na mucosa do tracto respiratorio superior e nos ollos pero actualmente é unha enfermidade curable e o tratamento nas primeiras fases pode evitar a discapacidade. Segundo a Fundación Fontilles, a OMS facilita gratuitamente dúas pastillas diarias que deben administrarse durante un ano —seis meses nos casos menos graves— e que serven para eliminar definitivamente a bacteria.

Impacto da covid-19

A hipótese que colle máis forza para explicar este aumento de casos é a do impacto da covid-19 na detección de novos doentes. Unha tese que non só defende a Fundación Fontilles, senón tamén o catedrático de Microbioloxía da Universidade de Salamanca Raúl Rivas nun artigo publicado este luns en The Conversation. “É posible que o afloramento inusual se debe ao aumento de casos non detectados a raíz dos confinamentos levados a cabo para combater a pandemia de covid 19”, recolle o experto, facendo fincapé no grave impacto que tivo o SARS-CoV-2 na saúde mundial e na suspensión de moitos servizos regulares de saúde.

Publicidade

Rivas considera que o tratamento actualmente dispoñible para tratar a enfermidade é moi esperanzados, tendo en conta que antes da súa administración os pacientes sufrían desfiguracións visibles e aparentes, ademais do forte impacto psicolóxico. Porén, o microbiólogo considera que queda moito camiño por percorrer. E non só no que se refire á detección e prevención da enfermidade, senón tamén a como miramos a quen a padece. “Non olvidemos que o prexuízo e a discriminación contra as persoas que padecen lepra supón unha violación dos dereitos humanos”, conclúe Rivas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As mulleres están máis satisfeitas coas súas vidas, pero senten máis emocións negativas no seu día a día

As persoas que cren que gozan de boa saúde adoitan valorar mellor a súa vida, pero tamén importa dispoñer de tempo libre e poder desfrutalo. Por Rebeca de Juan Díaz e José Atilano Pena López

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta

Vacinas nasais: unha nova e prometedora vía para frear a transmisión dos virus respiratorios

A modalidade xera unha defensa intensa nas vías respiratorias superiores ao administrarse o aerosol ou as gotas directamente sobre a mucosa do nariz

Como de sostibles son os bioplásticos?

Trátase dunha nova alternativa aos plásticos convencionais, fabricados con menos enerxía e biodegradables mediante compostaxe