Unha variedade de rosa única no mundo, a un paso de converterse en perfume

Unha empresa vinculada á Misión Biolóxica de Galicia asina un acordo coa firma suíza Givaudan para estudar as posibilidades cosméticas da Rosa Narcea

A Rosa Narcea, unha variedade antiga cultivada no suroeste de Asturias, é única do mundo. A investigadora Carmen Martínez, da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), impulsou a súa recuperación conseguindo todo un fito científico: é a primeira variedade española de rosa cultivada antiga e a terceira do mundo con uso na industria do perfume. De feito, está atraendo o interese internacional. A firma suíza Givaudan acaba de asinar un acordo de colaboración con Aromas del Narcea —unha spin-off vinculada á MBG-CSIC— para estudar, en exclusividade, as posibilidades de explotación agraria da Rosa Narcea e o desenvolvemento de produtos de perfumería e cosmética.

Segundo trasladan dende Aromas del Narcea, xa colaboraron con Givaudan no estudo desta variedade de rosa en campañas anteriores. Informan, tamén, de que se están levando a cabo novos ensaios sobre o comportamento agronómico da rosa en distintas localizacións, todas elas dentro do val do río Cibea, en Asturias. Ademais, analizaranse as características de distintos tipos de extractos obtidos da Rosa Narcea a través de diferentes técnicas.

Publicidade

A empresa prevé ampliar as plantacións no val do río Cibea, unha das zonas con maior índice de despoboamento

A empresa Aromas del Narcea, que ten a súa explotación exclusiva, naceu no seo do Grupo VIOR (Viticultura, Olivo e Rosa) da MBG-CSIC. O equipo, fundado e dirixido por Martínez, logrou recuperar, seleccionar e reintroducir no mercado antiguas variedades de vide de Galicia e Asturias, así como variedades de olivo autóctono galego que eran descoñecidas ata o de agora. Xunto a estes fitos, súmanse as rosas cultivadas antigas, sendo a selección de Rosa Narcea o primeiro estudo neste ámbito.

Esta rosa, ademais, conta co máximo nivel de protección a nivel internacional, concedido pola Oficina Comunitaria de Variedades Vexetais o 20 de xuño de 2022. Así mesmo, e segundo informan dende a empresa, os datos xenéticos e botánicos permiten identificar esta variedade “sen a máis mínima dúbida”, aínda que se plante en calquera lugar do mundo, baixo distintas condicións de cultivo, facilitando así o control por parte das autoridades competentes de cada país e controlando calquera uso fraudulento.

Publicidade

Finalmente, Aromas del Narcea prevé ampliar as plantacións desta rosa no val do río Cibea, onde xa hai algunhas parcelas experimentais. A empresa, que controla a trazabilidade de cada planta, comprará posteriormente toda a produción de rosa aos agricultores implicados. Ademais, o campo de acción desta empresa céntrase no suroccidente asturiano, a zona con maior índice de despoboamento de España e unha das cinco rexións europeas con maior nivel de avellentamento da poboación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de conectado está o teu concello? Descúbreo con esta ferramenta interactiva

O mapa de Strado puntúa os barrios europeos en función da súa accesibilidade a servizos da vida diaria e social

Yolanda Prezado: “O Centro de Protonterapia situará Galicia nunha situación privilexiada para investigar”

A física galega, premiada co Wonenburger 2026, consolidou a súa traxectoria en Francia e regresou en 2024 a Galicia para crear escola no eido da radiobioloxía

Unha recreación en 3D recupera a desaparecida casa de baños La Concha de Arosa

O CIAG crea unha visualización dixital dun edificio de finais do XIX que funcionou como polo turístico e centro do lecer aristocrático da época ata o seu peche tras a Guerra Civil

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión