Venres 6 Decembro 2024

Os xigantes eólicos volven achegarse ao último glaciar de Galicia

Mobilización cidadá fronte ao proxecto dun parque con 31 aeroxeradores de 120 metros de altura na Serra do Eixe, no Macizo de Trevinca

É a cuarta vez en 20 anos que se activa a resposta cidadá para frear a instalación de parques eólicos no macizo de Trevinca, a cima de Galicia e o último reduto do glaciarismo no que hoxe é territorio galego, ademais de fogar de numerosas especies ameazadas. Nesta nova vaga, impulsada pola transición cara a enerxías menos contaminantes, o potencial eólico de Galicia está sendo obxecto de interese de diversas compañías do sector. Os novos aeroxeradores son máis eficientes na obtención de enerxía do vento, mais tamén incrementaron o seu tamaño: de saír adiante os parques proxectados en Trevinca ou nos Ancares, nestas paisaxes de montaña o horizonte encherase de muíños de 158 de diámetro de rotor e 120 metros de altura ata ese punto; máis altos có edificio máis alto de Galicia, a Torre Hercón da Coruña.

“Aquí, non”, é a mensaxe que máis de 100 organizacións impulsaron ao longo da Cordilleira Cantábrica, fronte á proliferación dos proxectos eólicos, e que desde a aldea de Vilanova, na Veiga fai súa Antonio Fernández, Cholo, presidente do Club de Montañismo Montañas de Trevinca. “Non estamos en contra, faltaría máis, das enerxías renovables, pero cremos que este non é o lugar”, expón Fernández, autor dun manifesto que, que en menos de 10 días acadou preto de 4000 sinaturas e impulsou o nacemento da plataforma Salvemos Trevinca.

Publicidade

No texto advírtese dos anteriores intentos para instalar aeroxeradores na Serra do Eixe, “un dos catro brazos, o único enteiramente no territorio galego, do impoñente conxunto das Montañas de Trevinca”, que culminan no punto máis alto de Galicia. Enclaves como a crista glaciar do Lombo do Roncín, Pena Redonda, o pico Maluro ou os vales glaciares do río Meladas e o Foxo Castaño xa estiveron preto de converterse en puntos para a explotación eólica. O Macizo de Trevinca, a pesar do notable impacto das próximas canteiras de lousa de Casaio ou La Baña, mantense como unha das zonas mellor conservadas da paisaxe galega.

Situación dos aeroxeradores eólicos do parque de Prada. Fonte: Statkraft/Taxus/Miteco.
Situación dos aeroxeradores eólicos do parque de Prada. Fonte: Statkraft/Taxus/Miteco.

O proxecto de Trevinca, co nome de Prada, está impulsado por Statkraft, unha empresa propiedade do Goberno de Noruega que tamén tramita os parques Rebordechao (no Macizo Central de Ourense) e de Barjas (a só 200 metros da Zona de Especial Conservación dos Ancares-Courel), outras dúas iniciativas que tamén están xerando unha importante resposta cidadá pola súa proximidade a zonas protexidas.

Publicidade

O de Prada é o máis grande dos máis de 30 parques que se atopan en diferentes fases de tramitación en Galicia. A través da sociedade Desarrollos Renovables Iberia Delta, preténdese construír 31 aeroxeradores de grandes dimensións, cunha potencia total de 170,5 MW, ao longo da Serra do Eixe, desde as inmediacións da aldea de Santoalla do Monte (Petín) ata preto de Soutadoiro (Carballeda de Valdeorras). A pouca distancia atópase o pico Maluro, onde se localizan algúns dos exemplos máis claros do glaciarismo en Galicia, con “algunhas das morenas máis altas” do país, segundo destaca o xeógrafo Augusto Pérez Alberti. Toda a zona recolle, en forma de morenas, circos e numerosas lagoas de orixe glaciar tanto na parte galega como na parte zamorana de Sanabria, un dos mellores exemplos de paisaxes glaciarias do noroeste da península ibérica. No último máximo glaciar, na zona de Trevinca e en vales como os dos ríos Xares ou Bibei, os glaciares chegaron a acadar 30 quilómetros de lonxitude e 500 metros de espesor.

 A aguia real, en perigo de extinción

Para avaliar o impacto ambiental do parque, Statkraft presentou no documento a análise dos diversos factores que poderían verse afectados pola construción, explotación e desmantelamento da obra. Ademais do impacto durante as obras na xeoloxía, xeomorfoloxía e edafoloxía, do territorio afectado e tamén da súa vexetación, recoñécese como “moderado” o impacto para a fauna e a paisaxe durante a fase de explotación do mesmo, polo que expón a necesidade de tomar medidas correctoras.

