O poboado de Santa Trega recupera a súa porta norte

Por primeira vez, o visitante dispón dunha imaxe moi aproximada de como era o acceso aos castros durante a Idade do Ferro

Os traballos arqueolóxicos levados a cabo desde decembro na entrada norte do poboado de Santa Trega remataron coa restauración da zona. “Son os primeiros traballos nos que se fai unha reconstrución completa da porta dun poboado castrexo. Desde agora o visitante dispón dunha imaxe moi aproximada de como era o acceso aos castros durante a Idade do Ferro”, explica Brais X. Currás, investigador do Instituto de Historia do CSIC.

A porta foi escavada entre os anos 1910 e 1920 pola Sociedade Pro Monte guardesa co asesoramento do arqueólogo Ignacio Calvo. Anos máis tarde, Cayetano de Mergelina rexistrou planimetricamente aqueles traballos. 

Publicidade

“O dintel apareceu caído in situ, ao pé da porta. Aí permaneceu durante case un século, esperando á súa restitución ao lugar orixinal. As xambas da porta, en cambio, están desaparecidas, pero a soleira conserva as marcas onde ían asentadas. A reconstrución, agora, da porta norte do poboado implicou unha gran complexidade técnica. Os traballos consistiron na reconstrución parcial da muralla e a restitución do dintel. Para iso, empregáronse exclusivamente medios manuais, coa axuda de cinchas de amarre e poleas, evitando utilizar maquinaria. As xambas, que están perdidas, substituíronse por reproducións e colocáronse no lugar orixinal”, di Brais X. Currás.

“Restituíuse parcialmente a muralla e o dintel”

BRAIS X. CURRÁS, investigador do CSIC

Durante a Idade do Ferro e ata a chegada de Roma, a paisaxe estaba formada por unha sucesión de aldeas fortificadas, opostas e enfrontadas entre si: os castros. Todos estes poboados estaban cercados por unha muralla que simbolizaba ese enfrontamento, representando a identidade de cada comunidade castrexa fronte ás demais e garantindo ademais a seguridade do grupo. Por iso as murallas, os foxos e as estruturas de acceso, son os elementos máis visibles dos castros e aqueles nos que se investiu máis traballo e se puxo máis coidado.

Publicidade

A porta norte do castro de Santa Trega destaca dentro da arqueoloxía castrexa pola súa excepcional conservación. Unha longa escaleira de pedra, flanqueada entre muros, ascende a ladeira ata a porta que vixía o paso ao interior do poboado. Todo un complexo deseño arquitectónico pensado para que quen entrase tivese que atravesar este pasadizo e non puidese ver o interior do poboado. O sistema de acceso ao castro ten así un importante compoñente escénico e exerce un control físico sobre as persoas que acceden ao poboado. A muralla e a porta son un símbolo de poder. Son a principal expresión da comunidade que habita o castro e o modo en que se presentan cara ao exterior, cara aos outros castros. 

A importancia dos traballos realizados na porta radica en que, por primeira vez, o visitante dispón dunha imaxe moi aproximada de como era o acceso aos castros durante a Idade do Ferro.  

Divulgación do patrimonio arqueolóxico  

A actuación foi levada a cabo pola empresa Terra Arqueos baixo a dirección de Miguel Ángel López Marcos, restaurador con ampla experiencia neste tipo de actuacións. Enmárcase no proxecto Trega 2000+5, que se basea na colaboración entre o grupo de investigación Estrutura Social e Territorio – Arqueoloxía da Paisaxe (EST-AP) do Instituto de Historia do CSIC e o Concello da Guarda, e ten como obxectivo desenvolver o potencial patrimonial, social, cultural e científico do castro do Trega a través dunha actuación integral. 

Este proxecto desenvólvese ao redor de tres eixos: recuperar e consolidar os sectores do castro escavados entre 1910 e 1930, manter de forma sostida no tempo o conxunto das estruturas escavadas e expostas ao público e investigar e afondar no coñecemento arqueolóxico do Trega coa finalidade de crear novos contidos destinados á divulgación e ao incremento da valorización do patrimonio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Alfredo G. Ruibal, arqueólogo: “Cando escavamos chabolas e campos de concentración sempre atopamos dignidade”

O galego publica 'País en ruínas', un libro no que reconstrúe a historia do franquismo a través dos obxectos máis singulares que atopou ao longo de case dúas décadas de traxectoria

A apaixonante historia do Casco de Leiro, a xoia prehistórica que atopou un veciño de Rianxo hai 50 anos

Décadas despois do seu descubrimento, a peza de ouro aínda mantén varias incógnitas sobre a súa orixe e funcionalidade

O longo periplo de mosaicos e torques: un estudo reconstrúe as viaxes dos bens culturais fóra de Galicia

A tese de Erea Castro Alfonso analiza o papel do numismático tudense Ricardo Blanco-Cicerón no movemento de patrimonio artístico e histórico

Blanca Landa, experta en covid das plantas: “Adestramos cans que xa detectan vexetais infectados”

A investigadora do CSIC coordina un proxecto europeo para mitigar o impacto de 'Xylella fastidiosa', unha bacteria capaz de afectar máis de 700 especies