Un equipo da Universidade Rockefeller de Nova York filmou, en reiteradas ocasións, como un polbo macho espertaba violentamente e exhibía comportamentos extraños, como se tivese pesadelos ou sufrise un trastorno do sono. Malia que esa é unha das hipóteses que barallan, non é a única, posto que os científicos admiten a pouca información que se ten sobre cefalópodos en xeral e os polbos en particular.
Segundo aparece no vídeo, o polbo chamado Costello parecía durmir pracidamente nun dos tanques de auga do laboratorio ata que, de repente, comezou a axitar os seus tentáculos. Nunha das veces que foi filmado, o animal disparou un chorro de tinta negra á auga, un mecanismo de defensa contra os depredadores. “Foi realmente extraño porque parecía ter dor. Despois ergueuse como se nada pasara”, apunta Eric Ángel Ramos, investigador posdoutoral da Universidade de Vermont que axudou a filmar o polbo.
Pese a todo, os científicos non extraen ningunha conclusión clara. No estudo publicado no servidor bioRxiv, que aínda non foi revisado por pares, barállase que o animal estivera respondendo a un recordo episodio negativo ou mostrando unha forma de parasomnia, é dicir, un trastorno do sono. De todos modos, hai pouca evidencia científica sobre a neurociencia do sono dos cefalópodos e, incluso, aínda que poidan soñar, poden facelo de forma diferente aos humanos.
De feito, os investigadores cren que puido haber algún outro estímulo externo, máis alá do sono, que motivase este violento comportamento. Ou, incluso, que xa comezase a mostrar signos de senescencia, que é a etapa anterior á morte, cando os polbos comezan a descompoñerse. É máis, a especie á que pertence Costello vive entre 12 e 18 meses e o polbo morreu pouco despois destes incidentes.