Galicia ten nova Reserva da Biosfera: Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel

A Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel xa é, oficialmente, a sétima reserva da biosfera de Galicia. Converterase na segunda máis grande do país (despois da das Terras do Miño), cunha superficie total de 306.534,77 hectáreas que se estende polos canóns do Sil e Miño, entre 23 concellos (18 da provincia de Lugo e 5 da de Ourense) cunha poboación total de máis de 75.000 habitantes. Así o proclamou hoxe o Consello Internacional de Coordinación do Programa Man and the Biosphere (MaB) da Unesco, anunciando os novos territorios recoñecidos baixo esta figura internacional, que procura reconciliar a diversidade biolóxica e cultural co desenvolvemento económico e social dos territorios.

Tras a proclamación hoxe por parte da Unesco, o territorio da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel intégrase oficialmente na Rede Mundial de Reservas da Biosfera e súmase aos outros seis que contaban xa en Galicia con este recoñecemento: Terras do Miño; Área de Allariz; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; Transfronteiriza Gerês-Xurés; e Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo.

Publicidade

Durante a súa intervención por videoconferencia para defender a candidatura ante o órgano reitor do MaB, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou a importancia desta decisión tanto para os 23 municipios incluídos na mesma como para o conxunto de Galicia. Vázquez lembrou que coa incorporación da sétima reserva da biosfera, a superficie que conta en Galicia con este recoñecemento internacional increméntase ata chegar a case o 35% de todo o territorio; pero tamén suporá que o 42% da Comunidade quede amparado baixo algunha figura de protección.

Culmina deste xeito o camiño impulsado a finais do ano 2017 e que se concretou a comezos do ano 2019 nunha primeira proposta, elaborada coa colaboración do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago de Compostela e da Fundación Juana de Vega. Deste xeito, a nova reserva abranguerá os concellos lucenses da Pobra do Brollón, Bóveda, Carballedo, Chantada, Folgoso do Courel, Monforte de Lemos, O Incio, O Saviñao, Paradela, Pantón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Sarria, Sober, Taboada e Triacastela e os ourensáns da Teixeira, A Peroxa, Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín e Parada de Sil.

Publicidade

 

Lagoa glaciar de Lucenza, (O Courel). Foto: turismo.ribeirasacra.org.
Lagoa glaciar de Lucenza, (O Courel). Foto: turismo.ribeirasacra.org.

Despois dun longo proceso de participación pública e unha vez superado o trámite ante o Comité Español do Programa MaB, que en novembro de 2020 avalou a candidatura por unanimidade e decidiu seguir adiante coa súa tramitación, a proposta para declarar reserva da biosfera a Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel chegou a mans do órgano consultivo internacional da Unesco hai uns meses, que emitiu un informe favorable no que, ademais, felicitaba aos promotores polo traballo realizado e a “excelente” calidade do proxecto.

A declaración oficial da nova reserva da biosfera por parte do Consello Internacional de Coordinación do Programa MaB entrará en vigor tras a súa publicación no Boletín Oficial do Estado, ao tratarse dun instrumento internacional de protección.

4 COMENTÁRIOS

  1. GUSTARÍAME SABER QUE DE POSITIVO CONLEVAN ESTAS DECLARACIÓNS RIMBOMBANTES A EFECTOS PRÁCTICOS ?
    VAN IMPEDIR A DESPOBOACIÓN ?
    VAN RESOLVER AS DIFICULTADES QUE TEÑEN OS VECIÑOS CO XABARÍN E CO LOBO .?
    VAN EN DEFINITIVA MELLORAR A VIDA DOS VECIÑOS?
    CONLEVAN INVERSIÓNS EXTRAORDINARIAS POR PARTE DA UNIÓN EUROPEA ?

  2. GUSTARÍAME SABER QUE DE POSITIVO CONLEVAN ESTAS DECLARACIÓNS RIMBOMBANTES A EFECTOS PRÁCTICOS ?
    VAN IMPEDIR A DESPOBOACIÓN ?
    VAN RESOLVER AS DIFICULTADES QUE TEÑEN OS VECIÑOS CO XABARÍN E CO LOBO .?
    VAN EN DEFINITIVA MELLORAR A VIDA DOS VECIÑOS?
    CONLEVAN INVERSIÓNS EXTRAORDINARIAS POR PARTE DA UNIÓN EUROPEA ?

    • Supoño que todo o que non fagamos nós, tampouco o van facer “outros” !

      Bótalle un ollo a esta Plan de Recuperación de Galicia que durme no caixón da Conselleira e dime qué che parece?
      https://i.gal/gam25

      Saúde

  3. Non sei se felicitarnos ou darnos o pésame…? Esta figura de “protección” evitará a instalación de muiños de vento en tódalas serras de Galicia ? En caso de que fose así, igual a ministra Teresa Ribera ten outras ideas para Galicia ?
    Logo de baleirar os nosos encoros por e-mail calquera parece posible no mundo da “nova anormalidade” ?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un proxecto galego producirá mexilla mellorada en criadeiro para combater a falta de semente silvestre

O sector do mexillón galego é responsable de preto da metade da produción que abastece a Unión Europea