Un equipo da USC busca terapias para as enfermidades propias do envellecemento

O obxectivo é estudar as modificacións químicas do ARN asociadas ás patoloxías da idade e tentar revertelas co uso de fármacos

O estudo das modificacións químicas dos ARNs, presentes en todos os organismos, é esencial para avanzar no coñecemento das enfermidades asociadas ao envellecemento (síndrome metabólico, problemas cardiovasculares, deterioración neuro-cognitiva etc.). Agora, un equipo do CiMUS da USC liderado por Diana Guallar, acaba de conseguir financiamento para examinar os ARNs cuxas modificacións son alteradas co envellecemento e explorar a modulación farmacolóxica destas marcas reversibles como unha nova terapia para mellorar a calidade de vida durante esta etapa. A investigación está asegurada durante tres anos grazas a unha das máis competitivas bolsas que se conceden no panorama científico nacional, as da Fundación Ramón Areces.

O traballo do CiMUS foi un dos 19 recoñecidos en toda España na última convocatoria do concurso de Axudas á Investigación en Ciencias da Vida e da Materia. En total, a entidade destina preto de 130.000€ a esta investigación galega sobre as modificacións químicas dos ARNs asociadas á lonxevidade. “Aínda que en estudos recentes a regulación destas marcas químicas reversibles veu relacionándose coa idade noutros organismos, debido á súa complexidade, en mamíferos non se coñece con exactitude o papel que xogan. E é aquí onde se nos abre un horizonte prometedor cara a novas terapias”, asegura Diana Guallar.

Publicidade

“Reescribir” o ARN para lograr un envellecemento saudable

Os ARNs modifícanse quimicamente (epitranscriptomicamente) en todos os organismos, desde os fermentos ata os humanos, e estas modificacións poden afectar a todas as etapas do metabolismo do ARN, desde a súa estabilidade ata a súa localización ou potencial de codificación de proteínas. Demostrouse que estas marcas desempeñan funcións clave no desenvolvemento embrionario, a adaptación ao estrés e as respostas inmunitarias innatas, entre outras. De feito, as modificacións de ARN están máis preto das nosas vidas do que podemos imaxinar, xa que un aspecto clave das vacinas de ARNm contra a COVID-19 foi a modificación química N1-metilpseudouridina (m1Ψ) nestes ARNs para aumentar a súa eficacia.

Debido ao continuo aumento da esperanza de vida nas sociedades occidentais, o envellecemento converteuse no maior factor de risco para a maioría das enfermidades humanas, como os trastornos cardiovasculares e metabólicos, o cancro e os procesos neurodexenerativos. A pesar de que a regulación epitranscriptómica está a empezar a ser asociada coa lonxevidade e o envellecemento en vermes e fermentos, en mamíferos non se coñece con exactitude o papel que xogan estas modificacións químicas do ARN. Por iso, “o proxecto que levamos a cabo desde o CiMUS propón examinar os ARNs cuxas modificacións son alteradas co envellecemento, e explorar a modulación farmacolóxica destas marcas reversibles como unha nova terapia para mellorar a calidade de vida durante o envellecemento”, sostén a investigadora.

Publicidade

Nova era de investigación en modificacións do ARN

Guallar admite que, a pesar da gran cantidade de estudos realizados ata a data sobre o envellecemento, “a súa complexidade intrínseca dificultou o desenvolvemento de estratexias clínicas exitosas para contrarrestalo. Dado que a metilación do ARN é reversible, propón “diseccionar a combinación mínima de moduladores epitranscriptómicos que poderían usarse para reverter as características do envellecemento. Inmersos nunha nova era de investigación sobre modificacións do ARN, este proxecto pretende dilucidar novos mecanismos subxacentes ao envellecemento, proporcionando novos biomarcadores e estratexias para abordar esta inevitable consecuencia da vida”, explica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da USC revela novas opcións terapéuticas do único fármaco contra a fibrose hepática

O descubrimento do CiMUS sobre o Resmetiron permitirá desenvolver terapias dirixidas especificamente contra esta enfermidade no futuro

Nace ConfIA, unha rede que aglutina dez universidades para impulsar unha IA confiable e responsable

O CITIC e o CiTIUS representarán a Galicia nesta iniciativa que reforzará a cooperación científica, a captación de talento e a transferencia de coñecemento

Fan falta máis medios de extinción para loitar contra os incendios forestais?

O consenso científico afirma que o problema é un modelo que continúa a investir máis en apagar o lume ca en evitar que se produzan grandes eventos. Por María-Luisa Chas-Amil e Emilio Nogueira-Moure

Das augas residuais ao combustible do futuro: así produce hidróxeno verde o novo sistema do CiQUS

O equipo de María Giménez-López emprega a urea como materia prima para impulsar unha nova estratexia máis sostible e eficiente