Un dos principais motivos para o rexeitamento dos colectivos que se posicionan contra o parque é a presenza na área de Trevinca de entre 5 e 7 parellas de aguia real (Aquila chrysaetos), unha especie considerada en perigo de extinción na península ibérica, e da que quedan arredor dunha decena de parellas en Galicia. A propia empresa recoñece que será preciso adaptar o proxecto á presenza desta ave, xa que ademais do risco coas pas dos aeroxeradores, 16 dos 30 quilómetros da liña de alta tensión coa que se transporta a enerxía obtida están proxectados na zona de protección de avifauna.

Ademais destácase a existencia doutra especie en perigo de extinción: a toupa de río ou desmán ibérico (Galemys pyrenaicus), e animais en situación vulnerable, como varias especies de morcegos, aves como a tartaraña cincenta (Circus pygarus), ou a gatafornela (Circus cyaneus), anfibios e réptiles.

Alén destes animais, tal e como expón Pérez Alberti, a instalación destes parques achégase a zonas de importante interese botánico e xeomorfolóxico. Neste sentido, lembra o impacto xerado por estas mesmas instalacións eólicas en paraxes como as turbeiras da serra do Xistral, unha das áreas de Galicia con maior presenza de aeroxeradores.

Maior protección

Para Antonio Fernández, o novo proxecto eólico chega mentres segue pendente unha vella reclamación, o recoñecemento de Trevinca como parque natural. Tanto aquí como no Macizo Central púxose en marcha en 2007 o proceso para a súa declaración con esta figura de protección, pero os proxectos ficaron paralizados pola Xunta de Galicia desde o cambio de goberno en 2009.

Fronte ao nivel de protección do parque natural de Sanabria, xa en Castilla y León, que chega ata a fronteira en Pena Trevinca, a parte galega mantén a figura de zona de especial conservación (ZEC), unhas 24.900 hectáreas entre A Veiga, Carballeda de Valdeorras, Viana do Bolo, O Bolo e Manzaneda. Existe tamén, practicamente nunha área idéntica á da ZEC, a Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA).

Nesta situación, desde o colectivo Salvemos Trevinca chaman a “repensar a política ambiental” en Galicia. “O negocio da natureza é para sempre, se a deixamos estar. As paisaxes de Trevinca seguirán aí para que nós e os que veñan detrás poidamos desfrutar delas, e non podemos estragalas con estes proxectos, que en 20 anos se converterán en chatarra”, reflexiona Antonio Fernández.

Nos últimos meses, coa proliferación de novas solicitudes de parques eólicos, son numerosos os colectivos cidadáns que se opoñen a proxectos que nalgúns casos poderían xerar un notable impacto na vida cotiá das persoas, na paisaxe e nos ecosistemas destas zonas. Nalgúns casos, os proxectos acaban sendo anulados nos tribunais por cuestións ambientais, como aconteceu recentemente co proxecto da Serra do Oribio.

Algunhas entidades académicas, como o Observatorio Eólico de Galicia (OEGA), cualifican de “boom” a fervenza de tramitacións de proxectos eólicos no territorio. Baixo estas liñas pode verse como quedaría o mapa en Galicia de saír adiante os parques xa en explotación, en fase de tramitación ou as novas solicitudes que están sendo analizados pola Xunta de Galicia. Non inclúen os tres impulsados por Statkraft nas montañas orientais, xa que superan os 50 MW e requiren de autorización por parte doo Ministerio de Transición Ecolóxica.

Fonte: Rexistro Eólico da Xunta de Galicia,
Fonte: Rexistro Eólico da Xunta de Galicia,

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Internet e redes en menores: as razóns dos especialistas galegos para a prohibición

Os expertos alertan dos riscos e consecuencias que ten para a rapazada a utilización excesiva e sen supervisión dos dispositivos móbiles

Rula, choia, paíño… Os 600 nomes de aves en galego que atoparás nesta ferramenta dixital

A RAG estrea unha plataforma para realizar procuras pola denominación, o nome científico ou a familia á que pertence cada especie

Tecnoloxía inclusiva galega: premiada unha aplicación para previr a atrofia muscular

O CITIC celebrou esta semana un encontro europeo no que tamén galardoou o deseño adaptado dunha cesta da compra para cadeira de rodas

Un estudo galego revela o papel clave dos adultos na repoboación do percebe

O 90% dos ocos deixados nas rochas polos mariscadores inician a súa recuperación en menos de seis meses cando se deixan grandes exemplares