Xoves 28 Marzo 2024

A Xunta preme o botón das declaracións ambientais: 60 eólicos despachados nunha semana

A Consellería de Medio Ambiente publica 11 informes no último día de prazo e deixa fóra outros 20 por falta de tempo

A Xunta acaba de facer un sprint. O seu ritmo acelerado só responde a un obxectivo: chegar con folgos ao 25 de xaneiro. Nesta data, fixada polo Goberno central, caducan os permisos de acceso e conexión á rede de 140 proxectos de parques eólicos pendentes de declaración de impacto ambiental en Galicia. Hai unha semana, o número de informes tramitados era de tan só 64. A presión dos prazos legais fixo que a Consellería de Medio Ambiente acelerase o máximo posible o proceso e este martes, último día para a presentación de informes, consegue sacar adiante 120 declaracións ambientais. A celeridade da Xunta fixo que entrasen a trámite, en tan só unha semana, case 60 proxectos eólicos: a metade do que se conseguiu durante meses.

“A situación é bastante lamentable. Sempre que se aceleran as tramitacións ambientais con calquera excusa, ben sexa crise enerxética ou polas queixas dos promotores, a que sae perdendo é a calidade desa avaliación ambiental”, denuncia o investigador do CSIC Serafín González, tamén presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). O experto asegura que este tipo de procedementos administrativos son “papel mollado” e lamenta que en Galicia os trámites ambientais de información pública “rara vez” sirvan para algo. “Calquera proxecto de parque eólico suma documentación con varios centos de páxinas. Depende de cada un, pero poden ir das 500 ás 1.000. Para revisar toda esa información fai falla tempo. Outra cousa é que decidamos tirar para adiante e xa está”, engade González, criticando a rapidez coa que a Xunta tramitou máis da metade das declaracións ambientais pendentes.

Publicidade

Case 80 favorables

No que respecta ao contido dos informes, as cifras tampouco volven estar equilibradas: 77 proxectos conseguen o visto bo fronte a 43 considerados “desfavorables”. Pero máis alá das cifras, o quid da cuestión está en cantos deses parques son fragmentacións doutro de maior tamaño. Así o expresa González, facendo fincapé en que moitos dos informes falan de fases dun mesmo proxecto e non dunha infraestrutura nova. “Uns están enganchados noutros, de forma conxunta e con efectos sinérxicos e acumulativos. Vanse mirando un a un pero non se fai unha avaliación xenérica“, engade o presidente da SGHN, comparando a situación dos eólicos coa das macrogranxas da Limia. “Temos un problema moi serio coas avaliacións de impacto ambiental. Non se está a cumprir cos obxectivos cos que se creou”, insiste González. O investigador do CSIC tamén reflexiona: “A enerxía eólica é necesaria e limpa? Si, pero depende de onde se poña”.

“A enerxía eólica é barata e limpa? Si, pero depende de onde se poña”

SERAFÍN GONZÁLEZ, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)

A Xunta defende que fixo un esforzo titánico para sacar adiante os informes pendentes e aduce que a rapidez nos trámites se debeu aos prazos limitados. Así o expoñía o goberno autonómico nunha nota de prensa publicada a semana pasada. Este martes, último día de prazo, 20 proxectos decaeron dun total de 140 pero a Xunta abre unha nova vía para eles. “Continuarase coa tramitación daqueles parques que perdan o permiso de acceso e conexión, aínda que non se poderá autorizar o proxecto mentres non se obteñan estes permisos”, indicaban fontes da consellería. De igual maneira, a Xunta criticou os prazos fixados “de forma unilateral” polo Goberno central e lamentou que durante todo o procedemento aparecesen outras trabas, como os atrasos á hora de contestar os requirimentos e os erros na documentación presentada. Estes son os argumentos que emprega a Xunta para xustificar que non se tramitasen todas as declaracións ambientais pendentes.

Os 77 proxectos que conseguiron o visto bo están agora pendentes da obtención da autorización administrativa previa e de construción. González cualifica esta situación de “moi preocupante” e asegura que a única alternativa é acudir aos tribunais. “Fan falla moitos recursos económicos e de tempo pero a administración autonómica non está a supervisar, vixiar nin defender o patrimonio natural de Galicia”, asegura o investigador do CSIC. Tamén denuncia que a Xunta continúe amparándose nun plan eólico desactualizado e de finais dos anos 90, antes de que saísen moitas normativas e iniciativas, como a Rede Natura, que buscan a protección do medio ambiente. González, que formaba parte da comisión de traballo do plan, asegura que os membros non contaban con toda a documentación requirida. “Ese é o motivo polo que avaliamos parque por parque, só os fragmentos, e logo pasa o que pasa”, conclúe o presidente da SGHN.

O conflito eólico tamén está de actualidade polo Real Decreto 20/2022, que entrou en vigor a finais de 2022, e que elimina durante dous anos a necesidade de someter a avaliación ambiental os proxectos de enerxias renovables. Esta medida, que se toma de forma “excepcional e transitoria” ante a crise enerxética, é duramente criticada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega). O colectivo ecoloxista denuncia que a norma xa non establece límite de potencia e deixa desprotexidos algúns espazos de alto valor ambiental. “O goberno español entrega o 88% do territorio galego á especulación eólica”, critican dende Adega, dado que Galicia só conta cun 12% da súa superficie protexida pola Rede Natura 2000; unha cifra afastada do 27% da media estatal.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas

O Goberno reúne datos de Xunta e concellos para exixir indemnización polos 'pellets'

O executivo central solicitará unha compensación polos servizos de Salvamento Marítimo durante o episodio de contaminación mariña

Comesaña: "O Centro de Protonterapia tratará pacientes de cancro en 2025"

O conselleiro de Sanidade fala da situación da sanidade galega e dos novos proxectos de terapias oncolóxicas